Formigas, arañas, bolboretas, crustáceos, abellas e cempés. Os artrópodos, a aresta da fauna formada por invertebrados, representan aproximadamente o 70% da biodiversidade do planeta, con máis dun millón de especies descritas. Con todo, e a pesar de desempeñar funcións clave nos ecosistemas, seguen a ser un grupo amplamente ignorado nas políticas de conservación. Para mudar esta situación, púxose en marcha un equipo de investigación integrado por persoal de arredor de vinte centros e universidades de toda España e Portugal. Nel participa Marcos González, do grupo BiBiCI (Biodiversidade, Bioxeografía e Conservación Integrativa) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O traballo deu lugar a unha base de datos que recompila rexistros sobre a distribución de artrópodos na Península Ibérica e Illas Baleares, na que se identifican 40 áreas prioritarias para a súa conservación. En Galicia, estes puntos concéntranse nas montañas orientais do Courel e Os Ancares, no macizo central ourensán —Manzaneda e Pena Trevinca— e na Serra do Xistral, todas elas zonas cunha elevada riqueza de especies.
A base de datos integra preto de medio millón de citas e recolle 6.231 especies pertencentes a 13 grandes grupos taxonómicos. “Analizouse un 10% da biodiversidade ibérica, o que, falando de artrópodos, é moito”, destaca o investigador da USC, sinalando que a maioría corresponden a insectos. O estudo céntrase na riqueza específica, é dicir, no número de especies distintas presentes nun territorio, o que permite identificar focos de diversidade.
Con todo, González insiste en que “tanto ou máis importante é o valor de conservación das especies”. Para iso sería preciso desenvolver análises cualitativas que identifiquen especies endémicas ou especialmente valiosas para a conservación, un traballo aínda pendente. “Nas zonas con alta riqueza específica é moi probable que existan especies de gran singularidade”, apunta. Trátase, en definitiva, dunha primeira aproximación que abre a porta a novas liñas de investigación.
Quen habita en Galicia?
Galicia caracterízase por unha gran diversidade de ecosistemas, dominados polo bosque atlántico húmido, os sistemas dunares e unha extensa rede hidrográfica. Ademais de grandes ríos como o Miño ou o Sil, abundan regatos, fontes e mananciais. Entre os grupos estudados destacan tres estritamente acuáticos, con focos de biodiversidade na comunidade: as frigáneas (orde Trichoptera), as perlas (orde Plecoptera) e os escarabellos acuáticos como os matacabalos (familia Dytiscidae). “O potencial endémico destes grupos é extraordinario”, subliña González. Así, de cada cen especies, polo menos 35 son exclusivas de Galicia e do norte de Portugal. Aínda que este dato non aparece explicitamente no artigo científico, o investigador sinala que está implícito nos rexistros manexados. Como exemplo, menciona a Serra do Xistral, coñecida polas súas turbeiras, que alberga unha biodiversidade notable con especies moi específicas.
No mapa das áreas prioritarias para artrópodos iberobaleares da portada aparecen dous puntos azuis destacados na fronteira galega, nun dos extremos da cordilleira cantábrica. Estes reflicten a presenza dos tricópteros, plecópteros e coleópteros acuáticos. “Hai unha gran cantidade de información que avala a importancia destes grupos no territorio”, engade. No caso dos coleópteros acuáticos, a súa relevancia queda patente nun mapa específico, no que se observa unha forte presenza no leste de Galicia.
Con todo, outros grupos de artrópodos carecen de rexistros na comunidade debido á escaseza de estudos. “Os puntos illados fóra das zonas montañosas, como Santiago e a súa contorna, responden principalmente á actividade investigadora da universidade“, explica González.
Ameazas
“En Galicia, todos os grupos de artrópodos están ameazados”, apunta o investigador. Os artrópodos edáficos —vinculados ao solo— vense afectados pola degradación causada por fenómenos erosivos ou polo uso de fertilizantes. Pola súa banda, os que dependen da flora, como as abellas, sofren o impacto de químicos como herbicidas e pesticidas. A estas presións súmanse factores externos como as especies invasoras: “A maior ameaza para os polinizadores é a Vespa velutina“, sinala.
Mais unha das ameazas máis importantes é, paradoxalmente, o esquecemento. Das 200 especies descritas en Galicia, ningunha figura en estado de perigo crítico. “Agás algúns casos de bolboretas e cabalos do demo, non son especies socialmente visibles nin fáciles de recoñecer“, explica. Isto impide que actúen como especies símbolo, ao contrario do que ocorre con certos vertebrados como o oso pardo. Por iso, González defende que o enfoque debe centrarse na protección dos grupos taxonómicos: “Case todas as familias están nunha situación crítica”.
Correspondencia coa Rede Natura 2000
En Galicia, arredor do 10% do territorio está incluído na Rede Natura 2000, “pouco comparado co contexto da Península”. Aínda así, o 70% dos puntos quentes de diversidade ibérica sitúanse dentro destes espazos protexidos, cunha correspondencia tamén elevada en Galicia, aínda que non completa. “Se conservamos estas áreas, aseguramos a conservación dunha porcentaxe moi importante da biodiversidade”, afirma González. Con todo, as especies que habitan fóra destes límites requiren unha xestión integral do medio ambiente. “A conservación non remata nos parques nacionais; hai áreas que probablemente nunca estarán protexidas”, advirte, poñendo como exemplo a Serra do Barbanza, que acolle artrópodos acuáticos sen contar cunha figura de protección destacada.

Nesgos na investigación
O investigador recoñece que nun estudo desta magnitude “é inevitable que a información conteña nesgos pola intensidade de investigación nas diferentes áreas”. Tamén inflúe o estado de conservación dos hábitats: no caso dos artrópodos acuáticos, a súa supervivencia depende en gran medida da calidade das augas e da vexetación asociada. “A principal virtude que ten o traballo é que, ao integrar toda a información, permite identificar estes patróns”, destaca.
Plan de xestión para artrópodos?
“O medio ambiente non funciona en compartimentos estancos“, conclúe Marcos González. Así, a pesar de que os espazos da Rede Natura actúan como unha rede de “parches” que frean a perda de biodiversidade, resulta imprescindible atender tamén a outras áreas de alto valor que seguen insuficientemente protexidas. Neste sentido, a investigación proporciona unha ferramenta clave para orientar a xestión dos artrópodos e contribuír ao deseño de futuras estratexias no novo Marco Global de Biodiversidade post-2020.
Referencia: Priority areas for arthropod conservation in the Iberian Peninsula and Balearic Islands: Insights from a multi-taxon distributional database (Publicado en Insect Conservation and Diversity)












