O esforzo de científicos de todo o mundo conseguiu converter a sida e o virus que a causa (VIH) nunha doenza crónica en gran parte do planeta, deixando atrás un tempo no que a epidemia levaba por diante as vidas de millóns de persoas. Porén, aínda non chegou o día no que unha vacina poida evitar os contaxios que aínda teñen lugar, sobre todo, en países en vías de desenvolvemento.
Desde Santiago de Compostela, o grupo Nanobiofar que dirixe María José Alonso leva anos enmarcado nunha colaboración internacional que busca a mellor forma de administrar novos antíxenos fronte ao VIH empregando a nanotecnoloxía, potenciando así a resposta inmune xerada. Este equipo de científicos do CiMUS acaba de publicar un artigo que supón un importante paso de cara á fabricación a escala industrial dunha vacina. Falamos con Tamara Dacoba e José Crecente, dous dos investigadores do grupo que son a primeira e último autor do traballo.
– Como comeza esta investigación?
– María José Alonso leva dende os anos 90 investigando en vacinas, xa que naquel momento cambiara o paradigma cara un tipo de formulacións que empregaban antíxenos máis seguros pero tamén con menos capacidade de ser recoñecidos polo sistema inmune, facendo imprescindible o uso de adxuvantes. Comezaron a investigarse péptidos, proteínas e polinucleótidos, que minimizan a posibilidade de reaccións adversas pero que precisan á súa vez de vehículos que os transporten e que faciliten a súa interacción coas células do sistema inmune. No grupo xa se estudaran nanovacinas contra o tétano, a hepatite ou a gripe, e xurdiu a oportunidade de investigar sobre o VIH.
Para iso contactou cun grupo experto en inmunoloxía da Universidade de Manitoba, en Canadá, que leva moito tempo estudando o VIH e mesmo traballou sobre o terreo en Nairobi. Alí atoparon un grupo de persoas que tiña unha maior inmunidade ao contaxio pola sida. Con aqueles achados propuxeron novos antíxenos, pero precisaban dun vehículo para actuar de forma efectiva sobre o sistema inmune. E esa foi a tarefa que estamos desenvolvendo desde aquí.
– Que significa o paso que explican neste novo artigo?
– Este traballo estivo enmarcado dentro do proxecto europeo Nanopilot, un consorcio enfocado a producir nanofármacos baixo boas prácticas de fabricación en colaboración coas industrias e nunha cantidade suficiente para desenvolver ensaios preclínicos.
Aquí afrontamos un reto importante, porque a vacina candidata componse de 12 antíxenos peptídicos distintos, cada un coas súas particularidades, e cada un deles, por separado, encapsulado nun nanosistema. Destes 12 antíxenos, seleccionamos un como modelo, e estudamos en detalle todos os problemas aos que habería que enfrontarse no caso de desenvolver a produción na industria. Un logro importante foi que conseguimos validalo en tres laboratorios distintos e independentes.
Ademais disto, fixemos un escalado da formulación, e pasamos dos lotes pequenos utilizados tanto in vitro como in vivo, a escala de laboratorio, a lotes maiores que puideran chegar a empregarse en ensaios preclínicos e clínicos, o que nos achega máis á súa produción. É, por tanto, un paso importante para producir unha vacina fronte o VIH a nivel industrial.
– Como se optimizaron estes nanovehículos?
– Por unha banda fixemos unha primeira optimización do tipo de nanopartícula que transporta o antíxeno, intentando relacionar parámetros da formulación coa resposta inmune xerada. Os resultados son prometedores, porque vemos que en macacos, un 75% dos animais responderon positivamente. Por outra banda, coa formulación máis prometedora fixemos esta aproximación á produción nun entorno máis industrial con tódolos controis que se deberían adoptar.
Un equipo galego avanza na formulación dunha posible vacina contra a sida
– Que se viu nestes ensaios con primates?
– Queriamos estudar, sobre todo, como protexía a vacina a estes animais, tendo en conta que se fai por vía nasal, xa que este modo de administración evitaría o uso de xiringas e agullas e sería preferible para países en vías de desenvolvemento, os máis afectados pola sida. Unha vez vacinados, hai que ver como reaccionan ante a infección. E vimos que despois de varios desafíos co VIH, o 75% dos macacos que foran vacinados estaban libres do virus, e no grupo control o 80% infectábase. Isto axúdanos a ser optimistas, pero debemos seguir traballando.
– Por que é tan difícil superar ese “val da morte”?
– É un concepto que aparece moito neste ámbito da investigación. Dende ter resultados prometedores a nivel laboratorio ata a entrada en ensaios clínicos hai un camiño moi longo que require dun esforzo económico que non é asumible para os grupos de investigación académicos.
Ademais, o mundo da nanotecnoloxía é un mundo bastante novo, polo que caracterizar estes produtos require de técnicas e parámetros que aínda se están desenvolvendo e perfeccionando. Esta situación provoca que moitos destes nanosistemas se acaben descartando. E nisto temos que ser moi cautos e precisos, e seguir unhas pautas estritas, xa que debemos garantir a súa plena seguridade, como calquera outro fármaco, antes de levalos ó mercado.
“Dende ter resultados prometedores a nivel laboratorio ata a entrada en ensaios clínicos hai un camiño moi longo”
– E agora, que van facer?
– Como diciamos, un dos problemas clave é o do financiamento. Requírese un investimento moi importante para seguir dando pasos. Por outra banda, a vacina segue sendo bastante complexa, polo que poderiamos buscar formas de simplificala antes de levala ao mercado.
– A pregunta que sempre se fai: cando se poderá administrar?
– A ciencia leva desde os anos 80 buscando a vacina contra o VIH, pero o problema deste virus é que é moi escorregadizo. Intentouse atacar con moitas estratexias distintas, pero os mellores resultados de protección en humanos andan preto do 30%. Cremos que o horizonte de atopar unha vacina está próximo, porque así coma nós, hai xente en todo o mundo que está traballando con ese fin, e seguro que cos esforzos e a colaboración de todos acabarase atopando unha vacina eficaz.