A carreira pola vacina contra a Covid-19 foi, en primeiro termo, un sprint, das grandes multinacionais e os grupos de investigación con maior capacidade económica no mundo para obter canto antes o antídoto. Pero tamén será unha carreira de fondo, na que dispoñer de diversas fórmulas achegadas por diferentes laboratorios e institucións aumentará as posibilidades de responder ao desafío que aínda queda por diante na pandemia. Neste sentido, o Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC anunciou este xoves que o candidato vacinal MVA-CoV-2-S, acadou unha eficacia do 100% de protección contra o coronavirus en ratos, segundo expoñen nun artigo publicado en Journal of Virology.
O proxecto, dirixido polos virólogos Mariano Esteban e Juan García Arriaza, usa como vehículo o virus vaccinia modificado de Ankara (MVA) para transportar a proteína S do SARS-CoV-2 que estimule a defensa inmunitaria contra o coronavirus. Este avance serve para dar o seguinte paso e comezar as probas clínicas, nas que colaborará a empresa Biofabri, do grupo Zendal, con base no Porriño. A biotecnolóxica está xa a fabricar os lotes GMP (Good Manufacturing Procedures, polas súas siglas en inglés) que serán usados nas probas clínicas, e xa ten definido o proceso industrial para a fabricación de lotes comerciais tan pronto como a fase de desenvolvemento clínico conclúa. Biofabri tamén colabora con outra das vacinas avanzadas contra a Covid-19, a de Novavax, agora mesmo na fase III de ensaios clínicos, e cuxo antíxeno se fabricará na mesma planta.
O seguinte paso que dará o proxecto impulsado polo CSIC é a solicitude do permiso á Axencia Española do Medicamento para os primeiros ensaios clínicos, fases I/II, que poderían iniciarse nunhas semanas.
“Observamos que o candidato vacinal MVA-CoV-2-S xera unha resposta inmunitaria robusta con produción de anticorpos neutralizantes e activación de linfocitos T en ratos”, explica Mariano Esteban, que dirixe o laboratorio de poxvirus e vacinas do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC), e doutor en Microbioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela.

“Describimos que a vacina confire unha protección do 100% contra o SARS-CoV-2 nun modelo de rato humanizado susceptible á infección por SARS-CoV-2, o cal é moi importante”, subliña Juan García Arriaza, investigador do grupo.
Neste caso, o virus MVA foi modificado para expresar a proteína S completa do SARS- CoV-2, que é a chave que permite a entrada do coronavirus nas células humanas. Incorporada no vehículo MVA, esta proteína prodúcese tan pronto como o virus penetra na célula e é a que ensina ao sistema inmunitario como debe recoñecer ao coronavirus real e como debe eliminalo.
O relevante da investigación, segundo destaca o CSIC, é que a vacina produce altos niveis de anticorpos IgG específicos fronte á proteína S do coronavirus e ao seu dominio de unión coa proteína ACE2 que serve de receptor das células humanas. Ademais, as mostras serolóxicas dos ratos vacinados neutralizaron de forma moi potente ao SARS- CoV-2 en cultivos celulares.
O estudo demostrou que a administración dunha ou dúas doses deste candidato vacinal protexe ao 100% dos ratos humanizados da enfermidade e letalidade causada polo SARS- CoV-2. Con dúas doses da vacina prodúcese unha inhibición completa da replicación do virus nos pulmóns. “Estes resultados demostran que a vacina para a Covid-19 baseada no vector MVA produce unha inmunoxenicidade robusta e unha eficacia completa en modelos animais, e apoian a súa futura aplicación en ensaios clínicos”, indican os científicos.
Os investigadores mostran ademais no estudo que a vacinación combinada con dúas vacinas diferentes, unha en primeira dose baseada en ácido nucleico (ADN-S) e outra en segunda dose (MVA-CoV2-S), produce niveis máis altos de activación de linfocitos T que a administración de dúas dose de MVA-CoV-2-S, o que ten relevancia cando se pretende incrementar a poboación de linfocitos T para conseguir respostas inmunes máis amplas e duradeiras.
Para definir un maior espectro de acción da vacina e cumprir cos requisitos das axencias reguladoras para os ensaios clínicos, están a levarse a cabo experimentos de inmunogenicidad e eficacia no modelo de hámster e proximamente efectuaranse tamén con macacos. Se todo vai segundo o previsto, poderíanse iniciar as fases clínicas I/II nunhas semanas e avanzar posteriormente cara á fase clínica III.
Referencia: COVID-19 vaccine candidates based on modified vaccinia virus Ankara expressing the SARS-CoV-2 spike induce robust T- and B-cell immune responses and full efficacy in mice (Publicado en Journal of Virology).















