Unha nova diana terapéutica contra a principal causa de transplante hepático

Persoal investigador da USC constatou que o bloqueo da proteína CPT1A evita a activación das células estelares do fígado de pacientes con esta patoloxía

A fibrose hepática é unha enfermidade crónica que se manifesta en fases avanzadas de fígado graxo, atópase na antesala da cirrose e carece, polo de agora, de tratamento, ademáis de ocupar o primeiro posto entre as causas de transplante hepático. Persoal investigador do grupo de Metabolismo Molecular do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) acaba de dar un salto cualitativo neste campo ao descubrir unha nova diana terapéutica. Trátase da proteína CPT1A, que está presente en niveis altos nas células estelares do fígado de pacientes e modelos animais de fibroses. A inhibición de CPT1A reduce a activación das células estelares e, como consecuencia, mingua o dano neste órgano. O traballo, realizado en colaboración co CIBER de Obesidade e Nutrición (CIBEROBN) e o CIBER de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas (CIBEREHD), acaba de publicarse en Journal of Hepatology.

Numerosos estudos demostraron que alteracións no metabolismo, a inxesta de alcol ou infeccións provocan a aparición de cicatrices no fígado e inflamación, é dicir, hepatite. “As cicatrices son producidas polas células estelares hepáticas que se activan en resposta a diferentes estímulos inflamatorios e metabólicos. A fibrose impide que o fígado funcione ben e facilita a aparición de cirrose e cancro”, explican dende o CiMUS. A fibrose hepática é unha enfermidade crónica cada vez máis común, principalmente debido ao crecente número de persoas con obesidade e diabetes tipo 2, dúas das patoloxías máis asociadas á chamada enfermidade de fígado graxo, que pode desembocar nunha fibrose.

Publicidade

Unha vez aparece a fibrose metabólica, os cambios no estilo de vida non son suficientes para frear a enfermidade

Unha vez aparece a fibrose metabólica, parece que os cambios no estilo de vida non son suficientes para frear ou reverter a enfermidade. Ademais, tampouco existe tratamento farmacolóxico aprobado a día de hoxe fronte a esta enfermidade. “Tal é a situación que actualmente a fibrose hepática metabólica converteuse na causa máis común de transplantes de fígado e multiplica o risco de mortalidade dos pacientes”, engaden.

Estudo en animais e humanos

Para a realización deste estudo utilizáronse tres modelos diferentes: cultivos celulares de células estelares, modelos animais e mostras procedentes de pacientes. Neste último caso utilizáronse mostras de biopsia hepática procedentes de 27 pacientes con diferentes graos de fibroses metabólica. Os resultados mostraron que os pacientes con fibroses teñen niveis elevados de CPT1A especificamente nas células estelares, unha proteína moi coñecida polo seu papel na beta oxidación, un proceso polo que a célula queima graxa nas mitocondrias para obter enerxía. O mesmo foi observado en fígado de ratos alimentados con dieta alta en graxa, así como en células humanas.

Publicidade

“Demostramos que as células estelares utilizan graxa, en particular unha graxa saturada chamada acedo palmítico, para obter a enerxía necesaria para activarse, producindo así unha fibrose”, explican os principais autores da investigación, Marcos Fernández Fondevila, Uxía Fernández Paz e Violeta Heras Domínguez. “Bloqueando a proteína CPT1A nas células estelares en cultivo ou en ratos somos capaces de retardar o desenvolvemento da enfermidade”, engaden. Esta investigación é froito do traballo en equipo dos científicos do grupo de Metabolismo Molecular do CiMUS, coordinado por Rubén Nogueiras Pozo, e na que colaboraron equipos de investigación do CiMUS, CIC bioGUNE (Bilbao), Universidade de Barcelona, OWL (Bilbao), Universidade Complutense de Madrid, Universidade de Lille (Francia), Universidade de Lübeck (Alemaña) e Universidade de Columbia (Estados Unidos).

Financiamento

A Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, o Consello Europeo de Investigación (ERC), Fundacion BBVA, Fundación Atresmedia e European Foundation for the Study of Diabetes foron as entidades que outorgaron financiamento para o desenvolvemento deste estudo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O arquitecto da restauración do Hostal dos Reis Católicos defende os canos metálicos xa foron propostos en 1561

Fernando Cobos ofreceu unha conferencia no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, onde xustificou que o seu proxecto é a solución máis eficaz para canalizar as augas

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Mercurio, Venus e Xúpiter forman un desfile planetario que poderás ver esta semana sen telescopio

Producirase unha conxunción entre Venus e Xúpiter e, uns días despois, o primeiro planeta do sistema solar estará visible xunto a eles

A auga da túa billa está contaminada por nitratos? Compróbao neste mapa por concellos

O medio Datadista crea unha ferramenta interactiva sobre o impacto do composto químico, que xa afecta directa ou indirectamente máis dun millón e medio de persoas en España