Domingo 28 Abril 2024

Primeiro resultado prometedor dunha vacina contra a Covid-19

Científicos de Pittsburg proban en ratos con éxito esta vacina de microagullas que agora deberá ser testada en humanos

Aínda queda moito, pero é un fito importante na carreira cara unha vacina contra a enfermidade Covid-19 provocada polo coronavirus SARS-CoV-2. Científicos da Universidade Pittsburg nos Estados Unidos anunciaron un grande avance nunha posible vacina en forma de parche con microagullas e ata agora testeada unicamente en roedores, que permite producir anticorpos específicos. Agora deberán solicitar o permiso para iniciar o ensaio en humanos.

O equipo da Facultade de Medicina da Universidade de Pittsburg presentou hoxe esta candidata a vacina para a COVID-19. O traballo, publicado na revista EBioMedicine, é o primeiro en ser revisado por investigadores doutras institucións (o que en ciencia se coñece como ‘revisión por pares’).

Publicidade

“Tiñamos experiencia previa en SARS-CoV en 2003 e MERS-CoV en 2014. Estes dous virus, que están estreitamente relacionados co SARS-CoV-2, apréndennos que unha proteína en particular, chamada proteína de pico, é importante para inducir inmunidade contra o virus. Sabiamos exactamente onde combater este novo virus”, apunta Andrea Gambotto, profesor asociado de cirurxía na universidade estadounidense e autor principal do estudo.

A diferenza da outra candidata de ARNm da empresa estadounidense de biotecnoloxía Moderna que vén ser aprobada para ensaios clínicos, a nova vacina proposta emprega pezas dunha proteína viral feitas en laboratorio para construír inmunidade. É o mesmo xeito no que funcionan as vacinas actuais contra a gripe.

Os hospitais galegos recollen plasma de curados como posible terapia

Os autores agora están en proceso de solicitar a aprobación do novo paso na investigación á Administración de Alimentos e Medicamentos dos EUA (FDA) antes de comezar un ensaio clínico en fase I en humanos nos próximos meses.

“As probas en pacientes xeralmente requirirían polo menos un ano e probablemente máis”, sinala Louis Falo, profesor e director de dermatoloxía na Pitt’s School of Medicine e no Centro Médico da Universidade de Pittsburg (UPMC, polas súas siglas en inglés).

“Esta situación particular é diferente de calquera cousa que teñamos visto previamente, polo que non sabemos canto tempo levará o proceso de desenvolvemento clínico. As revisións anunciadas recentemente aos procesos normais suxiren que poderiamos avanzar máis rápido”, continúa.

A nova vacina proposta só foi probada en animais e a curto prazo

Para administrar a posible vacina, probada en ratos e chamada PittCoVacc –abreviatura para Pittsburgh Coronavirus Vaccine–, os científicos utilizaron un enfoque denominado despregamento de microagullas para aumentar a súa potencia. Trátase dun parche do tamaño da punta dun dedo que contén 400 diminutas agullas que introducen as partes da proteína en espícula na pel, onde a reacción inmune é máis forte.

O parche mantense coma se fose un apósito adhesivo e as agullas, compostas de azucre e das partes da proteína, disólvense na pel. “Desenvolvémolo así para aproveitar o método utilizado para administrar a vacina contra a varíola, pero esta é unha versión de alta tecnoloxía, máis eficiente e reproducible de paciente a paciente”, explica Falo. A súa administración é “en realidade bastante indolora, coma se fose un velcro”, engade.

Cando se probou en ratos, PittCoVacc xerou anticorpos contra o SARS-CoV-2 nas dúas semanas posteriores á picada das microagullas. Aínda que os animais non foron observados aínda a longo prazo, os investigadores sinalan que, no caso dos ratos que recibiron a vacina contra o MERS-CoV, estes produciron un nivel suficiente de anticorpos para neutralizar o virus durante polo menos un ano.

Por agora, o nivel de anticorpos producido nos ratos vacinados contra o SARS- CoV-2 parece indicar que seguirán a mesma tendencia. Os científicos destacan que a vacina de microagullas contra este novo coronavirus mantén a súa potencia mesmo despois de ser esterilizada, un paso crave para facer que un produto sexa axeitado para o seu uso en humanos.

Unha vez probada en humanos, para que a vacina sexa utilizada en todo o mundo, necesitaríanse centos de millóns de doses, por iso procuraron que o proceso sexa reproducible. “Coa maioría das vacinas non é necesario abordar a escalabilidade para comezar”, indica Gambotto. “Pero cando tentas desenvolver unha vacina rapidamente contra unha pandemia, ese é o primeiro requisito”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais