A vacinación e a progresiva contención do virus mudará o impacto do SARS-CoV-2 no planeta.
A vacinación e a progresiva contención do virus mudará o impacto do SARS-CoV-2 no planeta.

E que pasará? (III): un futuro esperanzador con tarefas pendentes

O avance da vacinación reducirá os casos graves da Covid-19, aínda que xa hai novos desafíos sanitarios que axexan no horizonte

O que foi (I): o golpe que ninguén agardaba (e os avisos que non se souberon ver)

O que está sendo (II): unha gran reacción científica lastrada por erros na xestión

Desde que estoupou a pandemia da Covid-19, chamou á atención dos equipos cientifícos as grandes diferenzas que a infección do SARS-CoV-2 causaba en función da idade. Mentres que as persoas maiores empeoraban rapidamente por procesos moitas veces vinculados a unha reacción exacerbada do seu sistema inmune, os máis cativos apenas sufrían problemas. No caso das persoas de menor idade segue habendo moitas incógnitas, xa que algunhas análises vinculan a transmisión silenciosa nos nenos e nenas co aumento de casos no conxunto da sociedade e outros traballos, pola contra, constatan que o número de infeccións neles é menor ca no resto da poboación. É unha cuestión aínda sen resolver, pero nos nenos e nenas poden estar algunhas respostas para pensar nos futuros escenarios aos que nos pode levar a pandemia da Covid-19.

O SARS-CoV-2 non é o único coronavirus que circula na sociedade. Outros menos coñecidos, como 229E, HKU1, NL63 ou OC43, causan numerosas infeccións todos os invernos en forma de arrefriados ou problemas gastrointestinais que afectan en gran medida a nenos. A memoria desenvolvida contra estes patóxenos en idades temperás, nas que o sistema inmunitario é máis dinámico, pode estar detrás de que agora se estean detectando menos casos de Covid-19 en cativos. Así o explicaron nos últimos días en conversa con GCiencia inmunólogos como José Gómez Rial (CHUS) ou África González (UVigo): boa parte dos casos graves de Covid-19, sobre todo en persoas de maior idade, non se deben tanto aos danos do propio virus como ao “incendio” que o sistema inmunitario produce para combater un patóxeno que nunca viu. “A idade provoca que a resposta inmune sexa menos áxil, e iso vémolo cos nenos: teñen un sistema inmune habituado a responder a patóxenos novos para eles, que os protexe mellor. Pero nas persoas maiores, un virus novo pode causar serias complicacións, como está pasando, e o seu sistema non sabe como responder, e prodúcese unha especie de ‘incendio’ que dana os tecidos”, dicía hai unhas semanas José Gómez Rial.

O ritmo de vacinación

Aquí reside, por tanto, unha das claves para conter unha posible cuarta onda ou, canto menos, unha maior proporción de casos graves e falecementos. A mellora nos tratamentos, co uso de antivirais, fármacos como a dexametasona e o maior coñecemento sobre a enfermidade xa reduciron, respecto a vagas previas, a taxa de letalidade da Covid-19. Agora, como xa se observa na poboación institucionalizada e outros grupos prioritarios na estratexia de vacinación, estase acadando unha importante vitoria contra o virus.

Este xoves 11 de marzo prodúcese outra gran noticia: a Axencia Europea do Medicamento dou o visto e prace á vacina de Janssen, que se administra nunha única dose e non precisa ser conservada a temperaturas demasiado baixas. A institución comunitaria xa está revisando os resultados dos ensaios clínicos de Novavax, CureVac, Sanofi/GSK e da Sputnik V.

Así, a pesar das críticas á lentitude inicial do proceso, a recepción de millóns de doses nos vindeiros meses podería cumprir coa previsión da Unión Europea: que o 70% da poboación estea protexida a través da vacinación, ou ben pola infección previa, cara a finais do verán ou comezos de outono.

Mais hai unha parte importante do planeta que seguirá agardando para protexerse da pandemia. Como adoita acontecer nestes casos, hai privilexiados e hai perdedores. A pesar dos esforzos de iniciativas como COVAX, os países menos desenvolvidos terán que agardar máis tempo para inmunizar á súa poboación.

Como evolucionará a pandemia?

As vacinas son un elemento clave, pero a ciencia segue mirando con atención á propia evolución do virus para adiantarse a posibles imprevistos. O éxito das medidas de prevención para evitar un aumento de contaxios non ten só consecuencias directas no número de hospitalizacións e falecementos. Un menor número de infeccións resulta nun menor número de oportunidades de que o SARS-CoV-2 experimente mutacións que poidan incrementar a súa transmisibilidade, a gravidade dos danos que causa no organismo ou o escape á protección que ofrece a exposición de infeccións anteriores. Por agora, a pesar de que se observou a posible redución na efectividade dalgunhas das vacinas, non parece haber motivos para a excesiva preocupación. Segundo África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, “o problema podería ser se o virus muta nas zonas de recoñecemento do sistema inmunitario. Pero por agora viuse que os linfocitos T responden contra todas as variantes. Así, aínda que poidamos perder os anticorpos, temos a memoria inmune celular”. É dicir, os casos graves poden evitarse nas persoas vacinadas e nas que pasaron xa a infección. Do mesmo xeito, parece que esta protección dura, como pouco, oito meses, e é probable que este tempo sexa maior.

Como se comprobou durante a pandemia, e como acontece en moitos outros aspectos, é moi difícil establecer predicións dun fenómeno suxeito a tantas e distintas variables. Porén, os escenarios que a ciencia manexa parecen apuntar nunha dirección: o coronavirus SARS-CoV-2 veu para quedarse, aínda que o seu impacto será menor co paso do tempo.

A vacinación, unida ás posibles ‘adaptacións’ do SARS-CoV-2, poderán converter o SARS-CoV-2 no causante de arrefriados estacionais, como outros coronavirus

Por agora, aínda que algúns estudos abren a porta á posibilidade de reinfeccións ou dunha menor efectividade dalgunhas vacinas fronte ás variantes, entre outros posibles obstáculos, a comunidade científica lanza unha mensaxe de tranquilidade. “A mellor maneira de evitar a aparición de variantes é reducir o número de contaxios, darlle menos oportunidades ao SARS-CoV-2 para mutar. E ademais, co avance da vacinación, temos outra maneira de frear os contaxios: aínda que non nos protexa totalmente da infección, o noso sistema inmune vaino destruír rapidamente e non lle daremos tempo a que mute”, explicaba este martes a GCiencia África González.

A mediados de febreiro, a revista Nature publicou os resultados dunha enquisa realizada a máis de 100 inmunólogos, virólogos e expertos en enfermidades infecciosas que están investigando o SARS-CoV-2. Un 60% consideraba “moi probable” que o novo coronavirus acabe converténdose nun virus enfémico, e outro 29% considerábao “probable”. Apenas o 6% dicía que era “improbable” ou “moi improbable” que isto acontecese.

Algunhas zonas do planeta, como a China, Australia ou Nova Zelanda, están a apostar pola estratexia Cero Covid, é dicir, tomar medidas drásticas en canto aparece un caso, mantendo o peche de fronteiras e compaxinándoo cunha vida relativamente normal o resto do tempo. Pero a propagación do virus polo mundo é de tal magnitude que será difícil manter esta estratexia durante anos nestas áreas, ou aplicala no resto do planeta. “Erradicar este virus do mundo agora mesmo é algo parecido a construír un trampolín ata a lúa. Non é algo realista”, dicía a Nature o epidemiólogo Michael Osterholm, da Universidade de Minnesota (Estados Unidos).

Porén, a inmunización e os posibles cambios na estrutura do virus xogarán un papel esencial. A protección da meirande parte da poboación podería levar, por exemplo, a que siga o camiño dos outros coronavirus: unha enfermidade que afecte sobre todo, e de forma leve, ás persoas máis novas.

Como se comportará o SARS-CoV-2?

Nun artigo publicado no seu blog en agosto de 2020, o virólogo da Universidade de Columbia Vincent Racaniello expoñía a súa visión sobre o futuro do SARS-CoV-2. “Aínda non se sabe canto tempo pasará antes de que cambie o suficiente para converterse nun novo arrefriado común. Depende en parte de como funcionen as vacinas. Sospeito que ningunha bloqueará por completo a reprodución viral, aínda que poidan mitigar a enfermidade”.

Deste xeito, expón Racaniello, “o SARS-COV-2 continuará circulando e xurdirán as mutacións que, nalgún momento, reducirán a súa virulencia. Creo que nalgún momento do futuro xa non precisarmos ningunha das vacinas contra o SARS-CoV-2, porque o virus xa non causará enfermidades graves. É por isto que non temos vacinas contra os arrefriados que causan outros coronavirus, porque non hai necesidade médica para elas”.

O virólogo deixa tamén unha interesante reflexión sobre a prevención da pandemia. Podería terse evitado, segundo el, “de investir miles de millóns de dólares no desenvolvemento de fármacos antivirais contra distintos coronavirus. En vez disto, moitas empresas e gobernos están a gastar moitos máis millóns de dólares en vacinas que algún día quedarán obsoletas. Esta falta de visión debería enfurecer a calquera humano na Terra”, critica Racaniello.

Apostar por investigar e previr

Como explica Racaniello, a ciencia e os sistemas sanitarios recibiron neste ano unha inxección extraordinaria de recursos, pero que xa chega tarde para esta pandemia. Porén, moitas voces advirten que, unha vez pasada a crise, cómpre manter o apoio á ciencia e a investigación. As eivas na capacidade diagnóstica e, posteriormente, na vixilancia xenómica, foron un factor determinante para que o SARS-CoV-2 se estendese polo planeta.

E tamén foron frecuentes as advertencias na liña da prevención. Despois dos avisos do SARS e o MERS, o novo SARS-CoV-2 impactou a nivel mundial. Mais aí están virus como o zika, o chikungunya, a febre hemorráxica de Crimea-Congo ou a febre do val do Rift, doenzas ás que a OMS xa catalogou como desafíos prioritarios. O coronavirus pasará, pero moi probablemente veñan novas batallas despois del.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.