Juan Gestal: “Apostar pola investigación básica é como ter millo no hórreo”

O profesor emérito da USC comentou nun encontro con GCiencia o primeiro ano da pandemia da Covid-19 e as perspectivas cara aos vindeiros meses

O profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela Juan Gestal advertiu este xoves nun encontro con GCiencia en manter a precaución fronte á Covid-19 na ‘desescalada’ que comeza este venres en Galicia. Gestal, unha das voces máis consultadas neste ano de pandemia, lembrou que nas vagas anteriores se foi “de erro en erro”. Do mesmo xeito, insistiu na necesidade do apoio á investigación, nun momento no que as vacinas aprobadas por algunhas das potencias científicas no mundo xa se están usando en España. “Apostar pola investigación básica é como ter millo no hórreo”.

O comezo da pandemia

Mirando cara as primeiras fases da crise, Gestal lembrou as primeiras mesas redondas organizadas en febreiro de 2020 na Facultade de Medicina, cando a pandemia aínda se cinguía, segundo os datos oficiais, á China, Irán ou Italia. “Preocupounos moito cando vimos que en Irán os casos deixaron de ter conexión con China, e como se comezou a producir transmisión comunitaria en Italia”, destacou.

Fronte a isto, a xuízo de Gestal, “as persoas que tiñan responsabilidade de ver o problema non o viron chegar”. Despois dos casos importados, destaca que “a avaliación do risco que se facía a finais de xaneiro e comezos de febreiro dicíase que era baixa”. Fronte a isto estaban as medidas tomadas na China, con confinamentos de cidades de millóns de habitantes.

Por que caemos de novo nos erros?

O profesor emérito da USC valora que “o confinamento foi exemplar” por parte da cidadanía no cumprimento das medidas de prevención. Pero despois, porén, foise “de erro en erro”. Cre que “se quixo ir moi rápido, acelerando a desescalada cunha incidencia aínda importante, e isto tirou pola borda o esforzo, o sacrificio económico e persoal” que supuxeron os case dous meses de confinamento estrito.

Despois da crecida de contaxios no verán e, posteriormente, no outono, a maior permisividade no Nadal provocou “un tren de eventos de supertransmisión”. Neste papel, cre, xogaron un papel clave os “supercontaxiadores” que, en contacto con diferentes grupos de persoas por mor da maior mobilidade e interaccións sociais, causaron o grave impacto da terceira onda. “Foi un impacto terrible, con gromos que afectaron a familias enteiras con mortes de pais e fillos”, lamenta.

O Nadal provocou “un tren de eventos de supertransmisión”, di Gestal

Neste punto, Gestal tamén pon sobre a mesa o cambio epidemiolóxico que supuxo a aparición de variantes máis transmisibles, como a B.1.1.7 detectada no Reino Unido. “Hai que entender a realidade, e adaptarnos a ela”, destaca.

Ante a resposta do que puido fallar, Gestal atribúe a responsabilidade ás autoridades. “No confinamento demostrouse que se nos din que hai que quedar na casa, quedamos, pero se nos din que podemos saír, pois saímos. É certo que algunha xente puido cometer infraccións, pero se á xente se lle permitiu a mobilidade, o contacto social, en espazos pechados, e co factor do clima invernal… sabíase que podía pasar isto”.

A nova desescalada en Galicia

No día no que comeza a nova desescalada, o investigador recoñece que, despois de case un ano de pandemia e meses de restricións severas, “todos estamos deseando ter unha maior mobilidade”. Mais esta debe ir acompañada de “extremar as medidas prevención, evitar os espazos pechados durante tempo prolongado, poñer moito acento na ventilación, usar a FFP2 nestes espazos, e, en todo caso, manter a distancia de seguridade”.

“A hostalaría non é o lugar onde se produce a transmisión, pero é un motivo para saír da casa, e iso trae risco”

Sobre as restricións na hostalaría, Gestal cre que estes locais “non son os lugares onde se produce propiamente a transmisión, pero si é certo que son motivos para saír da casa e incrementar as nosas relacións sociais, e iso é o que trae risco”.

Respecto ao levantamento dos peches perimetrais e a apertura cara a unha maior mobilidade, cre que “quizais habería que agardar máis para empezar a desescalar, tendo unhas incidencias máis baixas, porque isto significa que habería menos fontes de transmisión na comunidade e, en caso de producirse gromos, sería máis sinxelo controlalos”. Apunta a que, probablemente, estas incidencias deberían estar por baixo dos 50 casos/100.000 habitantes a 14 días, fronte aos preto de 200 que Galicia mantén na actualidade.

Do mesmo xeito, advirte da predominancia das novas variantes, que en Galicia xa son maioritarias segundo as últimas análises xenómicas do SARS-CoV-2

“Cero Covid?”

É posible unha estratexia que pase por ‘erradicar’ o virus na sociedade, como fixeron algúns países? “Eu creo que si; na China, Australia ou Nova Zelanda optaron por esa estratexia, o que pasa é que o resto dos países equivocámonos, decidimos convivir coa enfermidade por mor das presións económicas”, expón o experto.

Fai tamén unha análise cara ao futuro: “Eu creo que cando reflexionemos, despois de que todo isto pase, igual chegamos á conclusión de que para a economía tería sido mellor ir a ‘Covid cero’. Pode ser un esforzo moi importante ao principio, pero estamos vendo que iso permite reactivar a economía moito antes”.

Cara ao futuro?

Cara ao escenario a curto e medio prazo, Gestal incide na necesidade de acelerar o ritmo de vacinación. “Son optimista, pero teño os pés no chan. En marzo e abril chegarán máis vacinas, como a de Janssen ou a de Novavax, que nos farán ir máis rápido. Pero mentres non academos unha inmunidade de grupo importante, teremos que seguir con moito coidado e mantendo as prevencións”.

O profesor tamén se referiu á necesidade de apostar pola investigación a nivel autonómico e estatal para estar mellor preparados noutra situación semellante. “España ten vacinas en desenvolvemento, e seguramente algunhas se utilicen nesta pandemia. Pero estanas facendo persoas que cobran pouco máis de 1000 euros, dirixidas por investigadores xa xubilados. Hai que apoiar decididamente a ciencia, porque o apoio á investigación básica é ter millo no hórreo; se nalgún momento fai falta, haberá millo no hórreo”.

En relación a isto, Gestal lembrou o avance das vacinas de ARN mensaxeiro, que están xogando un papel esencial nesta pandemia con grandes niveis de efectivade. “Se hoxe as temos é porque se traballou moitos anos nelas, investindo moitos millóns de euros. E telas dispoñibles fixo posible que en menos dun ano poidamos estar vacinando a millóns de persoas. Pero para isto fai falta apoio, público e privado, precisamos empresas e emprendendores que aposten pola ciencia”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.