O gomo de cólera de 1975 causou inquedanza en Santiago e a comarca.
O gomo de cólera de 1975 causou inquedanza en Santiago e a comarca.

Santiago, 1975: o enigma da última visita do cólera a Galicia

Galicia tamén tivo os seus tempos do cólera. No século XIX, cando a enfermidade provocou millóns de mortos en todo o mundo, unha das epidemias máis graves que afectou á Península entrou polo porto de Vigo. E aínda que hoxe pareza unha doenza doutros tempos, hai apenas 40 anos que un brote deixou en Galicia unha vítima mortal e decenas de infectados.

Nos anos 70 declaráronse dous episodios en Santiago de Compostela; en 1971 e 1975. O primeiro deles foi un caso illado. Tratábase dunha muller arxentina que chegara á cidade procedente de Zaragoza, e que tamén estivera en Barcelona. Lémbrao ben Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, que naquel tempo estaba comezando a súa carreira profesional. “Había unha epidemia de cólera na ribeira do río Jalón, con casos en Zaragoza e Barcelona, e cremos que a muller se contaxiou alí”. Antes de que se detectara o caso en Santiago, as autoridades xa estaban sobre aviso e organizaran sesións informativas para os profesionais sanitarios da zona. “Unha tarde organizouse unha charla na Facultade de Medicina para informar sobre o cólera e sobre como actuar ante un posible caso. E aquela mesma noite, o doutor Iglesias Regueiro comunicou a sospeita dun caso que resultou positivo”.

O réxime franquista usaba o eufemismo de ‘diarreas estivais’ para que non afectase ao turismo

Trala declaración da sospeita do caso, e ingresar á doente no pavillón de illamento do Hospital Clínico, o Xefe Local de Sanidade, Manuel Domínguez Carmona, acudiu ao hostal da Rúa Travesa onde se hospedaba para facer a investigación epidemiolóxica e adoptar as medidas preventivas precisas. Aos donos do hostal “recomendáronlle ademais de que tomasen a quimioprofilaxe, que limpasen e desinfectasen todo a fondo con lixivia. Naquel momento pasou por alí un gato branco de angora, precioso, e para reforzar que se tiña que limpar todo, o Xefe Local de Sanidade lles dixo que desinfectaran ben todo, ata o gato”, recorda Gestal. Como anécdota, conta que “uns días despois cando volveron polo local ao non ver o gato e preguntar por el, a dona do local lles dixo con moita pena que como non sabían como desinfectalo o sacrificaran”.

Naquel caso tivo tamén un papel clave a doutora Ramona Vaamonde, profesora moi querida de microbioloxía da Facultade de Farmacia, que realizou a sospeita microbiolóxica de cólera, que se confirmou. Nun par de semanas, a enferma recuperouse ben e regresou a Arxentina.

O cólera de 1975

Na España franquista do ‘desarrollismo’, en plena explosión do turismo, unha epidemia de cólera podía ser un forte golpe para a economía. Deste xeito, o réxime adoitaba empregar o eufemismo de ‘diarreas estivais‘ para non alarmar aos visitantes, segundo explica Gestal. E en setembro, dous meses antes da morte de Franco, co país sumido nunha situación de incerteza e tensión, a doenza chegou de novo ao entorno da capital de Galicia.

Os primeiros casos, no sur da comarca de Santiago, debéronse ao consumo de auga de pozos, unha das fontes habituais de transmisión da enfermidade. Unha crónica publicada no ABC o 25 de setembro falaba de catro casos confirmados e un total de nove hospitalizados – debido ao seu contacto cos enfermos – orixinarios de varias parroquias de Santiago, Dodro e Trazo.

Co tempo, a situación parecía estabilizarse. Así, o 27 de setembro, ABC sinalaba que os catro enfermos se atopaban “en situación de total curación clínica”. Pero apareceron novos casos en lugares máis distantes, como Cee e Betanzos, que tiñan a súa orixe no consumo de berberechos. Xa chegara o vibrión colérico ás rías.

Información do ABC publicada o 27 de setembro de 1975, que dá conta da mellora dos afectados polo cólera.
Información do ‘ABC’ publicada o 27 de setembro de 1975, que dá conta da mellora dos afectados polo cólera.

“Os doentes non viaxaran fora. Cal podería ser a orixe do gomo? – preguntouse Gestal -. Buscabamos a conexión entre os casos dun lugar con outro. Preguntamos por xente de fora que tivese pasado por alí. Por todos os sitios nos dicían pasaran inmigrantes magrebís vendendo alfombras. Un nexo de unión entre os casos que se producían nun lugar cos que se producían noutro. Naquel entón existían casos no Norte de África, en Arxelia e en Marrocos. Un día avísannos que a Garda Civil ten controlado a un grupo destes inmigrantes cunhas fortes diarreas nunha furgoneta en Vimianzo. Alí fomos todos contentos, confiados en que tíñamos resolto a orixe e difusión da enfermidade en Galicia, e nun primeiro momento a impresión pola gota grosa era favorable, pero ao cultivar vimos que se trataba de Aeromonas, que tamén producen diarreas, e non de vibrión colérico” conta Gestal. E a cousa quedou así, sen aclararse a orixe. Á altura do día do Pilar o tempo arrefriou e deixaron de aparecer casos”.

As condicións daquel verán, “especialmente chuvioso e cálido“, foron propicias para a aparición do gomo de cólera. Na provincia de A Coruña houbo 22 persoas afectadas, e faleceu unha delas. O abrocho tamén chegou a Ourense, onde se chegou a poñer en corentena un pavillón do Hospital Provincial despois do ingreso de sete enfermos.

As hemerotecas dan conta dunha situación que transcendeu o ámbito rexional. Chegaron reforzos médicos desde Madrid, e houbo confusión nalgúns casos. En Pontevedra xurdiron rumores que falaban de máis dunha decena de infectados, pero os seus problemas de saúde acabaron atribuíndose ao consumo de berberechos e ameixas en malas condicións. Despois de aquel verán non volveron a producirse casos en Galicia.

Que é o cólera?

O cólera é unha doenza causada pola inxestión de auga ou alimentos (sobre todo froitas e verduras) contaminados co bacilo Vibrio cholerae. Ten uns síntomas que se poden manifestar nun cadro moi agudo, con fortes diarreas e deshidratación que en ocasións son mortais en poucas horas se non se tratan. Existen tamén moitos portadores sans que non presentan síntomas pero que axudan a diseminar a enfermidade. O tratamento consiste na rehidratación do doente e a administración posterior de antibióticos.

Hoxe é unha enfermidade do viaxeiro para cuxa prevención existen vacinas, ademais da recomendación de evitar, neses países afectados pola enfermidade, o consumo de auga sen garantías sanitarias e alimentos de consumo cru, como as ensaladas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.