Martes 19 Marzo 2024

Coronavirus, datos e mobilidade: o control da crise a través do teu teléfono

As tecnoloxías de xeolocalización e a colaboración entre gobernos e operadoras son unha ferramenta máis na mitigación da epidemia

Non é nada que non estivera acontecendo xa na época anterior á crise do coronavirus. Hai anos que comezamos a converter os teléfonos móbiles nunha ferramenta emisora e receptora de grandes volumes de datos que achegan moita información sobre a nosa vida cotiá cada vez que aceptamos unha aplicación cunha política de privacidade que case nunca lemos. A novidade é que, ante a magnitude da crise, os gobernos están comunicando de forma explícita como poden dispoñer da localización dos nosos teléfonos para tomar decisións e xestionar os posibles escenarios de evolución da epidemia. Este mércores, o Goberno español anunciou que estaba a impulsar, en colaboración co Instituto Nacional de Estadística (INE) e as principais operadoras de telefonía, DataCOVID, un estudo de mobilidade da poboación “para contribuír á toma de decisións” fronte ao coronavirus.

Este estudo, que parte da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial, analizará grandes cantidades de datos “anónimos e agregados de desprazamentos da poboación mentres dure a emerxencia sanitaria e durante o tempo preciso ata que se restableza a normalidade”, segundo expón o comunicado de La Moncloa. O método, que xa se probou na Comunidade Valenciana, dividirá o territorio estatal “nunhas 3.200 áreas de mobilidade, que identifican agrupacións de poboación de entre 5.000 e 50.000 habitantes”, cos que se poderá “ter unha mostraxe de máis de 40 millóns de teléfonos móbiles en toda España”. Esta división xa se usou para enquisas realizadas anteriormente en novembro de 2019 e xullo e outubro de 2018.

Publicidade

Representación da mobilidade desde as catro provincias galegas segundo un estudo que usou a localización dos teléfonos móbiles en 2018. Fonte: Ministerio de Transportes.
Representación da mobilidade desde as catro provincias galegas segundo un estudo que usou a localización dos teléfonos móbiles en 2018. Fonte: Ministerio de Transportes.

Movementos de poboación

O comunicado do Goberno apunta tamén que o proxecto “non rastrexa movementos individuais, senón que emprega datos de posicionamento dos dispositivos móbiles, anónimos e agregados, proporcionados directamente polos operadores e eliminando calquera información persoal, sen identificar nin realizar seguimentos de números de teléfono ou titulares de forma individual”, polo que “non entra en conflito co Regulamento Xeral de Protección de Datos”. E do mesmo xeito, aclara que “a normativa sanitaria vixente ampara ás autoridades competentes a usar datos con fins de investigación en situacións excepcionais e de gravidade para a saúde pública como a actual”.

A propia Axencia Española de Protección de Datos aclarou nun comunicado que aínda que esta situación “non pode supoñer unha suspensión do dereito fundamental á protección de datos persoais” esta normativa “non pode utilizarse para obstaculizar ou limitar a efectividade das medidas que adopten as autoridades competentes, especialmente as sanitarias, na loita contra a epidemia, xa que nela prevense solucións que permiten compatibilizar o uso lícito dos datos persoais coas medidas necesarias para garantir eficazmente o ben común”.

Os datos anónimos dos dispositivos móbiles axudarán a analizar os movementos e así tomar medidas máis eficaces fronte á crise, segundo o Goberno

Así, durante o tempo que dure o confinamento, esta análise de mobilidade valerá para ver “se aumentan ou diminúen os desprazamentos entre territorios ou se hai zonas nas que hai unha maior concentración de poboación, para contribuír a unha mellor toma de decisións na xestión da emerxencia sanitaria”. Uns datos que, deste xeito, axudarán a “extraer conclusións útiles, gañando así en eficiencia para unha toma de decisións baseada na evidencia, máis coordinada e adaptada a cada territorio”.

Xeolocalización de contaxios?

A semana pasada, o propio BOE adiantaba, ademais do estudo de mobilidade, a orde de crear unha ‘app’ de autoavaliación de síntomas e recomendacións ante persoas afectadas que poida permitir o acceso á localización dos usuarios. Esta aplicación, semellante ás usadas en países como Corea do Sur para seguir a pista de posibles contaxios, xa se está a probar en Valencia, segundo explica Xataka, e tomou forma en Madrid ou Cataluña a través de ‘apps’ como CoronaMadrid ou StopCovid19Cat. Nestes dous casos, as autoridades sanitarias usan a xeolocalización para identificar zonas de maior e maior risco, por exemplo. En Cataluña, por exemplo, o mapa de posibles casos (660.000 ás 19 horas do 2 de abril) enviados a través de StopCovid19Cat sitúa cada reporte en cuadrículas por todo o territorio en función dos síntomas (leves, graves ou asintomáticos).

Mapa de reportes de coronavirus en Cataluña. Fonte: Departamento de Salud da Generalitat.
Mapa de reportes de coronavirus en Cataluña. Fonte: Departamento de Salud da Generalitat.

O maior ou menor acceso aos datos dos cidadáns por parte das Administracións (moito menor, en todo caso, do que teñen compilado algunhas das principais empresas tecnolóxicas) xera un importante debate sobre a privacidade que dá para moitas interpretacións e enfoques. Neste sentido, unha das cabezas visibles dos proxectos desenvolvidos en España, a enxeñeira Nuria Oliver, apuntaba que os datos recollidos para analizar a propagación da pandemia serán eliminados unha vez a situación regrese á normalidade e se realicen as investigacións precisas ao respecto.

Corea do Sur e a paciente 31

Nas últimas semanas, despois do éxito de Corea do Sur na contención de epidemia, e das estritas medidas tomadas en Wuhan, xurdiron voces que avogaban por replicar estas decisións no territorio español.

Nun artigo publicado en The Conversation, o investigador surcoreano Jung Won Sonn daba algunhas das claves para explicar o éxito do seu país na contención do virus. O titular xa é revelador; dito triunfo debeuse á “aceptación da vixilancia” que asumen os cidadáns. “Corea do Sur foi moi gabada polo manexo do abrocho”, pero “do que non se falou tanto foi do uso intensivo da tecnoloxía de vixilancia no país”. Isto, segundo Sonn, “é unha lección importante para os países máis liberais, que poderían ser menos tolerantes con estas medidas de invasión da privacidade, pero que esperan imitar o éxito de Corea do Sur”.

O país, explica este investigador, contaba en 2014 nas súas cidades con máis de oito millóns de cámaras de videovixilancia, é dicir unha cámara por cada 6,3 habitantes, cifra que é notablemente maior hoxe. O control esténdese, ademais dos móbiles, ás tarxetas de crédito. Alén disto, entre outros factores, o país dispón dunha industria tecnolóxica punteira no planeta (o que explica tamén a capacidade de realizar probas diagnósticas a gran escala), que permite un acceso máis sinxelo aos recursos precisos para esta vixilancia masiva. E a propia sociedade, con valores e bagaxe culturais moi distintos aos europeos, tamén induce ao goberno a optar por vulnerar a privacidade en vez de vulnerar a liberdade de movementos, como está a acontecer en Europa.

As propias circunstancias da propagación da enfermidade tamén inflúen nestas decisións. Nunha reportaxe do seu equipo de información gráfica, a axencia Reuters explicou como se puido localizar en Corea do Sur á chamada Paciente 31.  Durante 15 días, mediante o seguimento exhaustivo dos seus movementos permitiu ver como o principal foco de contaxio no país acabou sendo unha igrexa na cidade de Daegu. Debido a este control mediante a tecnoloxía, puido localizarse a boa parte dos contactos desta afectada e conter a tempo a propagación da epidemia.

Tamén se falou das medidas tomadas en Singapur, un país máis pequeno cá comarca de Bergantiños, instando a tomar as mesmas decisións en España. Alí desenvolveuse unha ‘app’ que avisaba, via Bluetooth, se unha persoa pasara preto doutra que deu positivo por SARS-CoV-2. Os cidadáns dan permiso para ceder o seu número de teléfono e recibir unha chamada para avisalos do risco de estaren infectados para que tomen medidas preventivas. É unha ferramenta que ten sentido unha vez se regrese á vida normal, ou antes da corentena, pero que, segundo algúns expertos, perde sentido toda vez que a gran maioría da poboación está xa confinada polo estado de alarma e coa súa mobilidade reducida ao mínimo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Marcos Martinón, un galego entre guerreiros de terracota: “É incrible, pero non hai dous soldados iguais”

O arqueólogo ourensán investiga dende hai case 20 anos o espectacular mausoleo do primeiro emperador chinés, un xacemento con 2.000 anos de antigüidade

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Así é ‘Mycoplasma’, a principal sospeitosa da pneumonía infantil en China

O microbiólogo Raúl Rivas fai un retrato robot da bacteria que probablemente contribuíu a disparar a incidencia de enfermidades respiratorias no xigante asiático

A misteriosa pneumonía infantil de China: “Sospeitamos dos patóxenos habituais”

O pediatra Federico Martinón cre que a repunta de enfermidades respiratorias en nenos se pode deber á fin das restricións covid