José Martínez: “Temos un sistema para buscar a vacina que ninguén máis ten”

O equipo que lidera o científico do CiQUS obtivo financiamento para buscar a inmunización fronte ao SARS-CoV-2 a través de microesferas

O caso do grupo de investigación de Viroloxía Molecular do CiQUS de Santiago, que ten como un dos seus investigadores principais a José Martínez Costas, é un exemplo da situación que viviu a ciencia en Galicia e España nos últimos anos e a urxencia coa que agora acoden as Administracións na procura de solucións fronte á crise do coronavirus SARS-CoV-2. Este equipo, dedicado á investigación básica sobre virus, rexistrou hai anos varias patentes sobre unha metodoloxía nova para fabricar microesferas que conteñan antíxenos virais, é dicir, as ‘marcas’ que facilitan a resposta inmune do noso organismo ante a infección vírica.

Porén, a pesar de presentarse a numerosas convocatorias, só recibiron financiamento por parte dunha empresa e non tiveron apoio específico de ningunha administración pública para esta liña de investigación. Foi agora, no marco da liña de axudas convocadas a raíz da crise no Instituto de Salud Carlos III, cando este grupo de científicos se converteu no primeiro equipo galego en recibir apoio do Fondo Covid-19.

Publicidade

Este luns, poucas horas despois de reabrir o laboratorio despois de semanas de parón, Martínez Costas explicaba a GCiencia o traballo que desenvolverán nas instalacións do CiQUS. O equipo, que completan Rebeca Menaya, Natalia Barreiro e Tomás Pose, púxose en marcha para obter o antes posible as estruturas adaptadas ao SARS-CoV-2 e comezar cos primeiros ensaios en animais, dos que se encargará o Centro de Investigación en Sanidad Animal (CISA) de Madrid.

– De onde vén esta liña de investigación?

Publicidade

– Nós levamos moito tempo traballando en investigación básica, pura e dura, para comprender como funcionan algúns virus animais, como o da lingua azul, os reovirus de polos ou a peste equina africana. Un dos avances que conseguimos, e que patentamos, pode aplicarse ao desenvolvemento de vacinas. É un sistema e unha metodoloxía para buscar vacinas que ninguén máis ten, inventámola nós.

– En que consiste?

– Os virus constrúen uns compartimentos dentro da célula para axudar á súa replicación. A través deste mecanismo, o que nos facemos é cambiar estas estruturas para que as células de calquera orixe poidan fabricar microesferas moi simples e introducir dentro delas os antíxenos do virus (as partículas do virus que o organismo identifica para desenvolver a resposta inmunitaria) para que o corpo reaccione fronte a elas e a persoa adquira inmunidade.

– Que vantaxes ten este enfoque?

– A través disto podemos introducir nos organismos que non están inmunizados os antíxenos do virus, facilitando o proceso, acelerando os tempos e con menos custos. Ademais as partículas que se usan non precisan de adxuvantes químicos para estimular o sistema inmune, o que permite que se purifiquen moi facilmente. Tampouco teñen xenoma, polo que diminúe a probabilidade de que haxa problemas regulatorios. Outra das vantaxes é que ao non traballar directamente co virus, como se fai na maioría das vacinas, non precisamos de sistemas de seguridade biolóxica e laboratorios especiais, o que facilita tamén o proceso.

– Unha vez se xere a vacina, chegarán os ensaios animais. Como serán?

– En principio, co CISA de Madrid imos estudar a resposta inmune en ratos. E dependendo de como sexan estes resultados, pasaremos aos desafíos víricos, é dicir, vacinar estes ratos e logo infectalos co virus para ver como reaccionan. Pero para iso xa precisaremos de máis financiamento que o que temos. O lóxico é, se conseguimos isto, trasladar os ensaios a animais máis grandes, como macacos. Debido á urxencia da vacina, hai grupos que se están saltando o chanzo dos macacos e indo directamente a humanos, pero nós cremos que cómpre facer eses ensaios. Estamos xa en contacto con algunha empresa galega do sector da biotecnoloxía que nos apoiou na solicitude do proxecto e que posiblemente apoie tamén nestes pasos.

Un equipo galego buscará unha vacina fronte á Covid-19

– Ás veces custa explicar por que tarda tanto unha vacina.

– Polo que a nós respecta, en canto nos chegue o material que precisamos, nun mes podemos ter lista a formulación da vacina candidata para comezar a facer os ensaios, pero isto é unha pequena parte de todo o proceso. Os ensaios clínicos requiren de tempo, moitos cartos e uns métodos moi estritos para evitar que causen problemas na xente á que se lle administra a vacina. Nós estamos concorrendo a máis convocatorias, da Xunta, de organismos internacionais de Europa e Estados Unidos, en colaboración con outros grupos, para avanzar o máis rápido que poidamos. De feito, o propio CiQUS apoiounos moito neste sentido, poñéndonos todas as facilidades para comezar a traballar canto antes.

– Dicía hai uns días nunha entrevista que era a primeira vez que lle financian esta metodoloxía. É o paradigma do trato das Administracións cara á ciencia?

– Eu achácoo a que a metodoloxía é totalmente distinta á que adoita verse, polo que pode haber reticencias, e tamén está o feito de que vimos da investigación básica. Ou non temos contactos, ou non nos coñecen, pero o certo é que a pesar de rexistrar as patentes e demostrar que pode ser unha liña de traballo interesante, o único financiamento que tivemos ata agora é privado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas