A científica María José Alonso Fernández (Carrizo de la Ribera-León, 1958), unha das investigadoras máis recoñecidas de España no eido das Ciencias da Saúde, liderará desde Santiago de Compostela un proxecto de investigación para desenvolver e avaliar en estudos preclínicos unha posible vacina contra a Covid-19 baseada en ARN mensaxeiro. Este método podería ser capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte ao virus.
No proxecto, que recibirá financiamento do departamento de Saúde da Generalitat de Catalunya e o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), no marco do Fondo Covid-19, participa tamén o grupo que dirixe outra catedrática da USC, Mabel Loza, o que involucrará a un bo número de investigadores do CiMUS da USC e do Instituto de Investigacións Sanitarias (IDIS) da capital galega. Ademais están presentes o Instituto de Investigacións Biomédicas Pi i Sunyer (Idibaps) do hospital Clínic de Barcelona, a Universidade de Barcelona, o Instituto de Recerca Biomédica de Barcelona (IRB), a Universidade Pompeu Fabra, o Centro Nacional de Biotecnología (CNB-CSIC) e a Universidad Libre de Bruselas.
O obxectivo dos laboratorios é o de producir un vehículo sintético baseado en biomateriais inocuos e capaz de transportar o ARNm ao interior das células diana, de modo que logará a produción do antíxeno no organismo humano.
As vacinas de ARN mensaxeiro
Tal e como explican desde o CiMUS, as vacinas tradicionais están formadas por doses pequenas ou inactivadas do organismo causante da enfermidade, ou as proteínas que produce, que se introducen no corpo para provocar que o sistema inmunitario xere unha resposta. Polo contrario, as vacinas de ARN mensaxeiro ‘enganan’ ao corpo para que produza algunhas das proteínas virais, utilizando para iso este tipo de ARN que contén “instrucións” para construír unha proteína. Para producir unha vacina de ARNm, os científicos crean unha versión sintética do ARNm que un virus usa para construír as súas proteínas infecciosas. Este ARNm entrégase nas células, que o len para construír esa proteína viral. O sistema inmune detecta estas proteínas virais e comeza a producir unha resposta defensiva fronte a elas.
O proxecto
Para o desenvolvemento desta vacina, o equipo utilizará métodos computacionais para identificar as partes do virus que sexan capaces de provocar unha resposta notable no sistema inmunitario. Seguidamente, procederase á fabricación da molécula de ARNm máis prometedora e, por último, á súa incorporación nun vector viral ou sintético, co fin de garantir a estabilidade do ARN e favorecer a súa chegada efectiva ao sistema inmunitario. Concretamente, neste proxecto, o equipo que lidera María José Alonso terá como misión o desenvolvemento de vehículos (que simulan virus artificiais) para a protección e transporte do ARNm á célula diana.
Desde hai case 30 anos, o equipo de María José Alonso investiga novos tipos de vacinas, co apoio de institucións como a Fundación Bill e Melinda Gates, a OMS, o National Institute of Health dos Estados Unidos (NIH), o Ministerio de Ciencia e Innovación, ou a Consellería de Economía e Competitividade da Xunta de Galicia. Nesta liña, destaca o recente desenvolvemento dunha vacina contra a sida, en colaboración con investigadores americanos e canadenses, que deu lugar a resultados prometedores en macacos.
Un equipo galego avanza na formulación dunha posible vacina contra a sida
Investigacións contra a Covid-19 en Galicia
Esta nova axuda impulsa a carreira científica na procura de solucións contra a Covid-19 en Galicia. Grupos como os dirixidos por José Martínez Costas, Ángel Carracedo, Javier Montenegro, a Fundación Biomédica Galicia Sur ou o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, así como o estudo do virus en augas residuais na Coruña, forman parte dos proxectos financiados en Galicia para afrontar a pandemia.