Un estudo sobre poboación galega demostra a eficacia da dose de reforzo contra a covid

Os investigadores do IDIS analizaron máis dun millón e medio de tests, tamén en pacientes comórbidos

Os investigadores Antonio Salas (esquerda) e Federico Martinón. Foto: Santi Alvite/USC.
Os investigadores Antonio Salas (esquerda) e Federico Martinón. Foto: Santi Alvite/USC.

A extensión entre a poboación mundial da vacinación contra a covid-19 trouxo consigo novos debates sobre a súa aplicación e, sobre todo, sobre o emprego das doses de reforzo. A comunidade científica non acha debate sobre se é ou non a mellor medida preventiva contra a propagación do virus SARS-CoV-2. Onde si que os académicos aínda atopan discusión é sobre se é ou non necesaria unha dose de reforzo. Un estudo realizado exclusivamente sobre poboación galega acaba de demostrar a eficacia desta aplicación de reforzo contra o desenvolvemento dunha enfermidade grave producida polo coronavirus e tamén contra a propagación do virus.

O reto dos investigadores que están detrás deste traballo era, entre outras cousas, galeguizar os datos: “Basicamente, o obxectivo foi explorar a eficacia real das doses de reforzo da vacina contra a covid na nosa poboación. Existen estudos noutras poboacións que en ocasións podería suceder que non son extrapolables á nosa”, apunta Antonio Salas, investigador da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e un dos asinantes do traballo. “Podería suceder que a dose de reforzo non fose realmente eficaz, o que nos levaría a pensar que esa dose non fose necesaria. Porén, o estudo indica que non é o caso: os datos apuntan que, tras analizar mais dun millón e medio de test, o reforzo funciona”, engade.

Máis de millón e medio de tests covid

No traballo que Salas asina con investigadores da talla de Federico Martinón ou Narmeen Mallah, empregaron a análise de máis de millón e medio de tests da proba SARS-CoV-2: incluíron 1.512.415 (94,13%) resultados negativos e 94.334 (5,87%) positivos. Unha mostra ampla que non implica o mesmo número de suxeitos, senón que unha mesma persoa pode estar representada con varias probas. Ademais, este estudo tamén contou coa particularidade de incluír persoas con comorbilidades. É dicir, pacientes que padecen dúas ou máis enfermidades á vez.

A conclusión fundamental é que a dose de reforzo da vacina para a covid incrementa a protección contra a infección e tamén contra as complicacións

ANTONIO SALAS, investigador do IDIS

“A conclusión fundamental é que a dose de reforzo da vacina para a covid incrementa a protección contra a infección e tamén contra as complicacións, tanto na poboación xeral como naquelas persoas que padecen outras patoloxías, como a diabetes, hipertensión, obesidade, enfermidade obstrutiva crónica ou cancro”, argumenta o investigador Antonio Salas.

No paper que veñen de publicar na revista Environmental Research, os investigadores explican que a alta efectividade da vacina demostrouse en todos os grupos etarios, mais foi especialmente significativa nas persoas con máis de 65 anos. Analizaron, de feito, unha mostra de pacientes con reforzo e sen el tanto en hospitalización (cunha eficacia do 72%) como en unidades de coidados intensivos (cunha eficacia do 83%).

Unha investigación aínda en marcha

A Organización Mundial da Saúde (OMS) aínda está mergullada na análise dos resultados de investigacións coma esta. Saber a necesidade real e os tempos nos que administrar as doses de reforzo resulta fundamental no artellamento das políticas sanitarias e, polo de agora, non hai unha visión consensuada entre a comunidade científica. Isto débese a que, como explican no artigo, os estudos aínda son limitados.

“A validez externa dos achados sobre a eficacia da vacina está influenciada por parámetros específicos do establecemento. Tales como a adherencia ás doses da vacina e os intervalos de tempo para a administración da dose, o acceso á atención médica, a cantidade de probas de SARS-CoV-2 realizadas, o limiar para a hospitalización por covid e ingreso en coidados intensivos, así como a estratexia de manexo e as intervencións non farmacéuticas aplicadas en diferentes momentos da pandemia”, reflexionan. Precisamente, nesa ampliación do corpus científico radica a importancia de traballos con poboacións específicas coma este, titulado Eficacia do reforzo da vacina COVID-19 na poboación xeral e en suxeitos con comorbilidades. Un estudo de base poboacional en España.

En canto á eficacia en pacientes que padecen varias patoloxías, este estudo achegou unha grande variedade de comorbilidades: obesidade, depresión, diabetes, EPOC, fibrilación auricular, hipertensión, insuficiencia cardíaca, insuficiencia renal, cancros, epilepsia, demencia, párkinson ou VIH. Xunto a isto, a mostra poboacional incluíu persoas maiores que tiñan máis de 11 anos.

“O rendemento da vacina varía segundo as contornas e as poboacións, polo que determinar o alcance e a duración da eficiencia da vacina utilizando datos do mundo real é fundamental para informar as autoridades correspondentes e deseñar programas de prevención específicos que teñan en conta o calendario de vacinación, a necesidade de dose de reforzo e as persoas vulnerables”, argumentan nas conclusións do seu traballo. E rematan poñendo o foco nas persoas con varias patoloxías previas: “É preciso destacar que a administración de reforzo da vacina covid protexe considerablemente os pacientes con comorbilidades importantes”.

Un eido no que seguir a traballar

Facendo un baleirado bibliográfico sobre estudos a nivel mundial, estes investigadores lembran en repetidas ocasións que é necesario seguir ampliando traballos con datos reais coma este e que, nesta altura, aínda queda moito traballo por facer: “A idea é seguir facendo este estudo con estas vacinas contra a covid e outras. É fundamental facer un seguimento da eficacia das vacinas nas poboacións para poder elaborar políticas de prevención axeitadas”, conclúe o investigador do IDIS.


Referencia: Effectiveness of COVID-19 vaccine booster in the general population and in subjects with comorbidities. A population-based study in Spain (Publicado en Environmental Research)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.