Máis de 20,5 millóns de anos de vida: o custo directo da pandemia

Unha investigación calcula en 81 países os anos que deixaron de vivir as persoas falecidas por mor da Covid-19

O estudo calcula que a media por cada falecemento é de 16 anos de vida. Foto: Pixabay.
O estudo calcula que a media por cada falecemento é de 16 anos de vida. Foto: Pixabay.

Desde que o confinamento da primavera de 2020 pechou nas súas casas a millóns de persoas, reduciu as interaccións sociais e, do mesmo xeito, a atención presencial nos centros sanitarios, fálase de que a pandemia do coronavirus está a ter non só impactos directos nas persoas que padecen a infección da Covid-19, senón tamén quen afronta de xeito indirecto as consecuencias dun sistema sanitario volcado no coronavirus e sen recursos para atender outras patoloxías. Como xa se ten advertido, doenzas como o cancro están a ter retrasos no diagnóstico por mor da pandemia. Deste xeito, os grandes efectos directos e indirectos da crise levaron a procurar un equilibrio entre minimizar o impacto inmediato da pandemia sobre a saúde e a contención dos danos socioeconómicos a longo prazo para a sociedade.

Neste sentido, un parámetro esencial no cálculo de como se poden xustificar as políticas restritivas é a mortalidade asociada á enfermidade, que levou a crear grandes colaboracións internacionais co obxectivo de recoller datos para rexistrar as defuncións atribuíbles ao SARS-CoV-2. A pesar das súas limitacións, cada unha destas vías de investigación e as súas medidas de saúde asociadas (taxa de infección, defuncións e exceso de defuncións) son importantes para informar á cidadanía e aos responsables políticos sobre o impacto da mortalidade do coronavirus.

Mortalidade prematura

Un estudo realizado por un grupo investigadores de diversas universidades e centros internacionais, entre os que se atopan Héctor Pifarré Arolas e Guillem López Casasnovas, do Centro de Investigación en Economía da Saúde da Universidade Pompeu Fabra (CRES-UPF), estimou o impacto da mortalidade prematura por Covid-19.

Fíxoo a partir do cálculo dos anos de vida perdidos –a diferenza entre a idade da morte dun individuo e a súa esperanza de vida– debido ao novo coronavirus e a medida relativa destes anos perdidos en relación a outras enfermidades comúns, como a gripe ou as enfermidades cardiovasculares.

Na investigación, publicada en Scientific Reports, tamén participaron o Max Planck Institute for Demographic Research (Alemaña), a Universidade de Wisconsin-Madison (Estados Unidos) e a Universidade de Oxford (Gran Bretaña) e contou co cofinanciamento da Fundación “la Caixa”.

“Os nosos resultados confirman que o impacto da mortalidade da Covid-19 é grande, non só en canto ao número de mortes, senón tamén en canto aos anos de vida perdidos”, afirman os autores, que consideran que o seu estudo é unha radiografía da situación da pandemia a principios de 2021.

Cantos anos de vida se perderon?

Os investigadores estimaron o índice de anos de vida perdidos (YLL, en inglés) causado pola Covid-19 sobre máis de 1.279.866 defuncións en 81 países. Tamén analizaron datos da esperanza de vida e fixeron proxeccións de mortes totais de Covid-19 por país.

Os autores afirman que, en total, perdéronse 20.507.518 anos de vida debido ao coronavirus nos 81 países incluídos no estudo, cunha media de 16 anos por falecemento individual.

Do total de anos perdidos, o 44,9% produciuse en individuos de entre 55 e 75 anos, un 30,2% de en individuos menores de 55 anos e un 25% nos maiores de 75 anos. Nos países para os que se dispoñía do cálculo do número de mortes por sexo, o YLL foi un 44 % superior en homes que en mulleres.

Nos países máis afectados pola Covid-19, e en relación a outras causas globais de morte comúns, o índice de anos de vida perdidos debido á pandemia foi de dúas a nove veces maior que o YLL medio asociado á gripe estacional, e entre 1/4 e 1/2 superior ao YLL atribuíble ás afeccións cardíacas.

En 35 dos países analizados, a cobertura dos datos abarca polo menos nove meses. Nestes casos, isto suxire que probablemente inclúe os impactos completos da pandemia en 2020, ou polo menos as súas primeiras ondas, mentres que para outros países, estes datos aínda están á alza.

Os expertos advirten que “hai que entender os resultados no contexto dunha pandemia en curso, que evoluciona; pódese dicir que o estudo proporciona unha instantánea dos posibles impactos da covid-19 en canto a anos de vida perdidos con data de 6 de xaneiro de 2021”.

“As valoracións de anos de vida perdidos poden ser subestimadas, debido á dificultade de rexistrar con precisión as defuncións relacionadas coa Covid-19, xa que tanto as políticas como as prácticas sobre a codificación das mortes aínda se están desenvolvendo e estandarizando”, subliñan os autores, que recalcan que o estudo se limita a analizar a mortalidade prematura. “Unha avaliación completa do impacto da pandemia na saúde debería considerar a carga de discapacidade asociada á enfermidade”, conclúen.


Referencia: Years of life lost to COVID-19 in 81 countries (Publicado en Scientific Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.