Sanidade non confirmou, polo momento, a relación completa dos concellos que ficarán a partir do venres nos tres niveis da 'desescada' anunciados o luns por Alberto Núñez Feijoo. Imaxe: Xunta de Galicia / elaboración propia.
Sanidade non confirmou, polo momento, a relación completa dos concellos que ficarán a partir do venres nos tres niveis da 'desescada' anunciados o luns por Alberto Núñez Feijoo. Imaxe: Xunta de Galicia / elaboración propia.

Dúbidas sobre o mapa definitivo das restricións: todo pendente do Diario Oficial de Galicia

A Xunta informou por agora dos 17 concellos en nivel máximo e do peche das áreas da Coruña, Ferrol e Pontevedra, mais segue pendente a relación definitiva

Despois de practicamente un mes con todo o territorio galego en nivel máximo de restricións por mor da pandemia da Covid-19, o comezo da ‘desescalada’ anunciada o luns polo presidente da Xunta levará ao relaxamento das medidas de control da pandemia en diversos aspectos. Os peches perimetrais muncipais levantaranse na meirande parte dos casos, permitiranse as reunións con persoas non conviventes e a hostalaría poderá abrir de novo as súas portas.

Con todo, e á espera da publicación das medidas no Diario Oficial de Galicia (DOG), boa parte da poboación galega aínda non sabe en que nivel de limitacións vai estar a partir do venres, cando entrará en vigor a nova fase da ‘desescalada’. Só se detallou, ata o momento, que 17 concellos (Aranga, Cabanas, Carballo, Catoira, Corcubión, O Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Larouco, Malpica, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, A Pontenova, Toques e Xunqueira de Espadanedo), nos que apenas vive o 2,6% das galegas e galegos, se manterá no nivel máximo de restricións. É probable que estes, ou outros, entren ou saian desta lista na publicación definitiva do DOG.

Pero menos se sabe sobre os dous seguintes niveis nos que quedará cada un dos concellos galegos a partir de finais desta semana. O avanzado pola Xunta de Galicia é que, por mor da súa maior carga asistencial, as áreas sanitarias da Coruña, Pontevedra e Ferrol quedarán pechadas perimetralmente no seu conxunto, polo que non se poderá entrar ou saír delas agás causa xustificada. É dicir, unha persoa podería moverse da Coruña a Cee, de Ferrol a Mañón, ou de Pontevedra ao Grove, pero ninguén de Santiago, Lugo, Ourense ou Vigo podería entrar nas outras tres áreas sanitarias. Todo queda algo máis claro observando o mapa das áreas sanitarias de Galicia:

Fonte: Consellería de Sanidade.
Fonte: Consellería de Sanidade.

A isto hai que engadir as excepcións, xa indicadas, dos concellos de calquera área que estean en nivel máximo, que se manterán illados por mor da súa peor situación epidemiolóxica.

Mais que acontece co resto de Galicia? Como está, en atención aos últimos datos, cada concello? Intentamos expoñelo aquí:

Tres niveis de incidencia

Alberto Núñez Feijoo avanzou o luns que a partir de agora terase especialmente en conta a incidencia acumulada nos últimos 7 días, co obxectivo de reaccionar de forma precoz á maior capacidade contaxiosa da variante B.1.1.7. Mais os tres niveis anunciados na ‘desescalada’ determinan a incidencia a 14 días, así como a carga hospitalaria de cada área, entre outros factores. Queda tamén por saber como se reflectirá isto no DOG.

Isto é o que se sabe, por agora, sobre as restricións a nivel municipal:

Concellos no límite

Por agora, alén do xa mencionado sobre os 17 concellos en nivel máximo e as áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra, nada se sabe sobre o nivel no que se situarán os municipios das áreas de Lugo, Ourense, Santiago ou Vigo a partir do venres. Os indicadores destes días poden dar pistas, pero a listaxe definitiva aínda non trascendeu. Desde a Consellería de Sanidade expoñen que non está pechada, a pesar da relación das cifras de 107 concellos no nivel ‘laranxa’ e outros 189 no ‘amarelo’ que facilitou o luns o presidente da Xunta.

Isto é: un concello pode vivir nestes días un surto que eleve a incidencia acumulada e obrigue a ubicalo nos niveis que aparecen no gráfico sobre estas liñas en cor vermella ou laranxa. Sirve como mostra o exemplo de varios dos municipios cunha incidencia acumulada por riba de 500 a 14 días: Aranga, Gomesende, A Gudiña, Larouco, Toques ou Xunqueira de Espadanedo rexistraban este martes menos de 10 casos detectados nos últimos 14 días, pero a súa escasa poboación fai que a súa incidencia estea por riba dos 500 casos/100.000 habitantes.

Tamén pode pasar o contrario: un concello que hai arredor de 14 días experimentou un agrupamento importante de casos, pero desde entón non se rexistraron máis infeccións. Isto podería reducir rapidamente a incidencia acumulada e, por tanto, quedarían nun nivel máis relaxado de limitacións.

Así, cos datos que achegou este martes Sanidade (pechados na tarde do luns), só hai 10 concellos nos que, coñecendo o número exacto de casos, a incidencia acumulada está por riba de 500. Algúns están no nivel máximo de restricións, como Guitiriz, Moeche, Cabanas, A Peroxa, Ponteceso, Corcubión, O Corgo, A Pontenova ou Carballo. Outros, como Curtis, superan o limiar ao subir o número de casos detectados, pero non están na lista avanzada pola Xunta. E outros, como Malpica ou Catoira, xa baixaron do límite establecido respecto aos datos do luns.

Por outra banda, hai 22 concellos que, polo seu baixo número de habitantes, superan a incidencia acumulada de 250 casos/100000 habitantes rexistrando entre 1 e 9 casos (rango que ofrece a Xunta nestas situacións). Isto é, só as autoridades sanitarias dispoñen destes datos exactos, pero en todo caso son menos de 10 nos últimos 14 días. E ademais, poden variar en gran medida en poucos días, levando a estes municipios ao nivel máximo ou ao mínimo das restricións. Algúns foron incluídos pola Xunta no nivel máximo, pero outros (A Merca, A Pobra do Brollón, Amoeiro, Bande, Baralla, Beade, Guntín, Punxín, Rábade, Sandiás, Sober e Taboadela), descoñecen por agora a súa situación a partir do venres. Outros catro desta lista quedarán, canto menos, no nivel ‘medio’ xa que pertencen as áreas sanitarias que manterán unha vixilancia especial (Frades, Vilasantar, A Lama e Paderne).

Na incerteza tamén fican máis de 40 concellos cunha incidencia entre 250 e 500 casos por 100.000 habitantes. Algúns, como Muxía, Vilaboa, Ponte Caldelas, Soutomaior, A Laracha, Carral, San Sadurniño ou Sada, poderían acabar no nivel máximo, xa que están por riba da IA de 400, se amosan unha evolución desfavorable nos vindeiros días. De todos os xeitos, manteranse como moito no nivel laranxa xa que pertencen a áreas sanitarias nas que rexerán maiores limitacións.

Outros, como Ordes, Mos, Lugo, Tomiño, Cangas, O Porriño ou Padrón, están nas áreas nunha situación menos mala, e a súa incidencia oscila entre 210 e 290, polo que poderían chegar a estar no grupo das restricións máis relaxadas.

No outro extremo, con gran probabilidade de relaxar en maior medida as limitacións de mobilidade e en determinadas actividades económicas, atópanse case 60 concellos nos que non se detectou ningún caso nos últimos 14 días. Algúns deles entrarán no nivel ‘laranxa’ por atoparse na área da Coruña ou Ferrol (é o caso de Irixoa, A Capela ou Xermade), pero o resto, que nalgún caso acumulan máis dun mes sen diagnósticos de Covid-19.

Os concellos no ‘nivel 2’

Si se sabe en que nivel, como mínimo, se van situar os máis de 70 concellos das áreas cunha maior carga asistencial, nos que a hostalaría quedará só aberta no exterior ao 50% e aínda non se permitirá a apertura das instalacións deportivas nin o deporte en grupos de non conviventes, entre outras medidas. Nestes lugares non se baixará, en ningún caso, ao nivel máis ‘relaxado’.

Área da Coruña

A Coruña, A Laracha, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cambre, Carral, Cee, Cerceda, Coirós, Coristanco, Culleredo, Curtis, Dumbría, Fisterra, Irixoa, Laxe, Miño, Muxía, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Sobrado, Vilasantar, Vimianzo e Zas, na área da Coruña-Cee.

Área de Ferrol

Na área sanitaria de Ferrol, os cidadáns poderán moverse noi perímetro dos municipios da Capela, Ares, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, Valdoviño e Vilarmaior.

Área de Pontevedra

E na área de Pontevedra-O Salnés, a mobilidade estará permitida sempre que sexa dentro dos concellos da Illa de Arousa, A Lama, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Marín, Meaño, Meis, Moraña, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Os últimos datos

Este é o mapa, cos datos deste martes, en atención aos niveis de incidencia marcados este luns pola Xunta de Galicia:

Peches perimetrais e outras medidas

Esta situación de incerteza afecta, por tanto, á mobilidade cos municipios da contorna, á capacidade máxima nos locais da hostalaría (abrir un 30% no interior, ou non, por exemplo) e á posibilidade de abrir instalacións deportivas, como avanzou o luns o presidente da Xunta de Galicia.

Neste escenario poderían atoparse concellos das áreas sanitarias de Lugo, Santiago, Ourense ou Vigo, cunha situación máis favorable nos municipios próximos, pero que manteñen incidencias altas. É o caso, por exemplo, de Rois, Dodro, Monforte, Sober ou A Pobra do Brollón, Oia, Bande, Sandiás, Guntín, Outeiro de Rei, Baralla, Arzúa, Amoeiro ou Punxín, entre outros, nos que, de manterse a incidencia entre 250 e 500, deberían quedar pechados respecto á contorna, e con medidas máis estritas, sempre segundo o avanzado pola Xunta de Galicia este luns. Deste xeito, os peches perimetrais municipais poderían acabar afectando a unha porcentaxe maior da poboación galega.

Porén, todo queda pendente do que saia negro sobre branco no DOG.

1 comentario

  1. Vendo na paxina oficial da xunta, https://coronavirus.sergas.gal/datos/#/gl-ES/galicia podese ver que hoxe Rois está xa con menos de 250 casos por 100 mil habitantes. Non entendo porqué toman os datos de onte cando ata o venres non van a estar vixentes estos cambios. Deberían coller os do venres, porque agora mesmo os de Rois solo poderían ir a Dodro dos concellos de delado, cando por número de casos están no mesmo que Teo, Brión, Padrón, Santiago…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.