Javier Montenegro: “Queremos facer un vehículo que axude a transportar a posible vacina”

O equipo do químico do CiQUS de Santiago recibe 126.000 euros do Fondo Covid-19 para traballar nos vindeiros seis meses

Un novo equipo de científicos e científicas galegas ponse en marcha para axudar na busca de solucións  á crise do coronavirus. O laboratorio de Javier Montenegro, químico do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares de Santiago), procurará durante os próximos meses o deseño de vectores peptídicos para levar ao interior das células o ARN mensaxeiro (ARNm), unha molécula capaz de desencadear no organismo a resposta inmune que free a infección causada polos virus.

A investigación do equipo de Montenegro, no que tamén participan Irene Lostalé, Marisa Juanes, Alberto Fuertes e Giulia Salluce, será posible a través dos 126.000 euros que achega o Instituto de Salud Carlos III no Fondo Covid-19, do que xa recibiron axuda media ducia de equipos con base en Galicia. “Recibir este financiamento supón un gran golpe de confianza para nós”, explicaba este martes ao xornal da USC Javier Montenegro. Tal e como explicou o químico a GCiencia, o grupo leva xa varios anos estudando este tipo de vectores in vitro, e hai pouco tempo conseguiron resultados prometedores en probas animais.

Publicidade

“O ARN mensaxeiro ten a información precisa para codificar proteínas do virus, e deste xeito poden xerarse os antíxenos necesarios para xerar inmunidade. O problema é que a molécula de ARN é moi sensible, e non é capaz de traspasar as membranas celulares. Nos queremos facer un vehículo que axude a transportar esta molécula e, deste xeito, a posible vacina”, explica Montenegro.

Desenvolvemento rápido

Unha das vantaxes deste tipo de métodos, segundo explica Montenegro, é que se poden desenvolver e demostrarse a súa efectividade rapidamente. “Os vectores non virais terán un gran impacto nas terapias baseadas en ácidos nucleicos, xa que son facilmente escalables e presentan certas vantaxes sobre o tamaño da carga e as reaccións adversas”, engade o científico do CiQUS. Estas vacinas baseadas no ARNm “teñen un gran potencial debido á súa flexibilidade, seguridade e desenvolvemento rápido, o que as fai ideais para situacións que requiren unha resposta rápida”, como é o caso da actual pandemia do SARS-CoV-2. Asegurar o procedemento a través do vehículo axeitado, que investigará o CiQUS, podería aumentar a eficiencia das vacinas e reducir a dose requirida.

Publicidade

A execución da metodoloxía que desenvolve o grupo permitiu a identificación dun candidato cunha notable mellora na eficiencia da entrega en comparación cos reactivos comerciais. Este candidato tamén se demostrou recentemente activo para a entrega in vivo de ARNm en ratos, o que suxire que pode ser un excelente vector non viral para a súa a aplicación na formulación de vacinas de ARNm.

“Se demostramos que este vector funciona ben e é seguro, podemos avanzar á seguinte fase“, adianta Javier Montenegro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia

O investigador Cristóbal Pérez súmase ao CiQUS para impulsar a espectroscopía molecular

O científico ten unha traxectoria recoñecida a nivel internacional no deseño e aplicación de instrumentación avanzada para estudar a estrutura e dinámica de sistemas moleculares complexos

Galicia abre a porta a fármacos máis seguros que se activan con luz grazas a unha tecnoloxía pioneira

A investigación do CiQUS, destacada nun editorial pola revista ‘Nature Synthesis’, presenta unha estratexia que reduce os efectos secundarios mediante activación localizada

O CiQUS desenvolve un prototipo de memoria térmica que permite controlar o fluxo de calor con voltaxe

O dispositivo, baseado en películas ultrafinas ferroeléctricas, permite “acender” e “apagar” a condución térmica de forma estable