Xoves 25 Abril 2024

Unha tese da UVigo aborda por primeira vez as interaccións planta-insecto no Xurásico Medio ibérico

O científico Artai Santos, nun traballo dirixido por Bienvenido Díez, estudo o rexistro fósil dunha illa de orixe volcánica entre Teruel e Valencia

No Xurásico Medio, hai 170 millóns de anos, a península ibérica vivía un momento de grande actividade volcánica. Varias zonas do leste estaban nese momento somerxidas, e mentres o dinosauros eran os vertebrados  dominantes, a flora estaba composta, sobre todo, por fentos, bennettitais e cicadais. Nese escenario, preto da fronteira do que na actualidade son as provincias de Teruel e Valencia, orixinouse, a máis de 150 quilómetros da costa máis próxima, unha illa de orixe volcánica, denominada Camarena, que foi colonizada por unha flora dominada por ximnospermas.

170 millóns de anos máis tarde, o investigador da UVigo Artai Santos López decidiu centrar a súa tese de doutoramento en material escavado nesa zona e, aínda que de inicio, a súa intención era unicamente o estudo paleobotánico, “durante a análise das pezas, detectamos a presenza de varias marcas de herbivoría (unha forma de depredación na que un animal consume parte dunha planta) de insectos nas follas estudadas. Aproveitando unha estadía que realicei este ano en Alemaña co doutor Torsten Wappler, especialista en paleoentomoloxía, propuxémonos intentar identificar e interpretar a presenza destas interaccións de insectos na flora desta illa volcánica efémera”, explica o investigador do Departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio.

Publicidade

A decisión de Artai Santos de afondar neste achado derivou nunha investigación e a recente publicación dun artigo que converte a Santos, ao seu director de tese na UVigo Bienvenido Diez e aos investigadores Torsten Wappler (Museo estatal de Hesse, Alemaña), Michael S. Engel (Universidad de Kansas) e Luis M. Sender (Universidad de Zaragoza e codirector da tese), nos autores da primeira referencia das interaccións planta-insecto do Xurásico Medio na Península Ibérica.

A primeira referencia das interaccións planta-insecto do Xurásico Medio na península ibérica ás que fai referencia o traballo producíronse hai 170 millóns de anos. Fonte: Duvi.
A primeira referencia das interaccións planta-insecto do Xurásico Medio na península ibérica ás que fai referencia o traballo producíronse hai 170 millóns de anos. Fonte: Duvi.

“As interaccións planta-insecto non son doadas de recoñecer no rexistro fósil e esta é a primeira vez que traballamos neste tipo de interaccións do Xurásico Medio. De feito é a primeira referencia a este tipo de interaccións neste período en toda a península ibérica”, detalla o autor principal do artigo, no que investiron, desde a súa redacción e ata o seu envío á revista uns tres meses, “aínda que se contamos o tempo investido na escavación e identificación dos fósiles o tempo sería algo maior”, explica Artai Santos.

Insectos precursores de Robinson Crusoe

Os restos fósiles das plantas investigadas no traballo presentan marcas de herbivoría e oviposicións (posta de ovos) de insectos que conseguiron chegar a illa Camarena. “Os insectos que foron quen de chegar á illa, como Robison Crusoe na novela de Daniel Dafoe, pronto atoparon comida e aloxamento entre as plantas ‘indíxenas’. Concretamente atopamos 11 morfotipos de danos (Damage Types) diferentes que conseguimos asociar con varios grupos de insectos como Coleópteros (escaravellos), Odonatos (libélulas), Hemimpteros (chinches) e Lipidopteros (bolboretas)”, enumera o investigador da UVigo.

As comparacións estatísticas realizadas polos investigadores con outras asociacións de interaccións planta-insecto do Xurásico Medio evidencian que a diversidade da illa é demasiado baixa como para que existise un corredor de illas que actuasen coma ponte biolóxica entre o continente e Camarena.

“Os insectos probablemente chegaron á illa mediante métodos de dispersión pasivos, literalmente naufragaron. Estes métodos de transporte inclúen ‘rafting and floating’, cando pequenos insectos viaxan no pleuston arrastrados polas correntes de auga”, explica Artai Santos, que tamén sinala que os de menor tamaño tamén podían viaxar pasivamente en correntes de aire a varios quilómetros de altitude. “Non obstante, non descartamos que puidesen chegar mediante forese, é dicir, utilizando outras especies para viaxar, como poden ser restos de plantas arrastradas polas correntes mariñas ou, incluso, utilizando vertebrados voadores como os pterosauros para desprazarse”, engade.

Aínda que esta é a primeira vez que este grupo de investigadores aborda as interaccións planta-insecto do Xurásico Medio e que estas non son doadas de recoñecer no rexistro fósil, Artai Santos avanza que “actualmente estamos a traballar sobre outras asociacións de interaccións de diferentes idades, polo que é unha liña de investigación que continuaremos a potenciar”, confirma.


Referencia: A Robinson Crusoe story in the fossil record: Plant-insect interactions from a Middle Jurassic ephemeral volcanic island (Eastern Spain) (Publicado en Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology).


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Insectos fronte a plantas: unha ‘guerra’ de hai 100 millóns de anos

Un investigador da UVigo é o primeiro autor dun estudo que analiza como eran as interaccións entre fósiles achados en Teruel

Un equipo da UVigo describe catro novas especies de insectos do Carbonífero Superior

Simplexpaolia prokopi, Hispanopteron romerali, Corydaloides leonensis e Mischoptera bergidensis, son as catro novas...

Canto cres que mide a planta máis grande do mundo?

Unha 'Posidonia australis' en Shark Bay, Australia, bate récords ao estenderse por 180 quilómetros e pode ter arredor de 4.500 anos

Libélulas de fai 145 millóns de anos: o achado da UVigo publicado en ‘Biology’

Investigadores da universidade identifican por vez primeira na Península Ibérica dúas familias de insectos do Xurásico-Cretácico