A pandemia deixou en xaneiro 400 mortos e arredor de 35.000 novos casos en Galicia

O primeiro mes de 2021, que coincidiu coa explosión da terceira onda, deixará aínda pegada nos hospitais durante varias semanas

O mes de xaneiro que se pechou este domingo, xusto un ano despois da detección na illa de La Gomera do primeiro caso de coronavirus en territorio español, foi para Galicia un mes crítico de pandemia. A propagación do virus que comezou a producirse no Nadal, co levantamento temporal das restricións, deixou severas consecuencias en forma de vítimas mortais: 400 persoas (o 22,5% do total dos óbitos por Covid-19 desde marzo de 2020) tiveron lugar nos 31 días de xaneiro, á espera de que o Sergas consolide as cifras ofrecidas na súa páxina web. E os rexistros foron máximos tamén no número total de persoas infectadas: arredor de 35.000 persoas deron positivo nunha proba diagnóstica neste mesmo tempo, segundo as cifras que achegan o Sergas e o Ministerio de Sanidad. Neste sentido, trátase do mes con máis casos da pandemia, (máis dun terzo do total) aínda que é probable que a infranotificación de marzo e abril, cando non se detectaban a meirande parte das infeccións, estivera en valores semellantes ou mesmo superiores. En total, este martes superouse a cifra de 100.000 persoas en Galicia nas que se confirmou a infección polo SARS-CoV-2, ás que habería que engadir un número sensiblemente maior de persoas que se infectaron pero ás que non se lles realizou a proba diagnóstica.

Letalidade do 1,15%

En atención a estas cifras, a letalidade en Galicia situaríase na contorna do 1,15%, nuns niveis semellantes aos que veñen constatando as autoridades sanitarias na segunda e terceira ondas. A maior capacidade diagnóstica, xunto á mellora dos tratamentos e o comezo da inmunización nos colectivos vulnerables fixo reducir a letalidade. Porén, ao rexistrarse un gran aumento na transmisión, as cifras absolutas de persoas falecidas incrementáronse ata niveis próximos aos de abril, cando faleceron 429 persoas en Galicia.

Publicidade

A situación foi distinta en función das áreas sanitarias. A Coruña, onde a carga asistencial segue ao límite no CHUAC, a terceira onda está a ser a máis grave, mesmo peor que en abril. Cando o máximo da primavera de 2020 foron sete persoas falecidas diariamente, na última semana houbo días con 13 falecidos (venres 29) e 10 (xoves 28). Ademais do aumento da transmisión no conxunto da poboación, os brotes das residencias de DomusVi en Carballo e Vimianzo, onde faleceron xa máis de 30 persoas en total, incrementaron a mortalidade nestas últimas semanas. Das máis de 400 mortes notificadas no que vai de ano, 120 delas foron de persoas usuarias de centros residenciais.

Baixo estas liñas pode observarse o notable aumento no número de diagnósticos respecto á primeira e a segunda onda. Despois do rápido aumento a comezos de ano, desde o día 12 notificáronse máis de 1.000 casos diarios todos os días.

Publicidade

Estes novos casos están a agromar, ademais de pola alta transmisión comunitaria, polos cribados realizados desde hai semanas en numerosas localidades galegas, de acordo coa estratexia actual que marcan as institucións sanitarias. Así, ademais das probas de antíxenos e anticorpos usadas nestas análises, realizánse cribados mediante probas de PCR en saliva, o que incrementa a capacidade diagnóstica. A cifra diaria está por riba das 10.000 PCR desde mediados de xaneiro, e a positividade está na contorna do 10%, é dicir, unha de cada 10 probas que se fai resulta positiva.

Este rápido aumento xa tivo consecuencias, como se viu, na cantidade de persoas falecidas. E seguirá sendo patente nos vindeiros días, toda vez que segue medrando a ocupación nas unidades de coidados intensivos. Cos datos do luns, había máis de 250 persoas nas UCIs e preto de 1200 noutras unidades. Segundo o Ministerio de Sanidad, 150 persoas ingresaron nas UCI por Covid-19 en Galicia nos últimos sete días. Ademais, o nivel de ingresos segue sendo maior có de altas concedidas.

Esta situación vese agravada, ademais, pola suspensión de parte de actividade e as dificultades engadidas para atender a actividade ‘cotiá’ nos hospitais, onde seguen chegando persoas afectadas por outras patoloxías.

O indicador de casos activos é o único que parece conterse nas últimas xornadas. Isto é debido a que, debido ás altas das persoas infectadas a comezos e mediados de xaneiro, e tamén aos falecementos, o número de persoas baixo seguimento descende.

Quedan por diante, por tanto, semanas aínda complicadas, sobre todo nos hospitais e na atención primaria, onde recae boa parte do esforzo diagnóstico e rastrexo das infeccións por Covid-19, pero tamén do resto de patoloxías que requiren seguimento.

Ao tempo, avanza o proceso de vacinación. A Xunta informou este martes de que se administraron xa 87.805 doses. Segundo os detalles que achega o Ministerio de Sanidad, xa teñen a pauta completa das dúas doses máis de 27.000 persoas en Galicia. Deste xeito, canto menos o 1% da poboación galega xa estaría inmunizada dentro dunha semana, cando se cumpre o prazo de sete días marcado para acadar a protección fronte á Covid-19 despois de recibir a segunda dose.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño