Confirman a presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais da Coruña

O proxecto de investigación impulsado na depuradora de Bens constata tamén a eliminación do material xenético do virus antes de botar a auga ao mar

Panorámica da estación depuradora de augas residuais de Bens, na Coruña. Foto: edarbens.es.
Panorámica da estación depuradora de augas residuais de Bens, na Coruña. Foto: edarbens.es.

O proxecto de investigación iniciado hai dúas semanas na estación depuradora de augas residuais de Bens, na Coruña, que recolle os refugallos de máis de 400.000 persoas da área metropolitana coruñesa, comeza a dar os seus froitos. Este luns, o equipo científico, un grupo multidisciplinar que inclúe microbiólogos, enxeñeiros, matemáticos, informáticos e químicos de diversos centros asociados á Universidade da Coruña e o Chuac, constatou a presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais que chegan ao lugar. E ademais, confirmaron que o material xenético do virus elimínase antes da saída ao mar, o que descarta unha posible diseminación no litoral próximo á estación.

Este último dato era un dos obxectivos do proxecto, impulsado polo director xeral da empresa pública Edar Bens SA, Carlos Lamora, e encabezado pola científica Margarita Poza, responsable do proxecto de investigación. Ademais, a confirmación de que existe carga viral nas augas residuais permite avanzar na principal liña de traballo, determinar a evolución real da epidemia na área coruñesa, incluíndo a persoas que puideran ter pasado a Covid-19 sen síntomas. Do mesmo xeito, a análise das augas que chegan á depuradora converte á EDAR nunha especie de ‘sentinela‘ para previr posibles rebrotes da epidemia.

Segundo explica a Margarita Poza, “confirmamos a presenza de material xenético de SARS- CoV-2 na rede de sumidoiros da nosa comarca. Queda por determinar a integridade do virus e a súa capacidade infecciosa nestas augas residuais. En todo caso, podemos estar tranquilos porque a nosa depuradora retén o material viral detectado e as augas regresan libres de virus ao mar, o cal resulta tranquilizador para todos os cidadáns”.

Incorporación á rede europea NORMAN

Recentemente, segundo informa Edar Bens SA, o proxecto foi convidado a sumarse á rede europea NORMAN de investigación científica sobre augas residuais para colaborar nun estudo conxunto con plantas de tratamento de Francia, Noruega, Alemaña, Holanda, Eslovaquia, Suíza ou Suecia.

O estudo, no que Edar Bens SA investirá 50.000 euros, desenvolverase durante seis meses. Están a tomarse mostras de augas residuais en distintos puntos da cidade nas que se detectaron xa diferenzas na carga viral.

A depuradora da Coruña fará de ‘vixía’ para detectar o coronavirus

Toalliñas e escumas

No marco da análise de augas residuais durante a pandemia, Carlos Lamora advertiu de que se produciu un incremento de ao redor dun 18% diario do volume de toalliñas que chegan á planta depuradora de Bens desde que comezou o confinamento. “Entendemos que a cidadanía está a usar máis este tipo de elementos por motivos de hixiene e desinfección, pero é máis importante que nunca manter as boas prácticas e non botalos polo inodoro”. Lamora lembrou tamén o risco de que se produzan atascos na rede ou rebordamentos toda vez que se confirma a presenza do virus na rede, polo que o correcto funcionamento dun servizo esencial como é a depuración debe realizarse nas mellores condicións.

O responsable de Edar Bens SA destacou tamén que se duplicou a presenza de escumas nas augas residuais da Coruña e a súa área metropolitana, unha circunstancia que está ligada directamente ao esforzo de limpeza de superficies que está a levar a cabo a poboación.

2 COMENTÁRIOS

  1. Moi interesante este proxecto, dúas preguntas:
    Se podría delimitar por barrios a incidencia facendo analises ?
    Nos lodos de depuradora segue habendo coronavirus?
    brigado

  2. Si el agua puede servir de vector del virus informad cuanto antes, mucha gente se provee de agua en acuiferos naturales…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.