A Xunta reabre a hostalería con tres niveis de incidencia

Permite a reunión de ata 4 persoas non conviventes na maior parte de Galicia, haberá mobilidade por áreas e varias zonas quedan con todas as restricións

Galicia avanza na desescalada tras a evolución positiva dos datos da pandemia nas últimas semanas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, compareceu hoxe para anunciar o levantamento de importantes restricións, as fundamentais no eido da hostalería, que volverá abrir con varias escalas e condicións. As medidas serán efectivas a partir do venres.

Galicia verá aberta a hostalería e a relaxación dalgunhas das restricións pola pandemia atendendo aos niveis de incidencia en cada concello. 17 concellos manterán as actuais restricións. No seguinte nivel poderanse abrir terrazas e haberá reunións de ata 4 persoas non conviventes. Quedan dentro deste grupo as áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra. No nivel máximo de desescalada estarán as áreas que presentan mellor evolución, que son as de Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, onde os bares e restaurantes poden abrir no interior ao 30%. Permítese a mobilidade entre concellos encadrados no mesmo nivel.

No primeiro nivel, o peche da hostalería será total. Son os concellos cunha Incidencia Acumulada (IA) a 14 días maior a 500. Mantéñense as restricións vixentes. A hostalería seguirá pechada, non poderá haber reunións de non conviventes e non se permite a mobilidade fose do concello salvo por cuestións jusitficados. Isto afecta a 17 concellos e o 2,6 % da poboación. Aranga, Cabanas, Carballo, Catoira, Corcubión, O Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Larouco, Malpica de Bergantiños, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, A Pontenova, Toques e Xunqueira de Espadañedo.

No segundo nivel, que corresponde a concellos cunha IA a 14 días entre 250 e 500: permítese a reunión de 4 non conviventes, a hostalería reabrirá o venres pero só terrazas e con 50% de aforo ata as 18 horas. A mobilidade só estará permitida entre concellos coa mesma incidencia. Sitúanse neste nivel os concellos da área sanitaria da Coruña, Ferrol e Pontevedra, coas ucis aínda nunha situación grave. Son 33 concellos máis os 74 das tres áreas sanitarias mencionadas. Total, 107 concellos, o 44 % da poboación.

No terceiro nivel están os concellos con incidencia acumulada menor de 250 casos por cen mil habitantes a 14 días. Son as áreas sanitarias con mellor situación: Lugo, Ourense, Santiago e Vigo. Son 189 concellos, o 54 % da poboación, 1,47 millóns de galegos.Neste caso, permítense reunións de 4 non conviventes, os bares e restaurantes poden abrir con 30 % de aforo en interior e 50 % en terraza con distancia de 1,5 metros e ata as 18 horas. Permítese a mobilidade entre os concellos no mesmo nivel. Avanzan tamén no eido deportivo. Permitiranse os grupos de 4 non conviventes, sempre con máscara. Poderán abrir as instalacións deportivas, ximnasios e piscinas.

En canto a mobilidade, todos os concellos cunha incidencia de menos de 250 poden moverse entre si. As áreas da Coruña, Ferrol e Pontevedra quedan pechadas entre si, pero abertos os municipios da área. Unha persoa de Vigo pode moverse a Ourense, aínda que non pode ir a Coruña, Ferrol nin Pontevedra.

O presidente da Xunta salientou a boa evolución dos últimos datos da pandemia tras as medidas restritivas tomadas no último mes. Así, explicou que hai actualmente 8.066 casos activos, un 64 % menos que a finais de xaneiro, con máis de 22.600 casos activos. Hai 146 pacientes hospitalizados na uci, un 108% menos que no pico da terceira onda. E hai un 52 % menos de persoas hospitalizadas que no máximo da pandemia.

Alberto Núñez Feijoo salientou que a incidencia por cada cen mil habitantes pasou de 779 a 236. “Estamos por fin por debaixo do nivel máximo”, marcado en 250 casos por cen mil habitantes. “É un 69 % de baixada da incidencia e un 80 % na incidencia a 7 días, que está en 86 casos por cen mil habitantes”, dixo.

O presidente da Xunta lembrou que hai un factor de especial alerta para Galicia, que ten a menor taxa de positividade de España, por baixo do 5%, o limiar para ter un brote baixo control. Pero esa taxa baixa “acredita que temos un volume importante de poboación sen inmunizar”.

Tamén fixo fincapé no feito de que a variante británica do coronavirus vai ser a dominante en Galicia, coa súa maior taxa de contaxio. Por iso, manifestou que hai que “estar alerta” e que, de se agravar a situación pandémica nas vindeiras datas, “se hai que volver atrás na desescalada, volveremos”.

Esta primeira apertura chega despois de case un mes con todo o territorio en restricións de nivel máximo, cos 313 concellos con peche perimetral, a prohibición de reunións (agás contadas excepcións) con persoas non conviventes, o peche da actividade na hostalaría e outras actividades consideradas non esenciais.

O escenario varía, do mesmo xeito, en función das áreas do territorio galego. Algunhas das áreas metropolitanas, e en concreto as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo ou Pontevedra, manteñen incidencias por riba dos 200 casos por 100.000 habitantes. E algúns municipios, como Guitiriz, coa maior incidencia acumulada (por riba de 2000), tamén están nunha situación que recomenda adiar a relaxación destas medidas.

Con todo, o descenso da incidencia acumulada xeral, que se sitúa arredor dos 235 casos/100000 habitantes a 14 días e sobre os 85 nos últimos sete, amosa unha boa evolución en boa parte do territorio. Hai 148 concellos nos que se notificaron entre 1 e 9 novos casos nos últimos 14 días, e outros 54 non rexistran ningún caso diagnosticado desde o 7 de febreiro.

En canto aos falecementos, a cifra achégase ás 2200 persoas vítimas da Covid-19 en Galicia. Febreiro, en 20 días, xa se converteu no terceiro peor mes neste indicador despois de xaneiro de 2021 e abril de 2020.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.