O estudo da Xunta sobre a Covid-19: un plan político ou científico?

O Sergas mantén a enquisa de anticorpos do SARS-CoV-2 no medio das críticas dos sanitarios e as dúbidas sobre o valor engadido que achega

O estudo amosou na primeira onda que un 1,15% das persoas tiña anticorpos. Imaxes: xunta.gal.
O estudo amosou na primeira onda que un 1,15% das persoas tiña anticorpos. Imaxes: xunta.gal.

Tal e como avanzou o Sergas nos días pasados, este luns comezará a segunda onda do macroestudo epidemiolóxico co que preto de 100.000 galegas e galegos se someterán a unha proba rápida de anticorpos para comprobar se estiveron expostos ao SARS-CoV-2. É a única iniciativa autonómica deste tipo que se lanzou ata o momento en España, alén do estudo de seroprevalencia ENE-COVID19 impulsado polo Ministerio de Sanidad e o Instituto Carlos III. Aínda que os resultados coñecidos ata o momento xa constataron a mínima circulación do virus en Galicia (entre un 1,15%, segundo o Sergas, e un 2,23%, cos datos do Ministerio), unhas 50.000 persoas máis vanse someter aos tests.

A magnitude da enquisa, nun momento que aínda é complicado para o sector sanitario, provocou a reacción de entidades como Agamfec, que agrupa a máis de 1.000 profesionais de medicina familiar e comunitaria en Galicia, que xa pediu en dúas ocasións a paralización da enquisa. Con todo, son máis as voces que cuestionan a pertinencia dun estudo que “detrae recursos”, e mesmo o vinculan cunha intención “propagandística”, en palabras de Agamfec, ante a inminencia das eleccións do 12 de xullo. Ante isto, son varias as dúbidas que diversos profesionais da medicina comunitaria e a epidemioloxía expoñen ao respecto:

Hai estudos semellantes noutras comunidades autónomas?

Non. Galicia foi a única comunidade autónoma que acometeu un estudo de prevalencia da Covid-19 no seu territorio. Despois de que o Ministerio de Sanidad anunciara o 6 de abril o seu plan a nivel estatal só a Xunta de Galicia decidiu impulsar o seu proxecto en paralelo, que se deu a coñecer 11 días máis tarde, o 17 de abril, e anunciado como a “mostra epidemiolóxica máis grande que se fixo no Sergas”, que mantivo aínda que o presidente do Goberno español pediu centrar os esforzos no estudo de Sanidad. En dúas ondadas, 100.000 persoas, o 3,7% da poboación galega, van pasar por un centro de saúde para seren sometidas a un test rápido de anticorpos totais.

Si existen estudios menores a nivel hospitalario, como o do Clínic de Barcelona, coordinado polo epidemiólogo galego Alberto García Basteiro, para calcular a circulación do virus entre o persoal dos centros. A nivel municipal, unha iniciativa que xerou moita polémica, e mesmo a reacción de sociedades médicas en contra dela, foi a de Torrejón de Ardoz, en Madrid, que pretendía facer probas de anticorpos a todas as persoas empadroadas no municipio. A Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria (Sespas), publicou un duro comunicado no que sostiña que este tipo de iniciativas están “totalmente desaconselladas” desde o punto de vista científico e sanitario.

Engadía Sespas que no caso de Torrejón de Ardoz abondaría con entre 1.000 e 2.000 persoas, entre un 0,7 e un 1,4% da poboación, para obter unha mostra representativa nun estudo de seroprevalencia. Advertía tamén a sociedade médica da saturación da capacidade diagnóstica e do sistema na cidade debido ao esforzo na realización no tests, así como o conseguinte gasto de recursos públicos.

Por que Galicia foi a única en facer o seu estudo?

“Iso habería que preguntarllo aos responsables do estudo en Galicia”, di Ildefonso Hernández Aguado, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidad Miguel Hernández, portavoz de Sespas e exdirector xeral de Saúde Pública do Goberno español. “Se outras comunidades, tendo a capacidade e a opción de facer o mesmo, non decidiron levalo a cabo, as súas razóns terán. Moitas veces dicimos en Sanidade que non sempre máis é mellor. Pero insisto, supoño que a Xunta de Galicia terá as súas razóns para decidir facer o seu propio estudo”, explica Hernández.

Ao presentar os resultados da primeira onda, que ofreceron un 1,15% de prevalencia, a Consellería Sanidade expuxo un triplo obxectivo: “estimar a prevalencia da inmunidade fronte á Covid-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información”, o que facilitaría, sempre segundo Sanidade, “acadar un coñecemento profundo da epidemia da Covid-19, permitindo adoptar as medidas máis axeitadas; coñecer a súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, área territorial e, sobre todo, poder anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais”.

Test realizado o 23 de abril, cando o Sergas puxo en marcha o estudo epidemiolóxico. Fonte: xunta.gal.
Test realizado o 23 de abril, cando o Sergas puxo en marcha o estudo epidemiolóxico. Fonte: xunta.gal.

Aínda que o voceiro de Sespas cre que os estudos de Torrejón e Galicia non son comparables, porque no caso galego só se analiza a unha parte da poboación, quédanlle dúbidas sobre o valor engadido que podería achegar unha enquisa desta magnitude e coa metodoloxía usada. “Hai que xustificar moi ben para que queres esa información adicional que vaias obter, e hai moitas cousas que xa cobre o ENE-COVID19, que dá información sobre a circulación do virus ata o nivel provincial. Ocupar aos servizos sanitarios con máis de 100.000 tests, e todo o que trae consigo, supón unha carga moi grande de traballo que habería que explicar claramente”, explica Ildefonso Hernández.

Neste sentido, apunta á posibilidade de que a información comarcal poida axudar a tomar decisións distintas en áreas concretas. “Entendo que se queira ter un detalle maior, ata o ámbito comarcal, pero tense que facer sabendo que se van obter máis detalles clave e de moita maior calidade cá do Ministerio. Pero por exemplo, se houbera unha prevalencia moi alta nunha comarca concreta, xa se tería sabido a través das probas feitas ás persoas que manifestaron síntomas e co seguimento de contactos; facer tests de anticorpos non achega moito máis”, explica Ildefonso Hernández.

Con todo, outras fontes aluden, apuntando á posibilidade de que haxa intención política na enquisa autonómica, a que a realización de tests masivos a unha porcentaxe importante da poboación sexa unha manobra para amosar unha maior capacidade de resposta ante á crise có Goberno central.

Petición ao Comité Ético de Investigación Clínica

Antes da posta en marcha dos estudos epidemiolóxicos, as autoridades sanitarias galegas xa dispoñían de datos que apuntaban, a raíz do seguimento de contactos das persoas contaxiadas, que a circulación do SARS-CoV-2 fora moi baixa en Galicia en relación a outras partes de España. Un escenario que se confirmou ao comezar o estudo epidemiolóxico, cando os profesionais sanitarios alertaron do baixísimo número de positivos que rexistraban. Mesmo se chegou a apuntar cara aos tests, que foran obxecto dunha polémica entre Goberno e Xunta, como ‘responsables’ dos resultados, a pesar de que o propio Sergas os validou de forma interna.

A comezos de maio, ante a situación, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), que agrupa a profesionais da Atención Primaria, o servizo sobre o que recae boa parte da enquisa epidemiolóxica, fixo público un comunicado no que pedía a finalización da mesma. “O estudo debe rematar”, apuntaron. O pasado sábado, ao saber que se mantiña a segunda onda a pesar de que o propio presidente da Xunta abrira a porta a suspendelo, a mesma entidade elevaba o ton das críticas. No texto, a xunta directiva de Agamfec anunciou que pediría ao Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia “que se pronuncie sobre este aspecto”. O texto manifestaba que “e hai alguén na Consellería necesitado de agrandar o seu currículo investigador, que o faga co seu traballo”, ao tempo que criticaban: “Este despropósito está a complicar a actividade asistencial de miles de enfermeiras na nosa comunidade autónoma, nestes momentos nos que é fundamental aproveitar os recursos para detectar os brotes de casos e para reforzar á desatendida poboación de doentes crónicos que durante o confinamento tiveron toda clase de complicacións e medo de acudir aos centros sanitarios”.

Ás críticas de Agamfec sumouse esta semana, segundo recollía Europa Press, a Asamblea de Atención Primaria da Área Sanitaria da Coruña, que nun comunicado afirmaba atoparse “ante un problema de ética profesional”, ao colaborar nun proxecto que, ao seu xuízo, non é “científicamente sólido”, cunha “utilidade epidemiolóxica dudosa, pero a clínica é nula”. Ademais, remarcouse a sobrecarga que supón o estudo con “moito traballo atrasado e moitos pacientes pendentes de consultas, probas e tratamentos”.

Un “dispendio”, estrés e falta de atención a pacientes crónicos

Jesús Sueiro, portavoz de Agamfec e médico de Atención Primaria no centro de saúde Concepción Arenal de Santiago de Compostela, salienta que, a pesar de que pasara a fase aguda da pandemia, a carga de traballo nos centros médicos está a ser alta: “Ademais do estrés que vivimos nos momentos máis complicados da pandemia, quedaron no aire moitos seguimentos a pacientes crónicos, que nalgúns casos son o 30 ou 40% das persoas que atendemos, e que debido ao confinamento viron como se agravaban algúns problemas”.

A segunda da onda do estudo epidemiolóxico, que está previsto comezar este luns, volverá ocupar, en palabras de Sueiro, moito tempo de traballo, “sobre todo a persoal de enfermaría, que tamén é clave neste momento no que temos que solucionar o agravamento dos doentes crónicos; a xente o que necesita agora é coidados, algo que non podemos facer en condicións óptimas se hai que dedicar parte da xornada a facer tests rápidos”, resume o médico.

En semellantes termos maniféstase Manuel Rodríguez, vicepresidente do Colexio Médico de Pontevedra e secretario xeral do sindicato Omega. “Nós consideramos que é un dispendio de recursos innecesarios; estamos gastando un material que nos podería facer falta no futuro, e o esforzo persoal vai ser enorme”, lamenta Rodríguez. Destaca que en xuño, “comeza o período vacacional, e precisan descansar, máis tendo en conta o esforzo ao que se viron sometidos durante a crise- Estamos chegando a un punto de saturación e desasosego que o estudo podería complicar. Non imos saber nada que non saibamos xa”.

Manuel Rodríguez insiste, ademais de apostar por recuperar a actividade e atender aos pacientes crónicos, en que “os esforzos deben centrarse en estar listos para posibles rebrotes, seguindo posibles contactos e illándoos o antes posible; se temos á xente facendo tests do estudo, perdemos capacidade para atender a isto, en caso de que suceda”.

Con todo, Rodríguez entende que a decisión sobre o estudo, unha vez feita a primeira ondada, é complicada de tomar. “Sempre vai haber detractores; se a Xunta decide paralo, pois vai haber críticas porque faltou á súa palabra, xa que sempre se falou das dúas ondas, e se continúa, pois é de agardar que haxa malestar, como xa está habendo, entre os profesionais. Desde logo, nós consideramos que este non é o momento idóneo para facelo”.

Con todo, durante os últimos días o Sergas xa comezou a contactar coas persoas da segunda parte da onda, seleccionadas a través dunha mostraxe deseñada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para seren representativas do conxunto da poboación. Segundo expuxo Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, nunha comparecencia esta semana, está previsto facer os 50.000 tests nuns 10 días, co que os resultados completos se terán a finais do mes de xuño.

1 comentario

  1. “Segundo expuxo Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, nunha comparecencia esta semana, está previsto facer os 50.000 tests nuns 10 días, co que os resultados completos se terán a finais de maio.” Será a finais de xuño?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.