Hospitais ao límite: a ‘curva’ que aínda tardará en baixar

A ocupación segue ascendendo, con máis de 1.300 persoas ingresadas por Covid-19, a pesar da contención do aumento de novos casos

O estourido da terceira onda da pandemia levou esta semana a Galicia a un escenario próximo ao confinamento de marzo en cantos ás restricións decretadas. Mais nos hospitais a situación está sendo máis complicada ca naquel momento, xa que a ocupación é maior ca daquela e algúns centros están suspendendo boa parte da actividade non urxente. O problema agrávase por mor do elevado número de infeccións entre o persoal, xa que segundo os datos do Ministerio de Sanidad, preto de 1.000 persoas que traballan en centros sanitarios en Galicia deron positivo nos últimos 14 días. A cifra representa unha parte moi importante das arredor de 3.500 infeccións notificadas desde o comezo da pandemia, o que dá unha idea da magnitude da terceira onda no caso de Galicia.

Esta situación límite levou a numerosos sanitarios a facer un chamamento á poboación a través dos medios de comunicación e as redes sociais. “Estamos vivindo unha situación de guerra e hai pacientes que ingresan directos na UCI”, dicía onte a Radio Voz María José Pereira, xefa de Medicina Preventiva do CHUAC da Coruña, un dos hospitais en peor situación. O Sergas informaba este venres de que no CHUAC había 294 persoas ingresadas en planta e 62 na UCI. Mais o escenario complicado esténdese ás áreas de Santiago, Ferrol (onde se están trasladando pacientes a Lugo ou Pontevedra) e Ourense, cunha ocupación moi alta. Así é a evolución no conxunto de Galicia:

Publicidade

Este escenario levou ás provincias da Coruña e Ourense ao nivel 4 de alerta, o máximo, marcado polo Ministerio de Sanidad nos indicadores de seguimento da Covid-19, e no que se atopa a meirande parte do territorio estatal. Aínda que Galicia no conxunto está no nivel 3, a situación menos desfavorable en Lugo e Pontevedra fai mellorar este indicador.

O aumento de ingresos

As cifras achegadas diariamente pola Xunta de Galicia expoñen a fotografía actual da situación dos hospitais. É dicir, vense influídas polos novos ingresos, mais tamén polas ‘altas’ en UCI ou no hospital, e tamén polos falecementos de persoas que estaban ingresadas.

Publicidade

Porén, os que proporciona o Ministerio de Sanidad amosan a tendencia nos días e semanas previas. E aquí é onde se constata o rápido aumento de ingresos nos centros sanitarios galegos.


A isto hai que engadir o tempo de ocupación, especialmente nas unidades de coidados intensivos, onde moitas persoas permanecen máis de 20 días. Produciranse altas, por unha banda, e falecementos, pola outra, pero a carga asistencial nestas unidades seguirá medrando aínda durante tempo a pesar de que se estabilicen e mesmo baixen as cifras de novos casos. Alén disto, hai que ter en conta o nivel de ocupación dos coidados intensivos por outras patoloxías que, como é lóxico, seguen producíndose

Do mesmo xeito, segundo os datos que o Sergas facilita ao Ministerio de Sanidad, a ocupación das camas de UCI está actualmente no 26,32%. A estimación da capacidade máxima situaríase, por tanto, arredor das 785 camas para coidados intensivos. Mais segundo datos recollidos por ElDiario.es, a cifra real subiría ata o 68% de ocupación só por Covid-19, xa que só están en funcionamento na actualidade 284 prazas, pois por agora non se dispón de recursos persoais nin materiais para ampliar esta capacidade.

Falecementos

En último termo, o aumento da carga asistencial nos hospitais redunda na cifra de falecementos, que estes últimos días xa están por riba dos 20 diarios. Aínda que a mellor resposta clínica á infección, por mor do coñecemento acumulado nestes meses, e o efecto das vacinas nas residencias nas que xa se completou a vacinación (en Galicia había este xoves preto de 16.000 persoas que xa recibiran a pauta completa), contribúen a reducir a letalidade do SARS-CoV-2. Porén, o aumento de infeccións ata rexistros máximos na pandemia provoca tamén que as cifras de falecementos sexan próximas ás de marzo.

Novos casos

A cifra de novos casos confirmados, que empezou a incrementarse a comezos de xaneiro, mantense en valores por riba dos 1.500 positivos diagnosticados diariamente mediante as probas PCR, principalmente, pero tamén a través das análises de antíxenos usadas nalgúns dos cribados que se están a realizar nos concellos galegos. A maior cifra de positivos notificados, segundo o Ministerio de Sanidad (que informa da suma de PCR e antíxenos) é do pasado 18 de xaneiro, con preto de 2.000 casos.

O Sergas dá conta só dos casos detectados por PCR nas súas actualizacións diarias. Nestas análises, a positividade mantense arredor do 10% nos últimos días.

Casos activos

Outro dos indicadores é o dos casos considerados activos; é dicir, aqueles baixo seguimento na actualidade por ter un diagnóstico positivo. Son 22.124, e o crecemento estase a conter nos últimos días por mor das altas concedidas ás persoas diagnosticadas nas datas nas que se empezaron a ‘disparar’ as infeccións e que agora están a superar a enfermidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Internet e redes en menores: as razóns dos especialistas galegos para a prohibición

Os expertos alertan dos riscos e consecuencias que ten para a rapazada a utilización excesiva e sen supervisión dos dispositivos móbiles

Rula, choia, paíño… Os 600 nomes de aves en galego que atoparás nesta ferramenta dixital

A RAG estrea unha plataforma para realizar procuras pola denominación, o nome científico ou a familia á que pertence cada especie

Tecnoloxía inclusiva galega: premiada unha aplicación para previr a atrofia muscular

O CITIC celebrou esta semana un encontro europeo no que tamén galardoou o deseño adaptado dunha cesta da compra para cadeira de rodas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares