Un estudo preliminar vincula o frío coa maior propagación do SARS-CoV-2

A Aemet e o Instituto Carlos III difunden os primeiros indicios que relacionan as temperaturas baixas coa maior incidencia da enfermidade

Que factores poden influír na maior ou menor propagación do coronavirus SARS-CoV-2? A pandemia e as súas consecuencias están fomentando a colaboración de científicos de moi distintas disciplinas para ter resposta á diferente incidencia da Covid-19 nos distintos territorios. Ao estudo dos movementos dos cidadáns ou os casos non detectados súmase agora tamén a meteoroloxía. A Agencia Estatal de Meteorología (Aemet) e o Instituto de Salud Carlos III publican este martes un estudo preliminar no que apuntan que a menor temperatura media está relacionada cun aumento da incidencia do virus SARS-CoV-2.

O estudo, pendente de reforzar as súas conclusións a través da obtención de información máis precisa, expón a existencia dunha correlación negativa entre as cifras de temperatura media en cada comunidade autónoma e a taxa de incidencia acumulada en cada rexión do territorio estatal. Para obter estes resultados, e en consonancia co método seguido noutras investigacións internacionais, o equipo analizou o período entre o 26 de marzo e o 5 de abril.

Publicidade

O estudo apunta a que algunhas das comunidades afectadas, como La Rioja, Castilla y León, Castilla-La Mancha ou Navarra, rexistraron nestes días unha menor temperatura media. Galicia sitúase neste gráfico nunha zona media en canto a temperatura e incidencia.

Comparativa entre a incidencia acumulada e a temperatura media o día 5 de abril. Fonte: Aemet.
Comparativa entre a incidencia acumulada e a temperatura media o día 5 de abril. Fonte: Aemet.

En declaracións recollidas por El Confidencial, o portavoz da Aemet Francisco Belda engade a explicación de que Asturias e Cantabria, a pesar de ter unha temperatura baixa, algo menor cá de Galicia, tiveran unha incidencia baixa: “Naquelas comunidades pegadas ao mar, non só hai que ter en conta a temperatura, senón tamén a humidade absoluta, é dicir, a cantidade de auga que temos”.

Publicidade

Humidade e contaminación

Alén dos resultados preliminares do estudo, as dúas institucións tamén manifestan a intención de afondar na relación entre a propagación do SARS-CoV-2 e a humidade. Así, investigacións recentes indican que as altas temperaturas e a alta humidade poderían reducir significativamente a difusión do virus, “polo que a chegada da tempada primaveral no hemisferio Norte podería reducir efectivamente a transmisión da enfermidade”, expón a a Aemet. Tamén se analizará, por outra banda, como outro tipo de factores ambientais, como a contaminación atmosférica e en especial as concentracións de material particulado PM10, poden agravar a enfermidade.

Con todo, ambas institucións insisten en que se trata de investigacións preliminares, que deberían ser desenvolvidas con maior detalle e incluíndo máis variables, como unha análise máis próxima das temperaturas e os focos que máis contribuíron á propagación da enfermidade, así como os patróns de mobilidade da poboación.

Este estudo é o primeiro resultado dun acordo asinado pola Aemet e o ISCIII para colaborar na investigación dos factores que poden influír na propagación do virus. Segundo explica o web do ISCIII, “a sinatura do convenio persegue un estudo integral para analizar en profundidade e cuantificar a influencia de determinadas variables, así como da contaminación ambiental, na difusión do virus e a incidencia da enfermidade, co obxectivo final de desenvolver un sistema de vixilancia e contención epidemiolóxica a nivel estatal baseado na alerta temperá e na monitoraxe dos devanditos factores ambientais”.

O traballo conxunto estenderase tamén, para mellorar a precisión dos estudos, a outras variables en saúde, tales como ingresos hospitalarios, ingresos en UCI e mortalidade, mellorando a identificación de zonas de risco en tempo real a nivel provincial, deseñando estratexias de diagnóstico e prevención para a xestión de medidas de actuación adecuadas desde o ámbito da saúde pública.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Coruña é a provincia galega con máis mortes por calor en 2026

O Instituto de Saúde Carlos III, a través do MoMo, contabiliza a cifra máis alta na última década, con 231 defuncións estimadas

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

De Flora a Rafael: estes serán os nomes das próximas borrascas que afecten a península

A Aemet presenta a lista para a época de temporais que comeza o 1 de setembro, e que se reservarán para os episodios meteorolóxicos de alto impacto

Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas