Libélulas de fai 145 millóns de anos: o achado da UVigo publicado en ‘Biology’

Investigadores da universidade identifican por vez primeira na Península Ibérica dúas familias de insectos do Xurásico-Cretácico

Las Loras
O equipo de investigadores da Universidade de Vigo.

Hai uns 145 millóns de anos, no tránsito do Xurásico ao Cretácico, a Península Ibérica presentaba un clima relativamente seco, con condicións xeneralizadas de aridez e probablemente con cambios estacionais. Non obstante, no que daquela era unha grande illa separada do resto de Europa, existían ecosistemas hidrotermais, con humidade permanente, debido ao vapor, afloramento de auga, e cunha temperatura constante ao longo do día e do ano.

Un deses ecosistemas situábase na área xeográfica que na actualidade se corresponde con Las Loras, unha área situada entre as provincias de Palencia e Burgos e onde se localiza un xeoparque mundial recoñecido pola Unesco. É precisamente neste lugar onde, no ano 2021, nun afloramento de travertinos (rochas sedimentarias calcareas continentais), un grupo de investigadores españois, franceses e alemás, liderados pola Universidade de Vigo (UVigo), identificaron, por vez primeira na Península Ibérica, a presenza de libélulas de dúas familias.

Un achado inesperado

“Atopar a presenza de libélulas das familias Cymatophlebiidae e Aktassiidae en afloramentos de travertinos do Geoparque de Las Loras foi unha sorpresa moi agradable e inesperada. Estes fósiles son do tránsito Xurásico-Cretácico, e nese momento a Península Ibérica era unha grande illa separada do resto de Europa, polo que a presenza destas dúas familias, ata agora descoñecidas na Península, supón unha nova peza para o quebracabezas bioxeográfico destes grupos biolóxicos”, explica o investigador do departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio da UVigo Artai Santos. Xunto aos tamén investigadores do Centro de Investigación Mariña da UVigo (CIM), Bienvenido Diez e Iván Rodríguez-Barreiro, Santos lidera un estudo internacional que acaba de ser publicado en Biology, e no que tamén participan Luis M. Sender da Universidad de Zaragoza, Torsten Wappler da Universidade Bonn/Hessisches Landesmuseum Darmstadt e André Nel do Museo de Historia Natural de París.

Detalle de espécime tipo Bennettitaleano (cf. Ptilophyllum sp.). Foto: DUVI
Detalle de espécime tipo Bennettitaleano (cf. Ptilophyllum sp.). Foto: DUVI

A localización de tres ás de libélulas de dúas familias ata o de agora descoñecidas na Península Ibérica non é o único descubrimento do que os autores de Insect and Plant Diversity in Hot-Spring Ecosystems during the Jurassic-Cretaceous Boundary from Spain (Aguilar Fm., Palencia) dan conta no seu artigo. Nel tamén revelan a localización dunha flora dominada por Bennettitales e a presenza de fentos que se diferencian doutras floras da mesma idade e zona xeográfica: “As floras do Titoniense-Berriasiense son infrecuentes a nivel mundial e moi escasas na península e neste xacemento case o 100% da flora estaba composta por estas plantas”, explica Santos en relación co achado das Bennettitales. Un grupo extinto de plantas con semente, que a primeira vista poderían lembrar ás cícadas actuais e que aparentemente se extinguiron a finais do Cretácico.

Un oasis ecolóxico para algunhas plantas e insectos

A existencia dun paleoambiente hidrotermal, que son moi pouco comúns nos depósitos do Xurásico Superior e do Cretácico Inferior en todo o mundo, na área do Geoparque de Las Loras onde se desenvolveu a escavación, resultou determinante para o achado dos 136 espécimes de plantas e das tres ás de insectos que foron colleitadas e estudadas. Os investigadores da UVigo que lideran o estudo describen ese paleoambiente de augas termais como un ecosistema continental, vencellado a fallas e actividade tectónica.

”A través das fallas, a auga quente emerxía á superficie formando pozas ou pequenos lagos e regatos de auga quente, que nos traballos previos evidenciaron que había crecemento bacteriano, como ocorre a día de hoxe noutros ambientes hidrotermais”, detalla Santos, que sinala que estes ecosistemas ofrecían un nicho ambiental protexido, que parece que foi favorable, de aí que os investigadores falen dun “oasis ecolóxico” para as Bennettitales e as libélulas atopadas, xa que moitas plantas e certos insectos precisan condicións cálidas e de humidade.

En canto á area na que se localizaron os restos das libélulas e da flora, os investigadores destacan a súa especial relevancia a nivel xeolóxico, que abarca o límite entre o Xurásico e o Cretácico, un tránsito que ten interese a nivel mundial, ao tratarse dun límite polémico e con poucos rexistros. Non obstante, “o máis interesante desta formación, desde un punto de vista paleoecolóxico, é sen dubida a presenza de travertinos formados nun ambiente hidrotermal, un tipo de xacementos que son únicos a nivel mundial e deben ser postos en valor e protexidos”.

Un traballo en equipo coa axuda do Geoparque de Las Loras

A escavación que permitiu identificar vez primeira a presenza de dúas familias de libélulas do Xurásico-Cretácico na Península Ibérica, así como flora diferente a outra da mesma idade e zona, desenvolveuse entre os meses de xuño e xullo do ano 2021, grazas a unha axuda do Geoparque de Las Loras para o estudo da paleobotánica e paleoecoloxía da zona. “Afortunadamente tivemos bo tempo e o traballo de campo foi moi agradable, ademais, debido á covid levabamos tempo con ganas de saír a escavar, aínda que fose con máscaras”, explica Artai Santos, que destaca que aproveitaron para sacar todo o material posible, xa que o xacemento parece que podería ser afectado por obras e posiblemente desapareza, razón pola que “intentaremos achegarnos este verán para salvar algunha peza máis”, avanza.

En canto á distribución do traballo, este coordinouse desde Vigo onde trouxeron todos os fósiles recollidos para limpalos e preparalos para o estudo. “Todos participamos en maior ou menor medida en todos os apartados. Dende Vigo centrámonos máis na xeoloxía, paleoecoloxía e paleobotánica, na que tamén participou Luis Miguel Sender. Pola súa banda, André Nel e Torsten Wappler, centráronse máis no estudo dos insectos e tamén na paleoecoloxía”, detallan os investigadores do CIM.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.