Os wombat son os únicos mamíferos que depositan excrementos con forma cúbica ou de poliedro de base rectangular. Estes marsupiais que habitan en Australia chaman a atención pola forma das súas ‘bostas’ e finalmente un estudo atopou a explicación a este fenómeno.
A responsable do achado é a investigadora Patricia Yang, quen estuda a dinámica dos fluídos corporais. No ano 2015, Yang presentou un modelo matemático para as deposicións e outro científico na conferencia preguntou se a súa teoría tamén funcionaba para os wombats. Yang nunca vira excrementos de wombat, e cando buscou fotos en Google, atopou as feces de formas máis estrañas que vira na súa vida.

As feces do mamífero australiano teñen a forma de pequenos cubos escuros, as únicas cacas prismáticas coñecidas no mundo. De feito, os wombats son os únicos animais que os científicos atoparon que poden producir cubos de forma natural, e non tiñamos idea de como o estaban facendo. Yang enganchouse de inmediato. O misterio era antigo, pero ninguén investigara moito para descubrir que estaba a pasar realmente.
Ela e o seu supervisor de laboratorio en GeorgiaTech, o enxeñeiro biomecánico David Hu, decidiron cambiar iso. En 2018, finalmente puxéronse a investigar o intestino dun wombat (Vombatus ursinus). O intestino, que foi coidadosamente desecado por un científico en Tasmania e enviado aos Estados Unidos, amosou unha clara progresión de materia lamacenta a unha estrutura dura de seis lados con esquinas afiadas.
Semellaba que estes cubos estaban a formarse mesmo antes de que o wombat os expulsase fóra do seu corpo. Despois disto, fixeron tomografías computarizadas nun wombat adulto vivo e confirmaron que este animal non ten un ano de forma cadrada; é tan redondo como os doutros animais, entón… como excretan cubos os wombats?
Resulta que todo está no intestino. Usando dúas novas diseccións de wombat e modelos matemáticos, Yang e os seus colegas agora descubriron como os wombats en realidade cagan prismas. O primeiro que hai que ter en conta é que o intestino do wombat é inusualmente longo, ata nove metros de longo. En comparación cos humanos, estas criaturas dun metro de longo tardan moitas veces máis en absorber toda a nutrición e a auga da súa comida, ás veces ata cinco días.
Como resultado, as feces de wombat son case dúas veces máis secas que as dos humanos, e isto podería ser o que lles axude a sobrevivir ás secas na selva australiana. Este longo proceso probablemente tamén axude a que a súa caca atope formas máis cúbicas.

Con só mirar o intestino do wombat, pódese ver claramente a transición gradual ata un cubo seco con “bordos biselados e caras planas“. Ao crear un modelo simple do intestino, os autores atoparon esquinas formadas en menos de 10 ciclos de contracción.
“Coas contraccións que acontecen cada par de segundos durante un tempo de cinco días, as feces experimentan realmente da orde de 100.000 contraccións”, escribe o equipo. E con este proceso van modelando a súa forma poliédrica.
Bastantes destas contraccións poderían formar plausiblemente unha serie de cubos no último extremo do intestino do wombat cando a caca está máis seca. As diseccións amosan que os cubos se forman só no último 17 por cento do intestino (Esta última estimación mellora á do ano 2018, cando o equipo pensaba que era o último 8 por cento).
En galego wombat tamén podería ser uombat, pero non está aceptado polo Dicionario da RAG en ningunha das súas formas. É un animal que non está contemplado polos lexicógrafos da Real Academia.
Os wombats, por certo, espremen e botan fóra case 100 destes pasteis de seis lados todos os días.
Aquí podes consultar o estudo publicado en Soft Matter