Mariano Esteban: “Debemos ter as nosas propias vacinas”

O microbiólogo, formado na Universidade de Santiago, comparte con GCiencia os avances da vacina que deseña contra a Covid-19

Mariano Esteban, no seu despacho do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC. Fotos: Inés Poveda/CNB-CSIC.
Mariano Esteban, no seu despacho do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC. Fotos: Inés Poveda/CNB-CSIC.

Desde a Tierra de Campos, Mariano Esteban Rodríguez (Villalón de Campos-Valladolid, 1944) chegou a Santiago de Compostela a comezos dos anos 60 para estudar Farmacia. Graduouse primeiro nesta titulación (1967) e mentres facía a súa tese sobre resistencias de bacterias fecais a antibióticos, presentada en 1970, comezou a estudar Ciencias Biolóxicas, nas que se licenciaría en 1972. Lembra aquel tempo como uns “anos marabillosos” no departamento de Microbioloxía, naquel momento no Pazo de Fonseca, desde a cal miraba a través da xanela a efervescente vida compostelá da época. Foron anos a carón de investigadores moi relevantes na ciencia galega, como Benito Regueiro Varela, pioneiro da Microbioloxía no país, ou Ramona Vaamonde, a quen considera “unha referencia e unha gran personalidade científica, á que non se lle deu o verdadeiro valor que tivo”.

Despois dos primeiros pasos da carreira en Galicia, onde lembra o “gran compañeirismo dos estudantes”, cun grupo que segue xuntándose todos os anos, Esteban pasou 22 anos en Inglaterra e Estados Unidos. Regresou a España en 1992 para dirixir o Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC, institución na que segue traballando hoxe. Nestes 50 anos de carreira converteuse nunha referencia no estudo dos patóxenos causantes da sida, a malaria ou a leishmania, para as que deseñou candidatos vacinais. E con 76 anos, cando estaba xa reducindo a actividade investigadora no seu laboratorio, a pandemia da Covid-19 levouno a abordar o desafío de obtener o ansiado antídoto. A partir doutro dos virus cos que traballou, o virus vaccinia modificado de Ankara (MVA), usado na vacina que erradicou a varíola, Esteban e o seu equipo desenvolveron un antídoto que xa obtivo bos resultados en modelos animais e iniciará nos vindeiros meses ensaios clínicos en humanos, e no que colaborarán para a produción coa empresa galega Biofabri.

Todo isto realizouse, segundo destaca, cun equipo sen contratos estables, que depende da continuidade de Esteban para seguir optando a proxectos que financien o seu salario, e cun orzamento moitas veces menor ao das vacinas que xa se están administrando á poboación. Mais insiste en que a da inmunización será unha carreira de fondo, para a que será preciso apostar, dunha vez, pola investigación, para colocarse  nunha boa posición e evitar posibles obstáculos para protexer á poboación como os que están xurdindo nas últimas semanas.

– Cando deciden poñerse en marcha para buscar a vacina?

– O mesmo día no que se publica a secuencia do xenoma do SARS-CoV-2, en xaneiro de 2020, chamo a Juan García Arriaza, un dos meus colaboradores, e comezamos a traballar no desenvolvemento da vacina, porque xa sabiamos os pasos que tiñamos que seguir. Levamos máis de 30 anos traballando en vacinas e ensaios clínicos con virus como o VIH, Zika, Chikungunya ou Ébola con eficacias altas, polo que estabamos preparados.

Obtivemos pronto o primeiro candidato vacinal, e comezamos a buscar a forma de desenvolvelo e producilo. Creo que fixemos un percorrido bastante rápido, considerando que se trata dun patóxeno novo e que non temos a capacidade tecnolóxica ou económica doutros proxectos.

– En que consiste o seu antídoto?

– Achegámonos ao que a historia das vacinas nos ensinou: baseámonos nunha variante atenuada da vacina que se usou para erradicar a varíola. Foi unha pandemia devastadora, que durou séculos ata que se conseguiu erradicar do planeta grazas ás vacinas. Usando este mesmo vehículo, insertamos no seu ADN o xene correspondente á proteína S do SARS-CoV-2.

Cando este vehículo entra nunha célula, recibe as instruccións para producir unha gran cantidade da proteína S, e iso leva a que o organismo a considere como estraña e comece a producir anticorpos neutralizantes. Ademais activa la formación de linfocitos T, que son esenciais para a eliminación das células infectadas. Así, o propio sistema inmune recoñéceas  e consegue destruílas.

Deste modo, esta vacina induce a activación desas dúas ramas do sistema inmune, polo que resulta unha resposta moito máis ampla ca outras vacinas, por exemplo as baseadas en ARN mensaxeiro.

 – Que supoñen os resultados que publicaron no Journal of Virology?

– Nunha vacina, o primeiro que hai que demostrar é a eficacia, e o primeiro é facelo en modelos animais, e logo trasladalo a persoas. O que fixemos foi traballar con ratos humanizados, susceptibles á infección por SARS-CoV-2, e vimos que ao ser infectados morren ao cabo de cinco-seis días. Pola contra, os que vacinamos quedan totalmente protexidos. Relacionamos isto con que tamén se activaba a formación dos anticorpos neutralizantes e os linfocitos T. Vimos que había unha ampla formación de linfocitos que están circulando e que son capaces de recoñecer e destruír á célula infectada.

Agora estamos vendo se son duradeiras no tempo. E ademais imos levar estas vacinas a modelos de hámster para comprobalo (saberémolo nun mes, ou mes e medio), e tamén en modelo de macacos, que iniciaremos os ensaios neste mes.

Biofabri, peza clave desde O Porriño na vacina contra a Covid-19 do CSIC

– E que quedaría por diante?

– O paso seguinte, como é lóxico, é levalo a humanos. Para isto precisamos ter o produto en condicións clínicas, o que se denomina condicións GMP, que está fabricando Biofabri. Para iniciar os ensaios clínicos tamén temos que presentar un dossier á Axencia Española do Medicamento para, que xa está bastante avanzado, e probablemente estea listo a mediados de febreiro. Unha vez se revise, se corrixa e se aprobe (o que agardamos tamén nas próximas semanas) poderemos seguir adiante neste aspecto.

Ao tempo estamos en contacto cos hospitais nos que imos facer as fases clínicas. Habería unha primeira, con 112 voluntarios, e unha segunda, con arredor de 500. Nestas dúas fases avaliarase, sobre todo, a seguridade e a inmunoxenicidade. E xa pasaríamos á fase 3, se todo vai ben, bastante avanzado o 2021, na que recrutaremos a miles de voluntarios, tanto en España como noutros países.

– Como xorde a colaboración con Biofabri?

– O CSIC xa colaboraba con Biofabri a través de equipos como o de Vicente Larraga, cunha vacina fronte á leishmania, na que o noso grupo tamén colaborou. Cando nos puxemos en marcha coa vacina contra o coronavirus tamén pensamos en eles, porque era o socio lóxico.

No mes de marzo unha empresa alemá ofreceuse a producir a vacina que xa estabamos desenvolvendo, desde a fase clínica ata a industrial. Pero o Ministerio de Ciencia considerou que era conveniente establecer relacións con empresas nacionais, e nós tamén pensamos que era máis acaído. A verdade é que estamos encantados, porque son persoas extraordinarias, dispostas a axudar en todo, e estamos en estreito contacto para o proceso de produción.

– Estamos nunha carreira sen precedentes pola vacina e os prazos acúrtanse enormemente. No seu caso, que tempos manexan?

– O obxectivo é chegar canto antes. España ten que estar aí, pode, e debe, como país avanzado. Temos os científicos, temos o coñecemento e a experiencia de moitos anos facendo vacinas. No CSIC estamos traballando en tres proxectos, con distintos tipos, que se complementan uns cos outros. Hai que pechar o círculo, da investigación básica á sociedade, pasando pola translación ás empresas e a aplicación clínica.

E isto tamén ten que servir como país para desenvolver todas estas infraestruturas tan necesarias para non depender de que nos envíen as vacinas outras empresas de fóra. Debemos ter as nosas propias vacinas, para usalas tanto dentro como fóra do país, e axudar tamén a quen o precise.

Esteban leva 50 anos investigando sobre o control de patóxenos. Foto: Inés Poveda/CNB-CSIC.
Esteban leva 50 anos investigando sobre o control de patóxenos. Foto: Inés Poveda/CNB-CSIC.

– Dicía hai uns días que “non haberá unha vacina gañadora”, senón que será preciso combinalas.

– Xa hai moitos prototipos en marcha. Algunhas avanzaron máis rápido, porque tiñan un gran apoio tecnolóxico e económico, ou eran máis sinxelas de desenvolver. E hai outras que irán engadíndose ao mercado. É bo que haxa varios tipos de vacinas.

Teremos que ver que acontece, por exemplo, cando se use a mesma vacina de forma repetida. É posible, por exemplo, que o resultado sexa mellor se a combinamos con outra. Nós xa expuxemos en ensaios clínicos hai case 30 anos, nun artigo na revista PNAS, que a combinación de vacinas contra a malaria é un procedemento moito máis completo que cando se administra a mesma unha, dúas ou tres veces.

– Que se precisaría para que o proceso vaia máis rápido? Isto vai ser un sprint ou unha carreira de fondo que habería que comezar tempo atrás?

– O importante é ter apoio á investigación. Non podemos estar cunhas condicións deficitarias. Precisamos apoio á I+D, fortalecer o sistema sanitario para que se poidan desenvolver os ensaios clínicos; fortalecer o tecido empresarial, e non ter tanta dependencia exterior para poder producir vacinas.

A sociedade está demandando todo isto; a xente ve que de súpeto nos ‘cortan’ as vacinas. Os políticos son conscientes da necesidade, pero é preciso ese apoio nos Orzamentos do Estado.  Aí estamos todos, porque isto redunda no beneficio común.

Mariano Esteban é graduado en Farmacia e Ciencias Biolóxicas e doutor en Microbioloxía pola USC. Foto: Inés Poveda/CNB-CSIC.
Mariano Esteban é graduado en Farmacia e Ciencias Biolóxicas e doutor en Microbioloxía pola USC. Foto: Inés Poveda/CNB-CSIC.

– O seu grupo investigou sobre doenzas que seguen causando moito dano no mundo, como o sida ou a malaria. E son precisamente estas zonas as que quedarán á cola para protexerse contra a Covid-19. Que sensación lle esperta esta desigualdade?

Hai organizacións como GAVI, ou a Fundación Bill e Melinda Gates, que están facendo un esforzo moi importante para recrutar fondos e levar vacinas aos países más pobres. Xa o fixeron co VIH, do que non hai que esquecer que seguen morrendo 700.000 persoas cada ano, e non hai tanto tempo que eran dous millóns, e hai 37 millóns de persoas infectadas.

Hai outras pandemias, e a xente segue morrendo. Afortunadamente desenvolvéronse fármacos antivirais, e isto está posibilitando que a xente xa non morra tanto. Antes un diagnóstico de VIH era unha morte segura. Pero a malaria segue con altas taxas de mortalidade, sen esquecer outros virus que poden xurdir e dar o salto á especie humana. A Covid-19 foi un sinal da alta vulnerabilidade que temos a cousas tan pequenas como é un virus.

– Deberiamos prepararnos xa para a próxima pandemia?

– Estamos abocados a que isto se repita. E non nos podemos permitir que se produza outra vez isto, cunha perda tan grande de vidas, de destrución da economía… Non podemos facer como as avestruces, enterrar a cabeza no solo e facer que non vemos nada. Os responsables a todos os niveis teñen que actuar para evitalo.

“Eu non teño ningunha persoa funcionaria no laboratorio; se acaba un proxecto, van á rúa”

– Se lle din que hai algo máis dun ano que ía estar inmerso nisto… Porque vostede estaba practicamente xubilado, como Luis Enjuanes e Vicente Larraga, outros dous investigadores que traballan na vacina.

– Eu seguía traballando no laboratorio porque tiña proxectos cos que cumprir, pero xa estaba, como quen di, en retirada. E coa experiencia acumulada, era lóxico. Tiñamos unha obriga moral: se sabemos facer isto con rapidez, e é algo que non pode facer calquera, por que non o imos facer?  Tiñamos o persoal formado, a tecnoloxía precisa… Era obvio que tanto Luis Enjuanes, como Vicente Larraga, coma min, consideramos que tiñamos que colaborar.

– Ademais a situación de laboral de boa parte do seu equipo non é precisamente estable.

Non teño ningunha persoa funcionaria no laboratorio. Todos están contratados por obra e servizo. Se acaba un proxecto van á rúa, e se eu marcho péchase o laboratorio. A min gustaríame que o persoal do laboratorio entrase no sistema, que fose ascendendo na carreira científica, pero o sistema non saca prazas. A min preocúpame que non haxa ninguén no laboratorio cunha posición estable porque non saen prazas. Hai persoas moi ben preparadas, pero fai falta establecer unha carreira científica baseada en méritos para que se vaia incorporando xente.

O exemplo é o que pasou co laboratorio de Juan Ortín, un dos mellores laboratorios de investigación da gripe a nivel mundial. Xubilouse e España perdeu un liderado internacional nesta materia, cun gran equipo detrás. E vese tamén con xente que fixo a tese aquí, e que ten que buscar oportunidades fóra. Nisto tamén hai exemplos: a unha persoa que traballou aquí comigo ofrecéronlle unha praza en Texas e para comezar déronlle tres millóns de dólares. Cando falas con xente doutros países e lle dis os cartos que tes para un proxecto, ou os salarios que temos… é outra dimensión. E non podemos permitir isto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.