Xoves 25 Abril 2024

O que foi (I): o golpe que ninguén agardaba (e os avisos que non se souberon ver)

As experiencias previas do SARS e o MERS, outros coronavirus xurdidos a comezos de século, non serviron para preparar a resposta fronte ao SARS-CoV-2

O que está sendo (II): unha gran reacción científica lastrada por erros na xestión

E que pasará? (III): un futuro esperanzador con tarefas pendentes

Publicidade

O 6 de novembro de 2013 detectouse un caso de coronavirus en España. Antes de converterse no voceiro gobernamental na crise do ébola en 2014, e moito antes de que 2020 o fixese famoso, o director do Centro de Coordinación e Alertas de Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón atendía naqueles días aos medios para falar dun caso importado, unha muller residente en España que viaxara recentemente a Arabia Saudita, onde se constatara a transmisión entre persoas dun virus que, en principio, circulaba só entre dromedarios. “O risco agora mesmo para España é moi próximo a cero; non se pode descartar algún outro caso importado, porque pode vir xente de Arabia Saudita, pero o risco é próximo a cero”. Unhas palabras moi semellantes ás que, máis de seis anos despois e nun contexto parecido, serviron logo como ariete para as críticas á xestión da pandemia da Covid-19. “Nós cremos, que España non vai ter, como moito, máis alá dalgún caso diagnosticado”. A primeira vez acertou, e o MERS-CoV, virus causante da Síndrome Respiratoria de Oriente Medio, causou apenas 2.200 casos en todo o mundo, aínda que cunha letalidade importante, pois faleceron por el 798 persoas, pero moi pouca xente se lembrou del nos anos seguintes. A historia do outro virus, SARS-CoV-2, pasará aos libros de historia do século XXI.

Este mesmo século comezaba con outra alerta internacional que, como o MERS, tamén se contivo. Neste caso foi o primeiro SARS, que emerxeu na provincia chinesa de Guangdong en novembro de 2002. Despois de máis de 8000 casos e 774 falecementos en arredor de 30 países, a OMS declarou como “contida” a epidemia en xullo de 2003, aínda que China seguiu rexistrando casos illados polo menos ata 2004. E a meirande parte da poboación, alén do eco de noticias afastadas daqueles días, tamén o esqueceu. Que pasou esta vez? Por que fallaron os sistemas de alerta, contención e mitigación do SARS-CoV-2? Son algunhas das preguntas para as que a comunidade científica internacional leva un ano buscando respostas. E probablemente pase bastante tempo antes de poder contestalas.

Finais de 2019

Todo comezou nalgún momento de novembro de 2019. Wuhan quedará para sempre como o epicentro da pandemia, pero ninguén pode asegurar, polo momento, que o paciente cero estivo alí. Despois de meses de atrancos por parte do goberno chinés, o equipo de expertos enviados pola OMS para investigar a orixe do SARS-CoV-2 presentou as súas primeiras conclusións a comezos de febreiro despois de semanas de investigación no lugar dos feitos. Á espera da presentación do seu informe definitivo, que se coñecerá durante o mes de marzo, o equipo desprazado a Wuhan deixou varios titulares na súa comparecencia, alén de descartar unha vez máis a orixe artificial do SARS-CoV-2, unha hipótese “extremadamente improbable” despois das investigacións realizadas.

O científico Liang Wannian, que lidera o grupo de traballo por parte da China, expuxo que o primeiro caso atopado en Wuhan produciuse o 8 de decembro de 2019, días antes do primeiro caso asociado ao mercado de mariscos de Huanan (12 de decembro). E o propio Wuanan expuxo que “de acordo á nosa investigación, este caso (do 8 de decembro) non ten relación” co mercado de Huanan. Isto leva o foco uns días atrás, xa que esta persoa manifestou síntomas arredor do 1 de decembro e a infección tivo que producirse, por tanto, a finais de novembro. As investigacións xenómicas realizadas por científicos como Antonio Salas, investigador da Universidade de Santiago de Compostela, sitúan o ‘devanceiro’ común dos xenomas do SARS-CoV-2 que analizaron arredor do 12 de novembro de 2019.

Aínda que o mercado de Huanan rexistrou os primeiros focos, parece claro que a transmisión xa se estaba a producir en máis puntos de Wuhan

Que aconteceu nese tempo? Hai varias hipóteses. Peter Ben Embarek, xefe da misión da OMS, declarou que “non atopamos evidencia de grandes focos referidos a casos de Covid-19 antes de decembro de 2019 en Wuhan e outros lugares”, pero isto non descarta, segundo o propio investigador, que o ‘salto’ do reservorio animal aos humanos se producise fóra da cidade. “Atopamos evidencias dunha maior circulación do virus en decembro. Non foi só o foco do mercado de Huanan, senón que o virus tamén estaba circulando fóra do mercado”.

Nunha posterior entrevista con Science, Ben Embarek apuntaba a un escenario “moi probable” no referente a que “algúns comerciantes do mercado de Huanan traballan con animais procedentes de granxas, como teixugos, ratas de bambú, coellos, crocodilos e outros. Sábese que varios destes animais son susceptibles a virus do SARS” e “algúns deles proceden de granxas en provincias onde se illaron coronavirus de morcegos, como Guangdong, Guanxi ou Yunnan. É probable que algúns destes animais se infectasen e levasen o virus ao mercado”, declarou. Do mesmo xeito, estudos recentes observaron virus semellantes ao SARS-CoV-2 en morcegos que habitan en Xapón, Tailandia ou Cambodia, o que leva a ampliar o foco sobre o lugar e o momento do ‘salto’ a humanos do novo coronavirus.

Propagación en Hubei e primeiro fito científico

Despois de semanas de transmisión, coas primeiras hospitalizacións e unha vez se constata un importante brote dunha pneumonía asociado ao mercado de Huanan, as autoridades chinesas alertan á OMS o 31 de decembro e o lugar pecha ao público o 1 de xaneiro. O día 10 prodúcese a primeira morte pola enfermidade na cidade.

O 12 de xaneiro, apenas cinco despois de que científicos chineses conseguisen illar o virus, ten lugar o feito que acabaría facendo posible o fito das vacinas: publícase a secuencia xenómica do SARS-CoV-2, o que permite a grupos de investigación do todo o mundo estudar en detalle o coronavirus e iniciar a procura de vacinas. Desde España, tal e como contaba a GCiencia o científico do CSIC Mariano Esteban, comezan os primeiros traballos para desenvolver a inmunización fronte á enfermidade emerxente. Do mesmo xeito, este illamento permite poñer en marcha os diagnósticos mediante a técnica da reacción en cadea da polimerase (PCR), un acrónimo que hoxe xa forma parte do vocabulario diario da sociedade.

Asintomáticos e supercontaxiadores

Un 86% dos primeiros contaxios en Wuhan non chegaron a detectarse

Foi, por tanto, unha xanela de pouco máis dun mes a que permitiu ao SARS-CoV-2 saír do lugar onde se produciron os primeiros grandes focos e reproducirse polo planeta, onde se tardou en reaccionar. Por iso as medidas na cidade chinesa sorprenderon tanto ao mundo. O 23 de xaneiro, cando a transmisión xa se estendera a Tailandia, Xapón, Corea do Sur ou Estados Unidos, sumando máis de 570 casos e 17 mortes en total, as autoridades decretan o primeiro gran confinamento en Wuhan, que se estendería despois a boa parte da provincia de Hubei. Aquilo xerou un importante impacto a nivel internacional nas noticias, pero seguíase vendo, como acontecera co SARS e o MERS, como un problema moi afastado do outro recuncho do planeta. Mais esta vez non quedou aí. Mais ao contrario: a reacción rápida de contención e rastrexo nos países orientais amosou un camiño que non se seguiu, coas consecuencias coñecidas por todos.

Un estudo publicado en maio de 2020 en Science constatou que ata un 86% das infeccións que se produciron en Wuhan antes do confinamento non foran detectadas. E observouse tamén que non se coñecía quen infectara a boa parte das persoas cuxo caso de Covid-19 foi confirmado polas análises. Así puido escapar o virus de Wuhan: un bo número de asintomáticos unido a un pequeno grupo de persoas que actuaron como supercontaxiadores; é dicir, que en determinadas condicións transmitiron o virus a un gran número de novos casos, formou a tormenta perfecta. Sábese que un número pequeno de persoas infectadas causan boa parte dos novos casos. Pero seguen tamén pendentes moitas preguntas ao respecto.

Febreiro de 2020: transmisión silenciosa e sen resposta

Marzo de 2020 foi o mes no que medio mundo se viu sacudido pola pandemia. Pero febreiro resultou clave para todo o que se vería entón. O 30 de xaneiro, a OMS xa declara a ‘emerxencia sanitaria internacional’. As análises xenómicas realizadas semanas despois amosaron que a mediados de febreiro se producen múltiples entradas do SARS-CoV-2 en España, sen que as autoridades soubesen, quixesen ou puidesen ver. E comezaron os primeiros sinais de que o horizonte se escurece: a organización do Mobile World Congress de Barcelona anuncia o 13 de febreiro que se suspende a edición de 2020, a pesar de que as autoridades catalás e españolas negaban calquera risco sanitario naquel momento. As recomendacións de prevención eran inexistentes, pero sería cuestión de días que todo estourase. Aínda estaban por chegar máis avisos.

Desde a cancelación do Mobile World Congress ata os primeiros peches en Italia, perdéronse días esenciais para conter o virus

Arredor do 20 de febreiro, no norte de Italia comezan a agromar casos non vinculados a China. Cancélase o carnaval de Venecia e prodúcense os primeiros confinamentos de localidades nas rexións de Lombardía, Véneto, Emilia-Romaña ou Piamonte. España apenas suma cinco casos, nun momento no que as análises que se realizasen en calquera recuncho do territorio estatal para detectar o SARS-CoV-2 debían viaxar ao Centro Nacional de Microbioloxía, en Madrid, co conseguinte freo loxístico.

En Galicia, aínda que non de forma directa, comezan a verse sinais: “A perspectiva cambiounos a finais de febreiro”, explica María José Pereira, xefa de servizo de Medicina Preventiva no CHUAC da Coruña. “Aínda que non había inclusión de áreas en situación de alto risco, tiñamos información de que os sistemas sanitarios en cidades como Madrid estaban xa vivindo un incremento de infeccións respiratorias que non se debían ás patoloxías habituais”. E segundo Pereira, a declaración do norte de Italia como zona de elevada transmisión supuxo “un cambio clarísimo” na percepción da situación.

A secuencia do SARS-CoV-2 revela “múltiples entradas” en España a mediados de febreiro

O primeiro gran aviso desde Italia: “Preparádevos!”

Febreiro finalizaba en España con preto de 40 casos confirmados. A nivel global, dos 83000 diagnósticos, case 79000 se produciran na China. E a vida seguía con normalidade. Pero o observado en Italia comezaba a causar preocupación. O día 5 de marzo, unha carta de tres expertos en coidados intensivos da Universidade de Milán (Maurizio Cecconi, Antonio Pesenti e Giacomo Graselli), comezou a circular entre médicos de toda Europa, despois de ser remitida por Jozef Kesecioglu, presidente da ESICM (Sociedade Europea de Medicina de Coidados Intensivos). Así o constatan facultativos galegos que viron naquela mensaxe o primeiro gran aviso.

A carta dos intensivistas italianos, escrita o 4 de marzo, era breve, pero contundente. “Estamos a ver un número moi alto de ingresos na UCI, case todas debidas a insuficiencias respiratorias graves que requiren ventilación mecánica”. Ata un 10% dos casos detectados entraban na UCI. “Preparádevos!”, advertían, ao tempo que instaban aos colegas de toda Europa a preparar plans de continxencia, adquirir equipos de protección persoal, aumentar a capacidade de coidados intensivos e instalar circuitos de Covid-19 positivos, entre outras recomendacións.

Foron, de novo, avisos que non se quixeron ou non se souberon ver. Ese mesmo día Galicia confirmaba o seu primeiro caso, España sumaba xa máis de 200 (logo veríase que eran moitos máis). En cuestión de días a curva medrou exponencialmente. O luns 9 de marzo, despois da última fin de semana de normalidade, con todo tipo de eventos multitudinarios que se celebraron en toda España, o Goberno español xa recoñecía a transmisión comunitaria en Madrid e as localidades de Labastida e Vitoria, en Álava. Nesa mesma fin de semana prodúcese na vila rioxana de Haro o primeiro confinamento dunha poboación en España.

“As persoas que tiñan responsabilidade de ver o problema non o viron chegar”, conclúe Juan Gestal, profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela e experto en Medicina Preventiva e Saúde Pública. “Todos pensabamos que era algo que podía acontecer, pero non o viamos tan próximo como puido ser”, lembra María José Pereira.

A partir dese 9 de marzo, todo acontece moi rápido. As cifras actualízanse varias veces ao día. O 11 de marzo a OMS declara a pandemia mundial. Primeiro Madrid e País Vasco, logo o resto de comunidades, tamén Galicia, dan os primeiros pasos para o que parece tan sorprendente como inevitable. En pleno século XXI, varios dos países máis avanzados do mundo teñen que recorrer a unha medida propia da Idade Media para conter un patóxeno que nin sequera se ve. Primeiro Italia, logo Dinamarca, despois Irlanda, España e a meirande de Europa viuse obrigada a pecharse na casa para frear a transmisión do SARS-CoV-2. Xa era tarde para frear, sen evitar o quebranto, do golpe que ninguén agardaba.

Galicia pecha os bares e limita a asistencia a enterros polo coronavirus

España declara o estado de alarma polo coronavirus

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses