Publicidade

Demostrado: os peixes de augas cálidas gañan terreo no mar de Galicia

Un estudo realizado polo IEO revela que as especies de augas frías están a migrar cara ao Norte por mor do quecemento global da crise climática

Investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO) publicaron un novo traballo no que analizan como o cambio climático está a cambiar a distribución das comunidades de peixes en augas do Cantábrico e Galicia, onde as comunidades de augas máis cálidas están a gañar terreo mentres que aquelas que prefiren augas máis frías retroceden.

O estudo, publicado recentemente na revista Ecological Indicators, utiliza un índice baseado na temperatura preferente das especies que relaciona os cambios na distribución das comunidades de peixes de fondo coa temperatura da columna de auga.

Publicidade

Os resultados dos datos analizados en augas do Cantábrico e Galicia amosan como responde este índice á distribución da temperatura ambiental, tanto espacialmente como temporalmente. O índice permitiu clasificar as comunidades de peixes de fondo en tres tipos: cálidas, tépedas e frías; e facer unha análise de como se distribúen cada un dos tipos no espazo e no tempo.

Así, no Cantábrico pódese observar que as comunidades cunha temperatura máis alta -comunidades cálidas- son principalmente litorais, mentres que as comunidades máis frías están a maior profundidade. Isto non acontece en augas de Galicia, onde polo efecto do afloramiento non hai estratificación na temperatura e non se acharon estas diferenzas en profundidade. Esta presenza do afloramiento de augas frías en augas galegas determina, ademais, que nestas áreas as comunidades sexan máis frías que no interior do Golfo de Biscaia.

Grazas ao fenómeno do afloramento, en Galicia os peixes de augas frías non teñen que migrar ao fondo mariño

Ademais, estimouse a velocidade á que as comunidades están a cambiar ao longo do tempo, detectando que as comunidades cálidas están a expandir a súa área de distribución a unha velocidade de 268,4 km2/ano, mentres que as comunidades frías se teñen retraído a unha velocidade de 155,4 km2/ano.

Este traballo forma parte da investigación realizada por investigadores do IEO dentro do proxecto “Variabilidade climática e pesqueiras no século XXI: Efectos do cambio global sobre poboacións e comunidades necto-bentónicas ( CLIFISH)” financiado por Plan Nacional I+D+i (Ministerio de Ciencia e Innovación) e coordinado polo Centro Oceanográfico de Baleares do IEO.

No ano 2016 este equipo sacou á luz que as comunidades de peces do Mar Cantábrico estaban a sufrir un proceso de meridionalización, é dicir, que a abundancia da maioría das especies tépedas nativas do Mar Cantábrico e augas de Galicia estaba a aumentar. “Estes cambios detectados nas nosas augas conlevan fondos cambios nas comunidades de peixes de fondo e encádranse dentro das consecuencias derivadas do cambio climático na distribución das especies”, explica Antonio Punzón, investigador do Centro Oceanográfico Santander do IEO e primeiro autor dos dous estudos. “Trátase de procesos como a borealización, que consiste en que comunidades boreales expanden a súa distribución cara ao Ártico, ou a tropicalización, que supón un aumento da abundancia de especies tropicais ou subtropicales non nativas”, apunta o científico.

O quecemento global está a modificar a distribución de especies a un ritmo sen precedentes nos ambientes mariños. Os resultados do novo traballo servirán para explorar e anticipar os efectos do cambio climático en comunidades demersais baixo diferentes escenarios. Estas alteracións na distribución e abundancia das especies e nas comunidades, teñen importantes consecuencias non só a nivel ecolóxico, se non que teñen efectos na explotación, sustentabilidade e xestión dos principais recursos explotados.

Os vindeiros pasos do equipo de investigación irán encamiñados a determinar os cambios das comunidades en función dos distintos escenarios climáticos futuros, coñecer como estes cambios están a traducirse na explotación pesqueira, caracterizar cales son as principais vulnerabilidades, e identificar a existencia de oportunidades. “Todo iso permitirá o deseño dunha estratexia de adaptación e mitigación para os efectos do cambio climático sobre as actividades pesqueiras”, conclúe Punzón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un libro recolle por primeira vez ata 704 cantigas de amor

Unha investigadora da USC recompila os textos transmitidos nos cancioneiros medievais da Ajuda, da Biblioteca Nacional e da Vaticana

Achados na illa de Tambo posibles restos dun mosteiro do século VII

Os investigadores atoparon muros e paredes que poderían pertencer a Santa María de Graza, destruída polo corsario Drake no ano 1589

Robots e ovellas que coidan os cultivos: así é o pioneiro ensaio realizado en Quiroga

Un novo sistema realizado polo Grupo Operativo AGRI-ROVENAT estuda métodos innovadores para mellorar a sostibilidade de viñedos e oliveiras

Os 6 libros en galego que todo fan da ciencia debe coñecer

Historias de nenos que son heroes ou a orixe da vaca rubia autóctona: repasamos algunhas obras literarias para este 23 de abril, Día do Libro