Xoves 28 Marzo 2024

A vacina Sputnik V demostra unha eficacia do 91,6% contra a Covid-19

A revista "The Lancet" publica un artigo no que se recollen os resultados intermedios da fase 3 de ensaios clínicos desenvolvida en Rusia

A vacina contra a Covid-19 denominada Sputnik V, impulsada polo goberno de Rusia a través do Centro Nacional de Investigación en Epidemioloxía e Microbioloxía Gamaleya, dependente do seu ministerio de Sanidade, ten unha eficacia do 91,6% na prevención da enfermidade, segundo os resultados publicados este martes na revista The Lancet. Os datos correspóndense coa análise intermedia dun ensaio clínico de fase III, un punto semellante ao que difundiron hai semanas as vacinas xa aprobadas en Europa, como a de Pfizer-BioNTech e Moderna, e constata “resultados sólidos” tamén en canto a inmunoxenicidade e seguridade.

Os ensaios clínicos leváronse a cabo con preto de 20000 persoas voluntarias, que recibiron dúas doses da vacina ou o seu placebo, separadas por 21 días. Entre eles confirmáronse 78 casos de Covid-19 (16 entre as persoas vacinadas e 62 entre as que recibiron placebo), o que confirma a eficacia do 91,6%. O ensaio tamén incluíu un grupo determinados de voluntarios maiores de 60 anos, nos que se observou unha eficacia semellante á do conxunto da mostraxe. E detállase que, no caso das infeccións máis graves, a eficacia medra ata o 100%, xa que non se rexistraron infeccións severas no grupo de persoas vacinadas fronte aos 20 casos no grupo de placebo. Durante o ensaio rexistráronse catro mortes de voluntarios: tres no grupo que recibiu a vacina (dúas de persoas que faleceron por Covid-19 antes de completar o proceso de inmunización e outra por un traumatismo), e unha delas no grupo placebo debido a un accidente cardiovascular.

Publicidade

Debido ao tempo necesario para xerar a resposta inmune, na primeira semana despois da vacinación non houbo diferenza significativa na protección contra casos severos de Covid-19 entre os grupos de vacina e placebo, mentres que nun período de 7 a 14 días a eficacia da vacina elevouse ao 50%, ao 74,1% no período de 14 a 21 días e ao 100% a partir do día 21, achegando unha protección completa contra casos graves de coronavirus.

Entre os casos analizados, segundo destaca o artigo, máis do 98% dos voluntarios desenvolveron unha resposta inmunitaria humoral e o 100%, unha resposta inmunitaria celular. Neste sentido, o nivel de anticorpos neutralizantes do virus en voluntarios vacinados con Sputnik V é entre 1,3-1,5 veces maior que o nivel de anticorpos dos pacientes que se recuperaron da Covid-19.

Respecto aos efectos adversos, a maioría deles (94%) foron leves e incluíron síntomas gripais, reaccións no lugar da inxección, dor de cabeza e astenia. Non se rexistraron reaccións alérxicas fortes nin shocks anafilácticos. O Comité Independente de Vixilancia de Datos dedicado a supervisar os ensaios constatou 70 episodios de eventos adversos graves “non relacionados co Covid-19″ en 68 participantes do estudo: 45 voluntarios do grupo vacinado e 23 voluntarios do grupo de placebo.

Segundo Alexander Gintsburg, director do Centro Gamaleya, onde se deseñou a vacina, “a publicación dos datos, revisados por pares a nivel internacional, cos resultados dos ensaios clínicos do Sputnik V é un gran éxito na batalla global contra a pandemia de Covid-19”.

Os resultados tamén foron apoiados por científicos doutras institucións, como Hildegund C.J. Ertl, inmunóloga do Instituto Wistar de Filadelfia, que destacou que a Sputnik V “é 100% efectiva para previr enfermidades graves ou mortes, que ao final é o parámetro máis crucial; todos podemos lidar con síntomas leves sempre e cando esteamos fóra do hospital, ou do cemiterio”. Ademais, a investigadora destaca que “mesmo despois dunha soa dose, a protección conferida contra a enfermidade foi do 87,6%”.

Ademais destes datos positivos, o Goberno ruso destacou nun comunicado de prensa a maior facilidade na distribución e conservación da Sputnik V, xa que se pode almacenar entre os 2 e os 8ºC e ten un prezo de menos de 10 dólares por dose.

A vacina Sputnik V xa foi rexistrada en 16 países: Rusia, Belarús, Serbia, Arxentina, Bolivia, Alxeria, Palestina, Venezuela, Paraguai, Turcomenistán, Hungría, Emiratos Árabes Unidos, Irán, a República de Guinea, Túnez e Armenia. Ademais dos países nos que xa se está a administrar, como Rusia ou Arxentina, na primeira semana de febreiro, comezará a vacinación con Sputnik V nos seguintes 12 países: Bolivia, Casaquistán, Turcomenistán, Palestina, Emiratos Árabes Unidos, Paraguai, Hungría (o primeiro país da Unión Europea en aprobala para o uso no seu territorio), Armenia, Alxeria, Bosnia, Venezuela e Irán.

A vacina Sputnik V

O deseño desta vacina baséase en dous tipos adenovirus humanos (Ad5 e Ad26) que causan arrefriados, cunha estratexia xa usada en numerosos ensaios clínicos previos. Cada un deles introdúcese nunha dose. Estes virus son modificados xeneticamente para que non se poidan reproducir no corpo humano, e inclúese neles un xen que codifica a proteína S que o SARS-CoV-2 usa para entrar nas células. Deste xeito, o sistema inmunitario reacciona e xera a protección precisa para conter a infección que causa a Covid-19.


Referencia: Safety and efficacy of an rAd26 and rAd5 vector-based heterologous prime-boost COVID-19 vaccine: an interim analysis of a randomised controlled phase 3 trial in Russia (Publicado en The Lancet).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia