Venres 29 Marzo 2024

Científicos da USC demostran os efectos da domesticación no cerebro dos animais

Investigadores de Veterinaria comproban que á submisión animal altera estruturas cerebrais e diminúe a capacidade para detectar feromonas e semioquímicos

A submisión que experimentan os animais ao longo dos procesos de domesticación afecta as súas estruturas cerebrais, que mesmo chegan a variar anatomicamente. Tamén diminúe a súa capacidade olfactiva para detectar feromonas e outro tipo de sinais químicos, que logo se transmiten ao cerebro e que poden incidir no comportamento social, reprodutivo e mesmo no seu grao de benestar.

Ambas consideracións aparecen recollidas nas conclusións dos artigos que veñen de publicar os investigadores Mateo Vázquez Torres e Irene Ortiz Leal, do grupo Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en Brain Structure & Function e Annals of Anatomy. Dúas das revistas de referencia e maior impacto científico no ámbito da anatomía e morfoloxía animal.

Publicidade

As liñas de traballo desenvolvidas por estes dous investigadores do Campus Terra baixo a supervisión do profesor e coordinador do grupo Morfan, Pablo Sánchez Quinteiro, achegan datos novidosos e concluíntes respecto do estudo do sistema vomeronasal, unha estrutura composta polo órgano vomeronasal, localizado na parte inferior do tabique nasal da maioría dos animais terrestres, e o bulbo olfactivo accesorio, que se atopa a carón do cranio na base do etmoides.

O estudo do sistema vomeronasal

As pescudas realizadas neste senso polo estradense Vázquez Torres no marco da súa tese de doutoramento e agora recollidas no artigo Existe un terceiro modelo intermedio para o procesamento vomeronasal da información? Coñecementos da neuroanatomía dos macrópodos permiten descartar a posible existencia no sistema vomeronasal dos mamíferos dun terceiro modelo de receptor neuronal diferente aos dous xa coñecidos e acreditados con anterioridade en diversas especies, tal e como apuntaba hai dez anos un estudo realizado en Australia e cuxos postulados aínda non foran rexeitados cientificamente.

Imaxes do sistema vomeronasal do ualabí. Foto: USC
Imaxes do sistema vomeronasal do ualabí. Foto: USC

As conclusións achegadas agora polo veterinario están avaladas no minucioso traballo de análise morfolóxica, histolóxica e anatómica desenvolvido con tres exemplares adultos de Ualabí de Bennett cedidos para usos de investigación polo Parque Natural Marcelle (Outeiro de Rei) trala súa morte por causas naturais.

Os efectos da domesticación

A análise da evolución do bulbo olfactivo accesorio do raposo e os posibles efectos do proceso de domesticación na configuración morfolóxica e anatómica do cerebro dos cánidos centra a liña de traballo desenvolvida pola investigadora Irene Ortiz Leal. As conclusións destas pescudas están recollidas no artigo Pode a domesticación dar forma á morfoloxía cerebral dos cánidos? O bulbo olfactivo accesorio do raposo vermello como exemplo.

“O Bulbo olfactivo accesorio do raposo presenta un maior grao de desenvolvemento morfolóxico que o dos cans”

Este estudo, que se encadra na súa tese de doutoramento, e que a través do que a propia autora dá continuidade a investigacións previas nas que xa advertira que os cánidos domesticados (mascotas e animais de compañía) tiñan un sistema olfactivo menos desenvolto que os cánidos salvaxes, conclúe que o bulbo olfactivo accesorio do raposo presenta un maior grao de desenvolvemento morfolóxico que o dos cans.

Así mesmo, Ortiz Leal sinala neste traballo que as diferencias estruturais e morfolóxicas observadas nos bulbos olfactivos entre o can e o raposo son o resultado do proceso de domesticación. Nesta liña, a investigadora dá conta da progresiva diminución da complexidade anatómica do sistema olfactivo accesorio que experimentaron os cans ao longo da súa evolución.

Imaxes do sistema vomeronasal do raposo
Imaxes do sistema vomeronasal do raposo.

Novos horizontes

As achegas realizadas por estes investigadores da Facultade de Veterinaria da USC sitúan o centro universitario lugués á vangarda dos estudos no ámbito da comunicación química, ao tempo que abren o debate sobre a pertinencia de impulsar o desenvolvemento do uso de feromonas máis alá dos actuais usos en mascotas.

De feito, a planificación de novas estratexias baseadas neste tipo de comunicación química podería resultar eficaz para cuestións de control de pragas e de reprodución de determinadas especies, así como para a protección doutras en risco de extinción. E, sobre todo, en accións orientadas a mellorar o grao de benestar animal, modificación de condutas e mesmo para a redución de estrés, segundo sinalan desde o grupo de investigación e Morfoloxía Animal da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha taboa coa cor dos mocos axuda a coñecer o noso estado de saúde

Moi pouca xente fala destas cousas, pero rompamos ese tabú. A...

O achado do óso dun can proba que a especie foi domesticada hai máis de 17.000 anos

Investigadores da Universidade do País Vasco identificaron un úmero canino prehistórico na cova de Erralla que se corresponde cun exemplar de hai 17.000 anos

Un estudo suxire que a primeira domesticación dos cans xurdiu en Asia

A comunidade científica ten claro que estes animais domésticos proceden dos lobos grises, pero non hai consenso sobre como se produciu

Un xene relacionado co estrés, clave na domesticación dos cans

Un equipo xaponés conclúe que dúas mutacións en MC2R, relacionado coa produción de cortisol, favoreceron o proceso