Venres 29 Marzo 2024

O calvario da covid persistente: dous anos convivindo coa enfermidade

A permanencia de síntomas en máis dun 10% dos contaxiados evidencia os efectos dunha afección da que se descoñecen as causas e que aínda non ten cura

Fidel Fabeiro Rey (1977) enfermou de covid en decembro de 2020, coa variante delta. Após un comezo da enfermidade leve, dun día para o outro comezou a ter moita tos, febre, e unha oxigenación no sangue baixa. Chegaron a durmirselle brazos e pernas. A piques de ingresar, nunha noite recuperouse case por completo. E, cando a PCR deu negativa, incorporouse novamente ao traballo, aparentemente recuperado.

Non foi así no caso de Laura Martínez Pereira, de 35 anos, que ingresou por covid o 21 de marzo do 2020, na primeira onda. Dos 48 días que pasou no hospital, 21 foron na Unidade de Coidados Intensivos, por mor dunha pneumonía lateral aguda. Desde entón, confesa aínda non ter recuperado a súa vida.

Publicidade

Parecen dúas historias opostas, pero casi dous anos despois, o seu día a día é moi semellante. Ambos están diagnosticados con covid persistente (ou long covid), definida como a permanencia de síntomas incapacitantes após a infección por SARS-CoV-2 de máis de 4 a 12 semanas após o comezo da sintomatoloxía.

Certo perfil común

Segundo explica Antonio Pose Reino, xefe do Servizo de Medicina Interna da área sanitaria de Santiago de Compostela, “aínda que non sabemos que individuos o van presentar, o feito de que nos primeiros sete días experimenten máis de cinco síntomas fai pensar nunha alta probabilidade de desenvolvemento de persistencia”. Nos máis dos casos, trátase de individuos en idade activa e cun nivel intelectual medio-alto que, de súpeto, ven como a súa vida laboral se interrompe. Amais, adoita afectar máis a mulleres, cunha porcentaxe que se achega “ao 80% dos casos e cunha media de entre 40-50 anos, se ben pode aparecer a calquera idade”. Este é o perfil máis común de doente de covid persistente, que “afecta polo menos a un 10% dos contaxiados, tratándose ás veces de pacientes que tiveron unha forma leve da enfermidade, aínda que nestes é menos frecuente”.

As secuelas de Laura Martínez Pereira, que en marzo de 2020 pasou 21 días na UCI, aínda non lle permiten regresar ao seu posto como teleoperadora
As secuelas de Laura Martínez Pereira, que en marzo de 2020 pasou 21 días na UCI, aínda non lle permiten regresar ao seu posto como teleoperadora

Porén, e ao non estar relacionada coa gravidade da infección inicial, a enfermidade pode afectar tanto a pacientes leves como a aqueles que foron hospitalizados. Algo no que se distingue das secuelas do propio contaxio de covid-19, que ocorren en individuos que tiveron formas graves da enfermidade, como lle aconteceu a Martínez: “Cando estiven ingresada, falaban de que a miña recuperación ía ser dun ano, máis ou menos. Pero claro, ves que pasa o tempo e que non consegues camiñar como antes. Daste de conta que non melloras cando as dores de cabeza, que antes podías ter unha ou duas veces ao ano, pasan a ser dores de cabeza cada día. Fas a cama e é un mundo. E dis, que está pasando?”.

Meses despois da covid, Fabeiro ergueuse cun ollo pechado e a boca torta, e despois chegaría o aneurisma cerebral

No caso de Fidel Fabeiro, o diagnóstico sería algo máis espiñento. Algúns meses despois de ter superado a covid-19, ergueuse un día cun ollo medio pechado e a boca un pouco torta. Nas urxencias de Boiro diríanlle que era unha pequena rotura da vea dun ollo, e que non supuña ningún problema maior. “Pero a min quedoume unha dor na cabeza, que aínda teño agora. E despois, a finais de maio, comezaron unhas dores nas articulacións. O médico fíxome varias radiografías, análises, e non viu nada. Con todo, a dor de cabeza existía aínda, e tiña unha cita para medicina interna. Pero xa non cheguei“.

En setembro de 2021, no traballo, a Fabeiro deulle un aneurisma cerebral, tendo que ser operado de urxencias. Unha vez recuperado da intervención, e xa na cita de medicina interna, na que o médico comezou a facer preguntas sobre a súa sintomatoloxía, foi diagnosticado de covid persistente: “Por todas as secuelas que me estan saíndo”. Un diagnóstico que tamén podería ter estado detrás da protuberancia no vaso sanguíneo: “O médico non o confirmou ao 100%, aínda que dixo que probablemente fora. Pero claro, entre que tiven a covid-19 e que me deu a aneurisma pasou moito tempo. Aínda que eu a dor na cabeza téñoa desde o día un“.

Outros síntomas

“Insomnio, dor de articulacións, a falta de respiración. Gusto e olfacto nada”, relata Fabeiro. Estes son outros dos síntomas que acarrea aínda hoxe en día. “Dores de costas, cefaleas diarias, problemas de ardor de estómago. Saíronme tamén unhas manchas estando ingresada coa covid-19 que aínda non me desapareceron”, engade Martínez. Ambos pacientes tamén teñen vido lastrada a súa capacidade cognitiva: “Teño que ter todo apuntado diante. Con 35 anos teño a neveira chea de post-its, o móbil con 30 alarmas e cociño en pota eléctrica porque se apaga sola. Antes devoraba libros. Agora póñome e despois de tres follas, á cuarta, xa non se o que lin”.

O doutor Antonio Pose Reino, xefe do servizo de Medicina Interna da área sanitaria de Santiago de Compostela
O doutor Antonio Pose Reino, xefe do servizo de Medicina Interna da área sanitaria de Santiago de Compostela

O listado de secuelas inclúe até 50 síntomas diferentes —e preto de 200 relacionados—, entre aqueles máis xerais, ou respiratorios, dixestivos, dermatolóxicos, neurolóxicos e mesmo cardiovasculares: “Adoita afectar a múltiples aparellos e sistemas, sendo a fatiga e a astenia os síntomas máis prevalecentes, chegando este último ao 95% en enquisas nacionais”, apunta Pose Reino. Unha variedade moi ampla de sintomatoloxía que, se ben aínda non se sabe a que obedece, “probablemente teña relación con que se trata dun proceso sistémico no que se afecta todo o organismo, aínda que nuns individuos predominen máis uns síntomas que outros”.

Amais, non sempre ten que manifestarse o mesmo síntoma, e estes nin son constantes, nin aparecen todos de golpe: “Ao mellor ao mes aparece unha secuela distinta” explica Fabeiro. “E vanse xuntando todas, porque habitualmente non desaparecen as anteriores”. As secuelas, que poden flutuar ou persistir no tempo, é posíbel que empeoren co esforzo físico e mental, o que provoca unha limitación da capacidade funcional, producindo un notábel e progresivo impacto na calidade de vida e no eido laboral e social.

Unha especialización post-covid tardía

Á vez que os seus casos empeoran a pasos axigantados, os pacientes denuncian a tardanza da actuación médica e a investigación. Especialmente, á hora de crear as unidades post-covid, co gallo de que os hospitais estaban saturados.”A min fixéronme un TAC con contraste en setembro de 2020. Ese mesmo TAC viuno a neumóloga, xa de post-covid, en maio de 2021. Imaxina como o viría, que me puxo directamente medicación antes de arriscarse a facerme outro e que os meus pulmóns estivesen moito peor”, di Martínez. Unha situación que, dous anos despois, aínda se mantén. “Levo, desde setembro que me dixeron que é covid persistente, pedindo citas na unidade post-covid de Santiago, e aínda estou esperando”, comparte Fabeiro. “Falta información e non vexo aos médicos metidos nestes casos”.

Para Pose Reino, o importante nestes pacientes con persistencia dos síntomas é facer unha valoración integral do individuo, “para tratar de valorar a relación entre as comorbilidades e o COVID persistente”. Porque, a día de hoxe, aínda non existen probas específicas que detecten a covid persistente, á vez que expliquen moitas cousas. “No meu caso, si que é verdade que as probas xenéricas que nos fan dan mal. Pero hai moitas persoas con covid persistente ás que lle dan ben. O problema é que son probas xenéricas. Probas que chas pode pedir o neumólogo, e vai un señor con 90 anos que traballou nunha mina a facer a mesma proba. Estamos moi verdes todavía”, sentencia Estrada.

Os casos máis repetidos danse en enfermos na dúas primeiras ondas, o que reforza a hipótese de que as vacinas reducirían o risco

Definida pola OMS por primeira vez hai menos de dous meses, polo momento descoñécense as causas que poden orixinar esta enfermidade: “Aínda non está clara a causa. Podería ser por persistencia do virus, pola tormenta inflamatoria e alteración da inmunidade ou por desenvolvemento de autoanticorpos contra órganos ou tecidos do noso organismo”, explica o xefe do Servizo de Medicina interna. Con todo, si se coñece que os casos máis repetidos déronse en persoas que, como Fidel Fabeiro ou Laura Martínez, enfermaron na dúas primeiras ondas, o que reforza a hipótese de que as vacinas reducirían o risco de padecer covid persistente.

Tampouco se sabe como evoluciona nin se ten un tempo concreto de aparición nin desaparición, o que fai necesario manter as medidas básicas fronte ao coronavirus, mesmo tendo deixado atrás o positivo nas diferentes probas. E, no que respecta a solucións médicas, “existen na actualidade enfoques experimentais, pero non podemos dicir que exista un tratamento estándar“, explica Pose Reino. Así, e a curto prazo, os pacientes van recibindo medicación para intentar paliar os diferentes síntomas. Na súa maioría trátase de tratamentos non específicos que inclúen tratamento antiinflamatorio, tratamentos substitutivos de déficits vitamínicos e nutricionais e rehabilitación. “Van probando cousas. Algunhas funcionan, outras, ou a outros, non. Pódeche funcionar tres meses e despois volver ao mesmo. É un pouco aprendizaxe para todos”, engade Martínez.

 

Malia ter pasado xa a enfermidade, hai medo a volverse contaxiar: “Se a primeira vez o pasei así, a segunda non o conto”

Malia ter pasado xa a enfermidade, o medo a volverse contaxiar aínda persiste. Como relata Martínez, “ao comezo da sexta onda, eu practicamente autoconfineime na casa. Saio só polas mañás para dar un paseo coa cadela, ou saio a comprar porque o meu marido traballa e non queda máis remedio. Procuro saír cando case non hai xente, pero dicir: vou ás 11 da mañá que hai xente no supermercado. Nin tola. Autoconfínome eu, polo medo a volver collelo, e dicir: se a primeira vez paseino así, a segunda non o conto”. Un medo que tamén afecta aos seus familiares: “O meu rapaz, que xa está na idade de saír, non o fai moito porque ten o medo a contaxiarse e traer o virus para a casa”, di Fabeiro. “Teño dúas vacinas, e a segunda puxéronma aínda en xaneiro. Estaba cunha soa dose, e tiñamos moito medo”.

Porque as vacinas reducen o risco da enfermidade, a contaxiosidade, e a súa gravidade. “Polo tanto, é de esperar que a prevalencia da covid persistente diminúa nos vacinados“, segundo explica o xefe do Servizo de Medicina interna. Ás veces o descoñecemento e os protocolos interpóñense: “Para que me puxesen a segunda dose, case tiven que discutir con persoal que estaba pondo as vacinas, porque se cinguen ao protocolo. O meu médico non entendía como tiña só unha dose posta, e dicía que debería ter xa as tres. Pero o persoal dicíame que unha até que non pasasen os seis meses para a segunda dose de reforzo. Ao final, cando lles dixen que se comprometesen a facerse cargo do que me pasase por non seguir as recomendacións dos meus médicos, puxéronma”.

Unha enfermidade pouco comprendida

Alcumada como a “nova enfermidade dos vagos“, a covid persistente tómase entre certos sectores como unha actitude dos que non querer traballar. Porén, aseguran estes dous afectados, nada máis lonxe da realidade, xa que se ben un 25% dos pacientes aínda están de baixa laboral, un 50% ten tido que adaptarse ao seu emprego: “Hai a quen lle dan a alta para ir traballar. E son persoas que actualmente aínda non están capacitadas para estar no seu posto de traballo, pero teñen que ir”, explica o boirense. Martínez, que traballaba de teleoperadora, comparte a mesma sensación: “A día de hoxe non estou para falar seis horas, estar diante dun ordendor e facerlle un contrato de telefonía a unha persoa. Nin son capaz de facer as cousas básicas da miña casa sen ter que sentarme. Pero non porque non queira. É que o meu corpo dime que non chega“.

Fronte á súa realidade, “pola rúa ou nas redes sociais non o entenden”. “E é algo incompresible. Porque non levamos tres meses. Levamos dous anos desde o primeiro positivo. Non é algo novo, é algo que xa se viviu. Explícasme por que non o entenden, por que o ven como unha gripe? Se todos coñecemos a alguén que o pasou mal“. Perante a impotencia, os pacientes atopan entendemento nas persoas da súa contorna máis próxima, coas que comparten o impacto que a covid persistente ten deixado no seu día a día, ou en plataformas Long Covid Galiza, onde poden intercambiar experiencias con outros afectados e traballan de cara a que a súa enfermidade obteña visibilidade. “Porque isto non é algo que che poida pasar ou non, ou que haxa só un caso entre 20 millóns. A día de hoxe é unha realidade“, sentencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais