Altera ou non a vacina da covid o ciclo menstrual? “A relación é clara”

A xinecóloga Cristina González, do Hospital de Santiago, constata o vínculo entre o virus e as modificacións no período, frente a nova investigación sueca que o descarta

Cando se replicaron en varias partes do mundo os testemuños de mulleres que padecían alteracións menstruais e dores agudas tras recibir a vacina contra a covid-19, os científicos comezaron a investigar unha posible relación casual. Dous anos despois, existen varios estudos publicados ao respecto con conclusións moi distintas. Un dos últimos é sueco, publicado na revista académica The BMJ. Afirma, tras entrevistar a case tres millóns de mulleres, que non existe unha asociación entre a inxección e os trastornos menstruais ou hemorráxicos. Á vez, outros artigos científicos confirman atrasos, ausencia de menstruación, hipermenorreas e sangrados en mulleres menopáusicas. A Axencia Europea do Medicamento informou da “posibilidade razoable” da aparición de fluxo abundante tralas vacinas ARNm. Por que a información é tan dispar? É posible establecer un consenso científico ao respecto a partir da información disponible?

O estudo publicado en The BMJ foi realizado pola Axencia Sueca de Productos Sanitarios e tomou como mostra a 2.946.448 mulleres de 12 a 74 anos, que acudiron á consulta médica por trastornos menstruais e sangrados antes e despois da menopausia. Os investigadores nas conclusións informan que “se observaron asociacións débiles e inconsistentes entre a vacinación contra o SARS-CoV-2 e os contactos de atención médica para o sangrado en mulleres posmenopáusicas, rexistrándose aínda menos evidencia dunha asociación para transtornos menstruais ou sangrado en mulleres premenopáusicas”. Por iso, especifican, o resultado desta exploración non pode corroborar que exista unha conexión entre a inxección e un sangrado excesivo nestas persoas.

Publicidade

A vacina e os riscos de maior fluxo

Outro estudo internacional que saíu a luz en abril no British Journal of Obstetrics and Gynaecology realizado por investigadoras da Universidade de Saúde e Ciencia de Oregón (OHSU), demostrou que as mulleres que se vacinaron contra a covid teñen un risco máis alto de padecer períodos de maior fluxo menstrual. A mostra tomárona a partir da aplicación de seguemento da fertilidade Natural Cycles, cun total de 9.555 persoas de Estados Unidos (EE.UU), Canadá, Reino Unido e Europa. As análises permitiron identificar un aumento do 4% na porcentaxe de participantes que tiveron máis cantidade de sangue trala primeira dose de covid-19 en comparación co grupo que non recibiu a inxección. Tras observar os resultados, o equipo de investigación determinou que estes cambios nos períodos menstruais non se extendían no tempo, afectando fundamentalmente ao primeiro ciclo menstrual trala vacina. Esta é unha conclusión común, xa que varios estudos confirman que os trastornos na regra non son pertinaces. Na mesma liña, unha enquisa a 40.000 mulleres publicada en Sciencie Advances recolleu que un 42% das entrevistadas con ciclos menstruais regulares informaron sangrados máis abundantes tras ser vacinadas.

A USC lidera un estudo pioneiro tras traballar con mostras obtidas de mulleres que padecían nese momento unha alteración menstrual

En España hai varias liñas de investigación abertas na materia. A Universidade de Estremadura (UEX) realizou unha enquisa a 17.515 mulleres que recoñeceron ter desaxustes no ciclo e inflamación dos ganglios linfáticas das axilas. O Hospital Universitario de Santiago (CHUS) comezou a recoller mostras fai máis dun ano a mulleres que reportaban tanto en atención primaria como nas revisións coas matronas grandes dores no abdome, períodos moi longos de sangrado, doenzas e inflamación dos peitos ou falta de menstruación, entre outras. Unha das investigadoras, a xinecóloga Cristina González, explica que dende o seu coñecemento son o primeiro centro que está a realizar un estudo individualizado en mulleres cuxo cuadro clínico, en canto as modificacións no seu período, está claramente relacionado por infección por covid, inmediatamente aos días posteriores tras dar positivo ou despois da inxección.

Os sanitarios do CHUS realizáronlles análises de sangue, ecografías e biopsias. “Estes trastornos menstruais non teñen que ver nin co tipo de vacina que recibiron, coa idade ou con antecedentes médicos. Están relacionados coa infección do propio virus”, apunta a xinecóloga. Se a vacina está conformada por unha parte vírica e por outros elementos que lle aportan “corpo”, é o virus o que causa a variación hormonal nas mulleres. “Non ten que ver coa vacina, é un efecto vírico. O que queremos saber é por que se produce ese cambio, cal é a alteración central hormonal, e seguro cerebral, que orixina estos sangrados”, apunta.

Cambios hormonais previos

En definitiva, hai varios factores que determinan as diferenzas entre todos estes estudos. En primeiro lugar, o tipo de mostra que se toma, xa que os resultados variarán moito se as mulleres que se estudan reportaron dores intensas e cambios hormonais previamente ou non. E en segundo lugar, a xinecóloga apunta que é moi importante nos estudos descriptivos a subxectividade das mulleres, xa que é moi habitual que as dores de regras ou os retrasos menstruais estean normalizados. Na súa opinión, cre que as alteracións menstruais derivan dunha susceptabilidade individual: da mesma maneira que o virus causa asintomáticos e, ao tempo, infeccións pulmonares que derivan pacientes á UCI, impacta de maneira distinta nos ciclos menstruais das mulleres.

A xinecóloga apunta, como curiosidade, que entre as 200 mostras que obtivo dende o hospital non consultou aínda ningunha doente afectada trala cuarta vacinación. Mais isto non ten que ver porque esta dose non poida afectar á regra, senón que foi só practicamente a xente envellecida a que acudiu a vacinarse por cuarta vez. “O importante son os datos clínicos, e nós temos ouro líquido e moito por investigar”, apostila.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Desenvolto un anticorpo que bloquea todas as variantes de SARS-CoV-2 no laboratorio

O equipo realizou a investigación a partir de mostras de sangue dun paciente infectado durante a primeira onda da pandemia

Os proxectos galegos REDILE e NEmecum, galardoados nos III Premios Ennova Health

Investigadores do HULA e do CHUS, premiados por iniciativas para a rehabilitación dos trastornos da linguaxe e para corrixir a desnutrición de pacientes hospitalizados

As embarazadas transfiren anticorpos que protexen durante uns meses ao bebé de covid-19

Investigadores españois demostran que a protección diminúe de forma progresiva nos primeiros seis meses de vida