Tres novos proxectos galegos súmanse á investigación da Covid-19

Vista do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Foto: Sergas.
Vista do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Foto: Sergas.

Tres equipos de investigación con base en Galicia súmanse ao traballo de investigación que a comunidade científica española está a desenvolver no marco da pandemia da Covid-19. Así o anunciou este luns o Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), que deu a coñecer máis de 60 novos proxectos aprobados durante os últimos días para estudar o coronavirus e atopar solucións e melloras de aplicación inmediata sobre os pacientes e o sistema sanitario. Os proxectos impulsados desde Galicia, dous do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS) e outro no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), súmanse así aos xa concedidos ao grupo de Medicina Xenómica que lidera Ángel Carracedo, que investigará posibles determinantes xenéticos na evolución da doenza, e á iniciativa de José Martínez Costas, do CiQUS de Santiago, que desenvolverá un método patentado na propia universidade compostelá para buscar vacinas a través de microesferas.

IDIS: algoritmos e fármacos

O ISCIII explica que unha das investigacións do IDIS de Santiago ten por obxectivo identificar os pacientes máis vulnerables fronte á Covid-19 mediante o desenvolvemento dun modelo preditivo baseado na construción de algoritmos de supervivencia e na clasificación dos pacientes, que tamén medirá a efectividade de diferentes fármacos.

O outro proxecto con base en Santiago estudará o efecto do consumo de medicamentos antes e durante a infección por SARS-CoV-2 na evolución de pacientes. Analizaranse cohortes de pacientes tratados con antihipertensivos e antiinflamatorios co obxectivo de identificar terapias asociadas a unha mellor ou peor evolución da enfermidade.

Mostras e seguimento clínico

Pola súa parte, a Fundación Biomédica Galicia Sur, situada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, vai liderar a creación dunha cohorte de pacientes e de mostras asociadas ao Biobanco do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. O estudo permitirá a execución de estudos clínicos e experimentais para incrementar o coñecemento e optimizar a prevención, diagnóstico, seguimento clínico e tratamento dos pacientes infectados, favorecendo os consorcios e grupos de estudo con outros centros nacionais e internacionais.

Con estes novos proxectos, son xa 81 os que se financiaron no último mes e medio desde o Fondo Covid-19. Estes novos proxectos recibiron en total máis de 13 millóns de euros, que se suman aos 5 millóns destinados ás anteriores investigacións ata alcanzar a cifra dos 18 millóns de euros. Desta maneira, a liña de axudas que conta cun total de 24 millóns, xa investiu máis do 75% do seu orzamento.

Ángel Carracedo, á fronte dun proxecto internacional sobre a Covid-19

José Martínez: “Temos un sistema para buscar a vacina que ninguén máis ten”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.