A pandemia obriga a Galicia a triplicar as súas camas de UCI

Pontevedra, única provincia que non chega á cifra mínima de camas para enfermos agudos prevista polo Ministerio de Sanidad

Nos últimos días estase a experimentar un repunte das hospitalizacións de covid.
Nos últimos días estase a experimentar un repunte das hospitalizacións covid.

Nunha semana clave para o avance da chamada ‘desescalada‘ trala fase aguda da crise do coronavirus, as comunidades autónomas prepáranse para estar en disposición de pasar á chamada fase 1. Nesta etapa, o primeiro avance cara á chamada ‘nova normalidade’, levantaranse algunhas restricións do confinamento, que permitirán, por exemplo, facer reunións de ata 10 persoas, os velorios con ata 15 persoas ao aire libre, as terrazas de hostalaría ou a apertura dos pequenos locais comerciais, sempre garantindo as medidas hixiénicas e a distancia interpersonal. Para chegar a este punto, ademais de ter en conta a situación epidemiolóxica e a capacidade do sistema sanitario para previr posibles rebrotes da epidemia, un dos requisitos imprescindibles é o de “dispoñer ou ter acceso ou capacidade de instalar nun prazo máximo de cinco días” unha ratio mínima de camas de UCI e destinadas a enfermos agudos.

Con que cifras debe cumprir Galicia?

A orde do Goberno español establece que a capacidade deberá ser de entre 1,5 e 2 camas de Coidados Intensivos  e entre 37 e 40 camas para enfermos agudos por cada 10.000 habitantes. En termos absolutos, no caso de Galicia, e tendo en conta a poboación en 2019 (2.699.499 habitantes, segundo o IGE), precisaríanse nos hospitais galegos entre 405 e 540 camas de UCI e entre 9.988 e 10.798 camas de agudos.

No tocante aos coidados críticos, a pandemia estaría obrigando ao sistema sanitario galego a incrementar polo menos nun 153% as prazas, xa que segundo as cifras achegadas ao comezo da crise pola propia Xunta de Galicia, contábase con 160 camas, que nas primeiras semanas se elevaran xa a 274 habilitando, entre outros espazos, áreas de reanimación dos hospitais públicos e privados. Porén, tanto o conselleiro de Sanidade como o presidente da Xunta afirmaron que Galicia estaría en disposición de elevar a cifra, se era posible, a “400 ou 500 camas” de UCI. Castilla y León, cunha poboación semellante e cun impacto moito maior da Covid-19, tivo xa que habilitar 479 camas fronte ás 166 das que partía.

En canto ás prazas de enfermos agudos, precisaríanse case 200 máis das que se dispón segundo os datos do Catálogo Nacional de Hospitais. En 2019, había en Galicia 9.809 camas instaladas, das que 7.524 eran públicas e e 2.285 privadas. Neste punto, a previsión dos hospitais de campaña nas cidades de Santiago, A Coruña e Vigo, que finalmente non chegaron a funcionar, abondaría para paliar esta diferenza.

Aínda que é difícil obter unha fonte comparativa respecto da situación previa á crise no contexto español, os datos do Eurostat apuntan a que en Galicia había antes da pandemia 33,3 camas por cada 10.000 habitantes fronte ás 29,7 de España e as 50,4 da media da UE. O cálculo eleva a taxa galega ao 36,33 tendo en conta a cifra do Catálogo de Hospitais de 2019. Respecto ás UCI, El Orden Mundial compilou as cifras de numerosos países, que sitúan a España con 0,9 camas por cada 10.000 habitantes en 2017. Tendo en conta a cifra previa á crise achegada pola Xunta (160), a capacidade do Sergas sería de 0,59 camas por cada 10.000 habitantes, o que levaría a triplicar a capacidade diante da pandemia.

O Sergas sostén que cumpre cos mínimos

Este mesmo luns, o Servizo Galego de Saúde informou a través dunha nota de prensa de que os recursos do sistema en Galicia “superan os mínimos establecidos polo Goberno central”. O texto facía referencia ao plan de continxencia elaborado no marco da crise. Dito plan contempla, segundo sostén a Xunta, ata 10.313 camas de hospitalización convencional (38,2 por cada 100.000 habitantes) e 689 camas de coidados críticos (2,55/100.000 h), co que se superarían os requisitos marcados polo Goberno.

Neste sentido, o Sergas aclaraba que as camas serían 8.149 da rede de centros públicos do Sergas, 906 da rede de centros privados e 1.258 dunha expansión hospitalaria que se podería activar en 5 días. Esta cifra estaría, en todo caso, por debaixo do criterio de máximos que marca Sanidad (10.313 fronte a 10.798). Da capacidade para críticos, o plan contempla 554 camas na rede pública e 135 nos centros privados, engade a información.

Camas instaladas/en funcionamento

Con todo, as cifras destes recursos teñen algúns matices. Tal e como recollía Praza a semana pasada, os datos do Instituto Galego de Estatística para 2018 matizan a definición de camas instaladas e en funcionamento. A primeira delas refírese a “aquela considerada como dotación fixa do centro, que estea en condicións de funcionar, aínda que non o faga por non contar co persoal e equipamento necesario“, mentres que a segunda cínguese ás camas que están “efectivamente en servizo”. En atención a este detalle, saliéntase que o número de camas en funcionamento son menos de 9.000 (8.975) por primeira vez na serie histórica que comeza en 1999.

Que unidade territorial se terá en conta?

A orde de Sanidad avanza que, con “carácter xeral”, a unidade que se terá en conta para facer as propostas será a provincia, a illa ou a cidade autónoma, aínda que as comunidades poderán achegar, “de maneira motivada”, ámbitos de aplicación diferenciados para pasar á seguinte fase. Esta é unha das reclamacións que veñen realizando nas últimas semanas algunhas comunidades como Galicia.

Tendo en conta os datos dispoñibles sobre 2019 no Catálogo Nacional de Hospitais, tres das catro provincias galegas (A Coruña, Lugo e Ourense) xa cumprirían coas esixencias de Sanidad en canto a camas instaladas. Porén, en Pontevedra faltarían 275 camas para chegar ao mínimo.

Se se toman os datos achegados directamente polo Sergas en 2018, o esforzo sería maior, toda vez que habería que activar centos de camas instaladas, pero non en funcionamento na actualidade. Hai dous anos había, segundo Sanidade, 3.881 camas en funcionamento na Coruña, 1.196 en Lugo, 1.097 en Ourense e 2.801 en Pontevedra.

No referente ás camas UCI, os datos de Sanidad non achegan a cifra en Galicia por cada provincia. Nas illas españolas nas que xa se pasou á fase 1 (Gomera, El Hierro, La Graciosa (Canarias) y Formentera (Baleares), estase a seguir o criterio provincial, xa que en caso de precisar ingresos na UCI, en illas como La Gomera ou La Graciosa os pacientes serían trasladados a hospitais de Tenerife ou Lanzarote, por exemplo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.