Ademais nos cambios da mobilidade e as reunións, a desescalada regula a apertura da hostalaría e outras actividades.
Ademais nos cambios da mobilidade e as reunións, a desescalada regula a apertura da hostalaría e outras actividades.

Así será a ‘desescalada’ en Galicia, segundo recolle o DOG

As medidas entrarán en vigor na medianoite do xoves ao venres, e non se establece, por agora, un prazo para a súa vixencia ou revisión

A Xunta de Galicia publicou este mediodía o número extraordinario do Diario Oficial de Galicia no que se recollen as novas restricións, que entrarán en vigor esta medianoite. O mapa de restricións difundido o martes por Sanidade (con modificacións respecto ao avanzado o luns polo presidente da Xunta de Galicia) mantense cos mesmos 10 municipios en nivel ‘vermello’, 106 en nivel ‘laranxa’ e 197 en nivel ‘amarelo’, nos que rexerán cadansúas restricións. Estas son algunhas das claves que aclaran a orde e o decreto publicados este xoves pola Xunta.

A grandes trazos mantense o cadro avanzado por Sanidade o pasado martes en canto ao mapa municipal e as principais limitacións de cada un dos niveis.

Deste xeito, en ‘vermello’ quedan Corcubión, O Corgo, Curtis, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Moeche, A Peroxa, Ponteceso e Toques, con peche perimetral individual.

“Áreas sanitarias comprometidas”

Os habitantes de 33 concellos da área da Coruña, 19 de Ferrol e 26 de Pontevedra-O Salnés poderanse mover libremente dentro de cadansúa área sanitaria, e sempre que o seu destino non sexa un dos concellos mencionados en nivel vermello (si poden pasar por eles en tránsito), agás motivos debidamente xustificados. E non poderán saír, por tanto, da súa área sanitaria excepto causa xustificada. Esta é a relación de concellos neste primeiro grupo.

A Coruña-Cee: Abegondo, A Coruña, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cambre, Carballo, Carral, Cee, Cerceda, Coirós, Coristanco, Culleredo, Dumbría, Fisterra, Irixoa, Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Miño, Muxía, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Sobrado, Vilamaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas.

Ferrol: Ares, A Capela, As Pontes, As Somozas, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño e Valdoviño.

Pontevedra-O Salnés: A Lama, Illa de Arousa, Barro, Bueu, Cambados, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Marín, Meaño, Meis, Moraña, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Exemplos: na área de Ferrol, unha persoa pode desprazarse de San Sadurniño a Cedeira. Para isto poderá transitar a través de Moeche, pero non poderá parar neste concello. Na área da Coruña, unha persoa poderá ir da Coruña a Cee, pero non poderá ir de Miño a Paderne, ou de Monfero a Irixoa, xa que non pertencen á mesma área sanitaria.

Resto de Galicia

Neste nivel laranxa sitúanse outros 28 concellos das áreas de Lugo, Ourense, Vigo e Santiago que teñen incidencias máis altas e, por tanto, verán restrinxida a súa mobilidade e terán medidas máis estritas ca no resto de municipios destas catro áreas. É dicir, unha persoa poderá moverse por outros concellos que estean en nivel laranxa, sempre que non estea nas “áreas sanitarias comprometidas”, pero non poderá ir a concellos en nivel amarelo ou vermello. Estes son:

Arzúa, Dodro, Frades, Ordes, Rois, Tordoia, A Pobra de Brollón, A Pontenova, Baralla, Guntín, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei, Rábade, Sober, A Mezquita, A Merca, Bande, Beade, Celanova, Punxín, Sandiás, Taboadela, Verea, Viana do Bolo, Xunqueira de Espadanedo, Moaña, Oia e Redondela.

Como exemplo: unha persoa de Arzúa pode ir a Dodro, a Monforte de Lemos, a Celanova ou a Moaña, e viceversa, pero non a Santiago, Lugo, Ourense ou Vigo, porque estarán no nivel amarelo, nin ao Corgo, Curtis, Guitiriz ou Ponteceso, porque están no nivel vermello. E tampouco poderán entrar en ningún dos concellos das “áreas sanitarias comprometidas” (A Coruña, Pontevedra e Ferrol).

Finalmente, no nivel amarelo sitúanse os outros 197 concellos galegos nunha mellor situación epidemiolóxica, con menos de 250 casos/100000 habitantes a 14 días. Entre eles, as cidades de Vigo, Lugo, Santiago e Ourense. Neste caso a mobilidade estará permitida entre todos eles.


Mobilidade por concellos perimetrados

No caso dos desprazamentos entre concellos nunha mesma situación epidemiolóxica, está permitido transitar (sen deterse) polos municipios nos que rexen limitacións de maior ou menor nivel.

Excepción ás restricións

Como ata agora, quedan exceptuadas das limitacións de mobilidade os desprazamentos xustificados como:

  • Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
  • Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.
  • Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
  • Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
  • Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
  • Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
  • Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
  • Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
  • Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
  • Coidado de hortas e animais.
  • Asistencia a academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación.
  • Desprazamento a establecementos comerciais polo miúdo de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade en territorios limítrofes cando non exista alternativa no propio concello.
  • Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
  • Adestramentos ou competicións de ámbito federado profesional ou non profesional permitidos pola orde de Sanidade publicada este mesmo xoves.
  • Actividade de caza autorizada do xabaril e do lobo.
  • Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

Excepción ás limitacións de reunións

Nos concellos en nivel vermello, mantense a limitación a persoas conviventes, e nos outros dous niveis establecerase un máximo de catro persoas non conviventes en todo caso. Mais establécense algunhas excepcións:

  • As persoas que viven soas poderán formar parte dunha única “unidade de convivencia ampliada” con outra persoa que viva soa.
  • A reunión de persoas menores de idade cos seus proxenitores, no caso de que estes non convivan no mesmo domicilio.
  • A reunión de persoas con vínculo matrimonial ou de parella cando estes vivan en domicilios diferentes.
  • A reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento a persoas menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.
  • Actividades institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.
  • Actividades previstas no anexos da Orde da Consellería de Sanidade.
  • Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Confinamento nocturno e peche da comunidade

Mantense como ata agora a limitación á mobilidade nocturna entre as 22 e as 6 horas, agás para as excepcións xa contempladas anteriormente, e tamén segue vixente o peche perimetral da comunidade autónoma.

Práctica deportiva

Nos 10 concellos en nivel vermello mantense a limitación da práctica deportiva á actividade individual ou con persoas conviventes. Nos outros dous niveis, limitarase a catro persoas, sexan ou non conviventes.

Parques infantís

“Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas de skate ou espazos de uso público ao aire libre similares poderán estar abertos ao público sempre que neles se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto”, expón a orde do DOG.

Hostalaría

Tal e como recolle o cadro neste texto, establécense tres niveis de limitacións. Porén, nos tres niveis está permitida a recollida no local, en todos os casos, ata as 21.30 horas, e o servizo a domicilio ata a medianoite.

Centros comerciais

Tal e como avanzou o luns o presidente da Xunta, os centros e parques comerciais poderán volver abrir na fin de semana, pechando sempre ás 21.30 horas, e cunha capacidade máxima nas zonas comúns do 30%.

Duración

A orde publicada este xoves entrará en vigor esta medianoite do xoves ao venres. Porén, ao contrario que noutras ocasións, non se establece a súa duración. Sanidade expón que as medidas “serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria”, aínda que non se establece un marco temporal concreto.

Este mesmo xoves, o conselleiro de Sanidade avanzou que se volverán celebrar dúas reunións semanais do comité e subcomité clínico, co que poderían revisarse as restricións dúas veces á semana.


Boa tendencia

A decisión de comezar a ‘desescalada’ despois do duro impacto da terceira onda susténtase, segundo a Consellería de Sanidade, nos últimos informes epidemiolóxicos que constatan a mellora da situación.

Entre outros indicadores, o número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, mantense por baixo do 1 desde finais de xaneiro.

O número de concellos sen ningún caso nos 14 días anteriores pasou dos 32 que había o 13 de febreiro aos 64 do día 22, data do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se menciona no DOG. Reducindo o rango a 7 días, son 116 os concellos sen casos, canto menos, entre o 15 e o 22 de febreiro.

A positividade das análises realizadas a través de PCR e tests de antíxenos sitúase na contorna do 4%, no limiar que recomenda a OMS para o control da pandemia. Do mesmo xeito, a incidencia acumulada cae máis dun 40% desde comezos de mas, estando xa por baixo dos 90 casos/100.000 habitantes a sete días e de 200 a 14.

A apertura, segundo Sanidade, abordarase de forma “gradual, progresiva e segura”, mantendo maior vixilancia nas áreas con maior carga asistencial, que se manterán pechadas perimetralmente.


Todos os detalles poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.

2 COMENTÁRIOS

  1. Respecto da excepción “ A reunión de persoas con vínculo matrimonial ou de parella cando estes vivan en domicilios diferentes.”, se un vive na área sanitaria de Ferrol e outro nun concello en nivel amarelo da área sanitaria de Lugo, ¿pódense xuntar?
    Grazas

  2. Muchas gracias por la información.
    Debe de haber un error. Aranga en el mapa sale como naranja, nivel 2, cuando en el listado aparece como rojo, nivel 1.
    Un saludo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.