A investigación sobre “xenes saltóns” da USC recibe financiamento da Fundación “La Caixa”

O proxecto do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dirixido por José Tubío para descifrar o impacto dos “xenes saltóns” na proliferación tumoral acaba de ser premiado pola Fundación “La Caixa” na última Convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde 2022, e financiado con 495.000 euros. No seu conxunto, a Fundación impulsa 33 novos proxectos de investigación biomédica en España e Portugal que poidan impactar de forma positiva na saúde dos cidadáns. A entidade dota cun total de 23,1 millóns de euros estes proxectos ―20 deles, españois, e 13, portugueses―, que deberán desenvolverse durante os próximos tres anos.

Estudar o papel dos retrotransposóns na multiplicación tumoral

O xenoma humano alberga o mesmo número de xenes que codifican para proteínas que o dun simple verme. Por tanto, a nosa complexidade explícase pola forma en que os nosos xenes están regulados. Neste sentido, unha fracción importante do noso ADN componse de fragmentos que teñen a capacidade de moverse; son os chamados “xenes saltóns” ou elementos móbiles: transposóns e retrotransposóns. “Os retrotransposóns poden saltar dun lado a outro do xenoma e ocasionar perdas de fragmentos de material xenético ou introducir rexións regulatorias”, sinala José Tubío.

Publicidade

Estudos anteriores concluíron que os retrotransposóns son unha fonte importante de mutacións en cancro, aínda que as consecuencias funcionais que ten a súa actividade son bastante descoñecidas. Neste proxecto, “tentamos descifrar ata que punto este salto dos retrotransposóns cambia o contexto da estrutura tridimensional do xenoma tumoral e impacta na función dos xenes do cancro”, explica o investigador principal do CiMUS.

A convocatoria de investigación en saúde

A convocatoria, á que este ano se presentaron 546 propostas, ten como obxectivo identificar e impulsar as iniciativas de gran excelencia científica e de maior valor potencial e impacto social en investigación tanto básica como clínica, traslacional e de innovación. En concreto, todas elas van dirixidas á abordaxe de ámbitos que supoñen un reto en saúde, como as enfermidades infecciosas (11 proxectos), as neurociencias (9 proxectos), a oncoloxía (8 proxectos) e as enfermidades cardiovasculares e metabólicas relacionadas (5 proxectos). Varias das iniciativas premiadas desenvolverán tecnoloxías biomédicas que permitirán abordar algúns destes retos en saúde.

Publicidade

En canto á procedencia dos proxectos seleccionados, 20 son de centros de investigación e universidades de distintas comunidades autónomas de España: Cataluña (9), Comunidad de Madrid (6), Andalucía (2), Comunitat Valenciana (2) e Galicia (1). A estes súmanse 13 iniciativas de diversos centros de Portugal: 7 da área Metropolitana de Lisboa, 3 da Rexión Norte (O Porto, Braga), 2 da Rexión Centro (Coimbra) e 1 do Algarve.

A Fundación ”La Caixa” acaba de abrir a nova convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde, que se resolverá en 2023, e os investigadores que o desexen poderán empezar a enviar as súas solicitudes para optar ás axudas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos