Venres 29 Marzo 2024

Sanidade anuncia máis cambios no mapa de restricións: así estará o teu concello

Só 10 concellos quedan no nivel máximo de restricións, péchanse as áreas de Coruña, Ferrol e Pontevedra e 197 concellos fican no nivel amarelo

Tal e como avanzou GCiencia, o mapa definitivo de restricións por mor da Covid-19 que afectarán a partir do venres aos 313 concellos galegos terá modificacións, antes de entrar en vigor, respecto aos datos achegados o luns polo presidente da Xunta de Galicia. Serán 10, e non 17, os concellos que ficarán no nivel máximo (vermello) de limitacións dentro da nova escala establecida polo comité clínico. Dese xeito, en Corcubión, O Corgo, Curtis, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Moeche, A Peroxa, Ponteceso e Toques continuará o peche perimetral individual, manterase tamén o peche da hostalaría, e seguirán limitadas as reunións a persoas conviventes. Nesta lista, na que entra Curtis respecto ao anunciado onte, saen Carballo, Malpica, Cabanas, Aranga, Catoira, Larouco, A Pontenova e Xunqueira de Espadanedo.

Respecto á información do luns, mantense o peche perimetral dos concellos das áreas da Coruña, Ferrol e Pontevedra, que quedarán case todas elas en nivel laranxa (agás os concellos en nivel vermello), pola súa situación “comprometida” en canto á capacidade asistencial, xa que están con niveis de hospitalización e ingresos en UCI máis elevados cás outras catro áreas. Mudan, con todo, os concellos que nestas áreas deixan de ter peche perimetral individual, como é o caso de Carballo, Malpica, Aranga ou Cabanas.

Publicidade

Estes novos cambios, non publicados aínda no Diario Oficial de Galicia (que recollerá previsiblemente este mércores as restricións detalladas e definitivas), abrangue tamén á actividade de ximnasios e piscinas, que poderán abrir as súas portas nos niveis laranxa e amarelo, mentres que o presidente da Xunta anunciou  luns que só se permitiría isto no nivel máis relaxado das restricións. Desde Sanidade, con todo, non descartan realizar algún axuste puntual antes da publicación no DOG, aínda que será mínimo, en todo caso.

Este é, por tanto, o resumo dos novos cambios.

Nivel vermello

O indicador de referencia (aínda que non é o único) que se terá en conta, é unha incidencia superior a 500 casos por 100000 habitantes nos últimos 14 días.

Quedan neste nivel Corcubión, O Corgo, Curtis, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Moeche, A Peroxa, Ponteceso e Toques. Neles:

    • Mantense o peche perimetral.
    • Reunións de só conviventes.
    • Hostalaría pechada.
    • Ximnasios e piscinas pechadas.

Nivel laranxa

Entrarán nesta listaxe, por norma xeral (aínda que se terán en conta outros factores, como a carga asistencial no conxunto da área sanitaria) os municipios cunha incidencia entre 250 e 500 casos/100000 habitantes a 14 días. En todos os concellos neste nivel:

  • Permitidas reunións de ata 4 persoas non conviventes.
  • Hostalaría aberta só en terrazas, e ao 50%, ata as 18 horas.
  • Ximnasios e piscinas abertas, coas limitacións que estableza o DOG.

Porén, establécense dous grupos no referente á mobilidade:

“Áreas sanitarias comprometidas”

Os habitantes de 33 concellos da área da Coruña, 19 de Ferrol e 26 de Pontevedra-O Salnés poderanse mover libremente dentro de cadansúa área sanitaria, e sempre que o seu destino non sexa un dos concellos mencionados en nivel vermello, agás motivos debidamente xustificados. E non poderán saír, por tanto, da súa área sanitaria agás causa xustificada. Esta é a relación de concellos neste primeiro grupo.

A Coruña-Cee: Abegondo, A Coruña, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cambre, Carballo, Carral, Cee, Cerceda, Coirós, Coristanco, Culleredo, Dumbría, Fisterra, Irixoa, Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Miño, Muxía, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Sobrado, Vilamaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas.

Ferrol: Ares, A Capela, As Pontes, As Somozas, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño e Valdoviño.

Pontevedra-O Salnés: A Lama, Illa de Arousa, Barro, Bueu, Cambados, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Marín, Meaño, Meis, Moraña, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Resto de Galicia

Neste nivel laranxa sitúanse outros 28 concellos das áreas de Lugo, Ourense, Vigo e Santiago que teñen incidencias máis altas e, por tanto, verán restrinxida a súa mobilidade e terán medidas máis estritas ca no resto de municipios destas catro áreas. É dicir, unha persoa poderá moverse por outros concellos que estean en nivel laranxa, sempre que non estea nas “áreas sanitarias comprometidas”, pero non poderá ir a concellos en nivel amarelo ou vermello. Estes son:

Arzúa, Dodro, Frades, Ordes, Rois, Tordoia, A Pobra de Brollón, A Pontenova, Baralla, Guntín, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei, Rábade, Sober, A Mezquita, A Merca, Bande, Beade, Celanova, Punxín, Sandiás, Taboadela, Verea, Viana do Bolo, Xunqueira de Espadanedo, Moaña, Oia e Redondela.

Como exemplo: unha persoa de Arzúa pode ir a Dodro, a Monforte de Lemos, a Celanova ou a Moaña, e viceversa, pero non a Santiago, Lugo, Ourense ou Vigo, porque estarán no nivel amarelo, nin ao Corgo, Curtis, Guitiriz ou Ponteceso, porque están no nivel vermello. E tampouco poderán entrar en ningún dos concellos das “áreas sanitarias comprometidas” (A Coruña, Pontevedra e Ferrol).

Nivel amarelo

Aquí sitúanse os outros 197 concellos galegos nunha mellor situación epidemiolóxica, con menos de 250 casos/100000 habitantes a 14 días. Entre eles, as cidades de Vigo, Lugo, Santiago e Ourense. Nestas áreas, as medidas son:

  •  Reunións de ata 4 persoas non conviventes.
  •  Apertura de hostalaría cun límite do 30% no interior e 50% en terrazas ata as 18 horas.
  • Mobilidade permitida entre concellos con estes mesmos indicadores.
  • Ximnasios e piscinas abertas, coas limitacións que estableza o DOG.

Todo queda máis claro, con todo, no mapa que podes ver aquí:

Tamén podes buscar o teu concello nesta táboa:

1 comentario

  1. Se non me equivoco, a información do Concello de Cuntis é contraditoria entre o que di o texto e o mapa interactivo.

    Segundo o texto, Cuntis estaría dentro da área sanitaria de Pontevedra e compartiría restriccións co resto da área.

    Pero o mapa interactivo di que está en nivel amarelo, co que non tería as restriccións da área sanitaria.

    Unha das dúas cousas ten que ser un erro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"