Sábado 20 Abril 2024

As mulleres concentran o 75% dos casos adversos das vacinas covid en Galicia

O Sergas rexistra preto de 2.000 notificacións de efectos secundarios e o 27% foron considerados de carácter grave

O debate sobre os efectos secundarios das vacinas contra a covid nunca desapareceu do espazo público. Agora, un informe do Centro de Farmacovixilancia de Galicia —dependente do Sergas— revela que o 75% dos casos adversos rexistrados producíronse en mulleres, un 23,7% en homes e o 1,3% restante en persoas das que se descoñece o sexo. De todas formas, só se notificaron un total de 2.006 eventos adversos das 6.700.344 doses que se administraron dende o inicio da campaña de vacinación. É dicir, tan só un 0,03% das inxeccións tivo un efecto negativo sobre a saúde das persoas vacinadas.

Notificacións de casos, segundo o efecto adverso provocado. Fonte: Sergas

Dende o Sergas explican que este tipo de acontecementos son “o resultado adverso que ocorre durante ou tras a administración dun fármaco, pero que pode ou non ser atribuído a este”. Do total de casos rexistrados (2.006), preto do 27% foron considerados de carácter grave. Entre as doenzas máis notificadas están a embolia pulmonar (40), a síncope (23) e a parálise facial (16). No que respecta ao perfil das persoas afectadas, o Sergas confirma que o grupo de idade de 30 a 49 anos foi o que máis rexistros presenta, aglutinando o 44,6% do total.

Publicidade

En relación á poboación infantil, o informe recolle 10 notificacións de efectos adversos en menores de entre 2 e 11 anos. Delas, o 60% foron rapazas e o 40% rapaces. No caso deles, as doenzas máis frecuentes foron a vasculite e os tics, que xa estaban en recuperación no momento en que foron notificadas. No que respecta ás nenas, víronse afectadas por miopericardite, síncope e parálise de Bell. Amais disto, rexistráronse dous casos nos que houbo exposición fetal durante o embarazo. Un dos neonatos sufriu un efecto considerado “grave” ao ter un infarto de arteria cerebral esquerda no seu primeiro día de vida. Segundo o Sergas, a nai fora vacinada catro días antes.

Os casos mortais ascenden a 20

No que respecta á mortalidade, o boletín recolle un total de 20 falecemos relacionados cos efectos adversos producidos pola vacinación covid. En porcentaxe, corresponderíanse tan só co 1% do total de casos notificados. No que respecta ás doenzas máis frecuentes, están o infarto de miocardio e a síndrome coronaria aguda (4), a embolia pulmonar (3) e a hemorraxia cerebral (2). En relación ao perfil dos afectados, 10 foron mulleres, 8 homes e os dous restantes son persoas das que se descoñece o sexo.

Por grupos de idade, a maioría dos falecementos produciuse en maiores de 60 anos. Máis polo miúdo, nas franxas de 20-29 e 30-39 notificáronse dous casos en cada unha. Outros dous na de 40-49, e tres deles na de 50-59. O número ascende a catro no grupo de 60-69. Cinco máis para a franxa de 70-79, na que máis falecidos se rexistraron. Finalmente, nos maiores de 80 producíronse tres mortes asociadas aos efectos adversos da vacina.

O ciclo menstrual

Outro dos aspectos que aborda o informe é a relación das vacinación covid coas alteracións no ciclo menstrual. Segundo indican dende o Sergas, hai varios estudos que asocian cambios na cantidade do sangrado e na duración do ciclo coas inxeccións de Pfizer e Moderna. Segundo os datos recollidos no documento, en Galicia recibíronse 236 notificacións e o 10,59% delas foron de carácter grave. No que respecta ao tipo de acontecemenos rexistrados, os que máis frecuencia presentan son o sangrado menstrual intenso (56), o trastorno menstrual (51), a menstruación irregular (41) e a dismenorrea (39). En relación ao perfil de afectadas, o 62,7% son mulleres entre os 30 e os 49 anos.

Finalmente, o Sergas recorda a importancia de facer un seguimento e unha avaliación dos medicamentos aprobados polas autoridades competentes, posto que algunhas reaccións adversas son difíciles de detectar nos ensaios clínicos e preclínicos. Malia que as cifras que ofrecen dan conta da seguridade das vacinas, con porcentaxes moi baixas en relación ao número de doses administradas.


Se tiveches algunha reacción adversa a un medicamento podes notificalo na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias