Sábado 20 Abril 2024

O que está sendo (II): unha gran reacción científica lastrada por erros na xestión

A obtención de vacinas de gran eficacia amosa a luz ao final do túnel, pero as malas decisións nas novas ondas causaron miles de falecementos

O que foi (I): o golpe que ninguén agardaba (e os avisos que non se souberon ver)

E que pasará? (III): un futuro esperanzador con tarefas pendentes

Publicidade

A capacidade de obter en cuestión de días a secuencia xenética do SARS-CoV-2 foi a primeira gran vitoria da pandemia, a pesar de que non se puideron evitar, por desgraza, os 2,6 millóns de mortes, os máis de 117 millóns de infeccións e as consecuencias a nivel global que a Covid-19 causou e segue causando. Pero aquel 12 de xaneiro de 2020, cando aínda non se notificaran casos fóra das fronteiras da China, científicos de todo o mundo xa tiñan na man unha ferramenta esencial para combater o virus.

A primeira gran vitoria

As preto de 30000 letras que compoñen o libro de instrucións do SARS-CoV-2 revelaron, por exemplo, a breve secuencia que permite a súa entrada nas células a través do receptor ACE2. Nunha reportaxe publicada en Materia en maio de 2020 describíase de forma moi visual esta peculiaridade que converteu a este novo coronavirus nunha arma potentísima. Eran “as doce letras que mudaron o mundo”.

Ao coñecer que a proteína S (spike), unha sorte de espiga que utilizaba o virus para introducirse nas células e comezar a facer copias, era a gran virtude do SARS-CoV-2, a ciencia comezou a buscarlle o seu punto feble. O obxectivo das vacinas era, por tanto, conseguir que o organismo actuase contra ese sinal de identidade do SARS-CoV-2 e xerar protección mediante a inmunidade. E foi grazas a isto, a través de diferentes estratexias (ARN mensaxeiro, vectores virais, etc.) como se puido comezar a traballar. Era a primeira gran vitoria. Pero nada evitou, a pesar do esforzo sen precedentes, o gran impacto da primeira onda. Menos comprensible resultou aínda, para moitas persoas, que unha segunda e terceira vagas golpeasen numerosos países.

E o segundo tropezo: saída en falso do confinamento

O desconcerto da primeira onda viuse agravado por outros problemas que, aínda que estaban latentes na sociedade, non se fixeron patentes ata marzo de 2020. A perda do tecido industrial e a conseguinte carencia de recursos para producir de forma rápida e áxil equipos de protección e todo tipo de materiais destinados a conter a pandemia decimou a reacción nos hospitais. Os propios responsables de buscar no outro extremo do mundo os produtos precisos para atender a emerxencia sanitaria cualificaron de ‘zoco’ o mercado internacional, ante a incapacidade de producilo no territorio español ou europeo. Este desabastecemento levou incluso a desaconsellar o uso de máscaras de protección entre a poboación, como explicaría posteriormente o propio Fernando Simón.

Despois do primeiro confinamento “tirouse pola borda todo o sacrificio económico e persoal que se fixo”

O primeiro golpe xa se recibira, e a poboación cumpriu, na súa inmensa maioría, coas medidas decretadas polos gobernos. Pero o que aconteceu inmediatamente despois, segundo a meirande parte das persoas expertas consultadas, está directamente relacionado co aumento da incidencia, os ingresos hospitalarios e, en último termo, os miles de falecementos que tiveron lugar a partir do verán do 2020. “A desescalada foi funcionando ben, pero no último tramo quíxose ir moi rápido e saíuse tendo unhas incidencias aínda importantes”, explicaba hai dúas semanas o profesor emérito da USC Juan Gestal. “Tirouse pola borda todo o sacrificio económico e persoal que se fixo. Chegaba o turismo, cedeuse ás presións económicas, o Estado desapareceu, deixou ás autonomías que gobernasen e cada unha fixo o que puido”, engade o experto en Saúde Pública.

Entre estes erros, Gestal cita algunhas leccións aprendidas no confinamento que non se aplicaron. “Descubriuse a importancia dos asintomáticos e, por tanto, a necesidade de facer tests, agora que se dispoñía deles, contratar rastreaxadores… E iso non se fixo”. Os primeiros brotes, lembra, como o da Mariña en Galicia, e noutras partes de España, fixeron patente que se estaba lonxe de conseguir o control do virus. As semanas seguintes, cunha segunda onda a comezos do outono, supuxo un golpe contra o que non se actuou de maneira efectiva.

Os ensaios clínicos e o fito das vacina de ARN mensaxeiro

Desde a primavera xa se estaban poñendo en marcha os ensaios clínicos de diversas candidatas á vacina. O investimento de proxectos como os de Sinopharm, a Sputnik V, Pfizer-BioNTech, Moderna ou AstraZeneca-Oxford aceleraron os procedementos. Comezou entón o carrusel de comunicados de prensa, sucedidos de resultados científicos revisados por pares que foron constatando, paso a paso, o bo camiño ao que se acabou chegando. Algúns obstáculos puntuais, que son normais en calquera ensaio pero que se magnificaron no marco da gran expectación arredor da Covid-19,  xeraron inquedanza na poboación.

Acabouse chegando a bo porto, e as vacinas xa son a principal loita contra a pandemia. A gran efectividade de todas elas, e en especial as baseadas no ARN mensaxeiro, marcarán un gran avance na acción contra enfermidades infecciosas. Esta técnica é o froito de decenios de investigación básica, moitas veces desenvolvida por científicos e científicas que traballan no anonimato. Pero o impacto mundial do coronavirus probablemente fará inesquecibles nomes como os de Katalin Karikó, unha bióloga húngara afincada nos Estados Unidos que viu, despois de anos de portas pechadas aos seus postulados, como as súas investigacións están a salvar a vida de centos de miles de persoas no mundo. E o seu nome xa soa como un dos vindeiros premios Nobel de Medicina. Mais a pesar da fazaña de Karikó e o resto de científicos implicados na vacina, e á espera de completar a velocidade de vertixe os ensaios clínicos, os erros na xestión da pandemia volveron levar vidas por diante.

As variantes e o Nadal que custou miles de vidas

O 14 de decembro de 2020, o secretario de Saúde do Goberno británico, Matt Hancock, declaraba na Cámara dos Comúns que os servizos de vixilancia xenómica do Reino Unido identificaran unha “nova variante” do SARS-CoV-2 que “podería estar detrás asociada coa rápida propagación observada no sueste de Inglaterra”, e que se estaba “incrementando rapidamente”. Foi a primeira mención á nomeada como variante B.1.1.7.

Cada copia que fai de si mesmo o SARS-CoV-2 vai incorporando, co tempo, grallas no xenoma que ás veces poden convertese en relevantes. Forma parte dun proceso natural da interacción entre os virus e os seus hóspedes. Se un cambio accidental facilita, por exemplo, a entrada do virus nas células, será máis sinxela a transmisión e, por tanto, estas novas ‘versións’ do virus poden acabarse impoñendo. É o caso das variantes máis mediáticas, como, ademais da B.1.1.7 (detectada no Reino Unido), a B.1.351 (Brasil) ou a P1 (Sudáfrica).

E o destas variantes forn un aviso, de novo, como na primavera, como a comezos do outono, ao que non se prestou a suficiente atención. A pesar do impacto causado por outras variantes en Sudáfrica ou Brasil, España ou Portugal permitiron a mobilidade no Nadal. Aqueles días poden recrearse de forma palpable coas curvas desta terceira onda. O día no que Matt Hancock falaba, Reino Unido e Irlanda medraban case en vertical, impulsados pola nova variante. Poucos días tardou en observarse o mesmo en España e Portugal.

A ausencia dunha vixilancia xenómica efectiva (España é un dos países que menos mostras secuencia en Europa) e a falta de reacción, co levantamento das limitacións de mobilidade nas festas, causaron unha terceira onda aínda máis letal en moitos lugares cá segunda e a primeira. O día no que se informou da nova variante no Reino Unido, as cifras oficiais de España falaban de 48.000 falecementos con diagnóstico positivo de Covid-19. Este martes xa ascendían a 71.000. 23000 persoas perderon a vida nos últimos tres meses, e unha boa parte delas poderían evitarse de non caer de novo nos erros previos. Galicia, de feito, padeceu entre xaneiro e febreiro os momentos máis críticos da pandemia,

Todos diciamos que había que tomar medidas cara ao Nadal, porque este é un virus que se transmite por supercontaxiadores e eventos de supetransmisión, é dicir, reunións en lugares pechados onde se baixa a garda, se quitan as máscaras e pode haber risco de presenza de persoas asintomáticas que contaxien a outras “, conta Juan Gestal. “Permítense as reunións de Noiteboa, de Nadal, Fin de Ano, Aninovo e Reis. Erro tras erro. Chegar tarde tras chegar tarde“, critica o profesor emérito da USC.

Un raio de luz

O novo golpe da terceira onda amorteceuse, canto menos un pouco, polo comezo do proceso de vacinación. Nieves Cabo, residente do centro Porta do Camiño de Santiago de Compostela, convertíase na primeira persoa en ser vacinada en Galicia, o mesmo día no que a Unión Europea se sumaba a China, Rusia, Reino Unido ou os Estados Unidos no comezo da inmunización da poboación.

A poboación institucionalizada en España xa está a experimentar de primeira man o efecto das vacinas. A mortalidade en residencias de maiores e outros centros sociosanitarios reduciuse notablemente desde que se completou o proceso de vacinación. E outros países máis avanzados na campaña, como Israel, xa amosan sinais de protección moi alta na poboación maior de 60 anos, rango de idade no que os casos graves baixan a gran velocidade.

O optimismo unido ao descenso de casos despois das restricións causadas pola terceira onda reina nestes días. Pero no horizonte mantense, de novo, o risco de que o relaxamento das medidas, xunto ao cansazo da poboación, poida causar unha nova onda nun momento no que a inmunidade segue sendo baixa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204