Membros do equipo traballando en instalacións da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Alumnos da UVigo competirán cunha aeronave deseñada por eles

Estudantes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, do campus de Ourense, participarán na Air Cargo Challenge en Alemaña

Cando se cumpre un ano da súa posta en marcha, o equipo de aeromodelismo da Universidade de Vigo, UVigo Aerotech, vén de acadar o seu pase para participar “na competición universitaria de enxeñaría aeronáutica máis importante de Europa”, a Air Cargo Challenge. Na cita, que terá lugar en xullo de 2022 en Múnic (Alemaña), UVigo Aerotech competirá cunha aeronave de á fixa non tripulada en cuxo deseño e fabricación están a traballar unha vintena de estudantes, principalmente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo pero tamén da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.

Para poder clasificarse, o equipo da UVigo tivo que cumprir unha serie de requisitos e prazos marcados pola organización. Unha vez superada esta fase, desde UVigo Aerotech salientan o seu orgullo porque “seremos o primeiro equipo galego en participar na historia desta competición, onde 30 das mellores universidades do mundo compiten por realizar o mellor deseño dunha aeronave destinada ao transporte de carga”. Segundo explican, a Air Cargo Challenge estaba previsto inicialmente que se celebrase en 2021 pero finalmente será xullo de 2022 na Universidade Técnica de Múnic debido “ao empeoramento da situación sanitaria actual en todo o mundo e especialmente en Alemaña, país onde se celebra a competición, xunto cos confinamentos e medidas tomadas nos diferentes países de Europa e as corentenas nas viaxes internacionais”. A pesar deste aprazamento, UVigo Aerotech mantén os seus obxectivos e actividades para esta tempada coa idea de que, se a situación sanitaria o permite, presentar antes deste verán o prototipo co que competirá na Air Cargo Challenge.

Traballando no prototipo

A historia de UVigo Aerotech comezou a principios de 2020, cunha primeira tempada que rematou co deseño do AZOR-0, unha aeronave de máis de catro metros de envergadura e capaz de levantar ata 12 quilos. Coa experiencia deste precedente e co horizonte de xullo de 2022, o equipo traballa agora no deseño e fabricación dun novo prototipo de aeronave dividido en cinco departamentos co obxectivo de “cubrir todas as necesidades do proxecto de forma organizada”. Estes departamentos son Electrónica e Control (no que se implementan os circuítos do aeromodelo e se elixe tanto o hardware como o controlador empregados); Propulsión e Dinámica (que se ocupa do deseño, mantemento e ensamblaxe do motor, ademais do deseño e fabricación do tren de aterraxe); Aerodinámica (que abrangue o deseño e fabricación dos elementos aerodinámicos do modelo que permiten levantar a carga de pago necesaria); Estruturas (que estuda as necesidades estruturais do modelo e encárgase da fabricación) e Organización e Márketing  (que se dedica á organización interna e xestiona as redes sociais e a representación do equipo).

Parte do equipo de UVigo Aerotech.

O prototipo froito deste traballo competirá nunha Air Cargo Challenge na que se valorarán tanto as probas de voo como a inspección técnica da aeronave e toda a enxeñaría detrás do deseño. Nesta edición, indican desde UVigo Aerotech, a carga a transportar pola aeronaves que compitan serán bolsas de sangue. “Co deseño xa case rematado, nos próximos meses centrarémonos na fabricación, a ensamblaxe e as probas da aeronave”, sinalan desde o equipo facendo fincapé na colaboración da empresa aeronáutica Coasa que, se a situación sanitaria o permite, “cederanos unha parte das súas instalacións para a fabricación do noso prototipo”. O aprazamento ata 2022 da competición, indican, permitiralles ter ao equipo “máis tempo para optimizar o comportamento da aeronave implementando novos sensores e estudando o rendemento en voo mediante a realización de numerosos tests ao longo desta e da próxima tempada e valorar a implantación de novos sistemas como tecnoloxía FPV (First Person View)”.

O equipo traballa na actualidade no deseño do prototipo co que competirán.

No desenvolvemento desta iniciativa desde UVigo Aerotech fan fincapé no seu agradecemento a todas as entidades públicas e privadas que colaboran co equipo, recalcando como “sen o seu apoio o noso proxecto non sería posible e é por iso que non podemos estarlles máis agradecidos pola confianza depositada en nós, especialmente en vista da situación actual provocada pola pandemia”. Entre as máis de 15 empresas e entidades patrocinadoras actuais coas que contan están Coasa, Utingal e Gurit (do sector aeronáutico e materiais); Europrecis e Mecadis (do sector do mecanizado); Marine Instruments; Dosmasdos; a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Axencia Galega de Innovación.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.