O mapa do cancro de Galicia revela as comarcas con maior incidencia

En Vigo, Lugo e Valdeorras diagnosticáronse en 2022 máis novos casos en homes, mentres que en mulleres lideran Bergantiños, A Mariña Occidental e O Baixo Miño

O que non se mide, non se entende e non se pode mellorar. Por iso calquera dato que axude comprender a situación do cancro en Galicia é esencial. O Rexistro Galego de Tumores (Regat) publicou un estudo —con datos de 2022, os últimos dispoñibles— no que se reflicte “de forma exhaustiva e continuada” a situación dos tumores diagnosticados á poboación residente en Galicia, clasificándoos por tipos, localización, sexo e idade. Empregando as comarcas para entender mellor a distribución xeográfica da enfermidade, o estudo reflicte que os homes de Vigo, Lugo, Valdeorras e Noia rexistran unha maior taxa de incidencia. No caso das mulleres, documéntanse máis tumores en Bergantiños, A Mariña Occidental, O Baixo Miño e Santiago, ente outros.

O informe do Regat analiza a información proporcionada por dúas fontes diferentes do Sistema Sanitario Galego —Anatomía Patolóxica e o conxunto mínimo básico de datos de hospitalización agudas—, pola Tarxeta Sanitaria e o Rexistro de mortalidade de Galicia. Os resultados abranguen tres parámetros fundamentais para entender a situación dos tumores diagnosticados na comunidade: a incidencia en 2022 e a súa evolución entre 2015 e 2022; a mortalidade en 2021 e a supervivencia dos pacientes.

Publicidade

Maior incidencia nos homes

Así, con respecto á incidencia de tumores en 2022 separada por sexos, o estudo reflicte que os homes rexistraron 10.190 casos en total, cunha taxas de 787,1 por cada 100.000 habitantes. Mentres, 7.047 diagnosticados foron mulleres, cunha taxa de 504,9 por cada 100.000 habitantes. En ambos xéneros a maior incidencia deuse no grupo de idade de maiores de 65 anos.

Os tumores con maior incidencia en Galicia nas mulleres son: os de mama, con 1.853 casos en 2022; os de colon, con 725 casos; pulmón con 556; e corpo uterino con 375. Pola contra, no sexo masculino diagnostícanse máis cancros en próstata, con 2.422; pulmón, con 1.506; vexiga urinaria, con 1.040; e colon con 948.

Publicidade

No que corresponde á distribución da poboación tendo en conta a incidencia de tumores, os homes residentes nas comarcas de Vigo, Condado, Valdeorras, Lugo, A Ulloa, Mariña Occidental, Eume, Tabeirós-Terra de Montes, Noia, Morrazo e Caldas, tiveron a maior taxa, entre 680 e os 860. As mulleres que rexistraron a taxa máxima de incidencia —entre os 400 e 480— viven nas comarcas do Baixo Miño, Condado, Vigo, Viana, Tabeirós- Terras de Montes, Caldas, Santiago, Noia, Bergantiños, Ferrol, Mariña Oriental e Terra de Melide.

Tumores nos pulmóns, os primeiros na incidencia

Ademais desta información, o exhaustivo informe do Regat afonda en cada tipo de tumor para expoñer os datos de incidencia, mortalidade e superviviencia en Galicia. Os cancros con máis incidencia en 2022 na comunidade foron os de pulmón, colorrectal e páncreas.

Cun número total de 2.069 casos rexistrados en 2022, os tumores de pulmón son os máis diagnosticados nos galegos. Os homes padecen tres veces máis esta doenza cas mulleres e, en ambos sexos, o grupo de idade con maior incidencia é o de maiores de 65 anos. Como consecuencia destes datos, a mortalidade tamén é maior no sexo masculino, acadando unha taxa de 90,2 por cada 100.000 habitantes durante o ano 2021. Nas mulleres esta baixa ata os 29 por cada 100.000 habitantes.

Colorrectal e páncreas

O cancro colorrectal abrangue dous tipos de doenzas que se poden dar por separado, a de colon e a de recto e ano. A súa incidencia en Galicia no ano 2022 é de 1.405 casos en homes e 1.035 casos en mulleres. Cunha taxa bruta de 108,5 casos por cada 100.000 habitantes no caso masculino e 74,2 no feminino, a súa tendencia dende o 2020 vai en aumento, rexistrando máis casos en Galicia durante o 2021 e 2022. Pola contra, a taxa de mortalidade —de 52,9 en homes e 29,2 en mulleres— diminúe lixeiramente dende o ano 2018, segundo o informe do Regat.

No caso dos tumores de páncreas a súa incidencia por sexo é semellante, os homes diagnosticados en Galicia no 2022 foron 266, mentres que 265 foron mulleres. Acorde ao documento galego, a taxa desta doenza aumentou con respecto ao 2021, malia que en este ano conseguira descender en comparación cos datos de 2020.

Evolución da taxa anual de incidencia de tumores en páncreas en Galicia. Foto: Regat
Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

5 COMENTÁRIOS

  1. Eu coido que habería que facer unha enquisa polo miúdo aos que padecen a enfermidade …
    Onde traballan , que comen , onde viven , se son zonas industriais ou gandeiras , se cidade ou campo etc… Para así tirar conclusión…

  2. Plenamente dacordo: “O que non se mide, non se entende e non se pode mellorar”. Vendo o mapa, así a vista de paxaro e voando sen parar, resulta francamente chamativo a grande diferenza entre sexos que se dá nalgunhas comarcas como A Limia, Ulloa e Baixo Miño. Para o caso concreto da Limia, e dado que os homes son quenes máis traballan no agro (suposición), onde se aplican importantes cantidades de pesticidas, fágome unha pregunta, que plantexo como hipótese de investigación: se isto é así, pode existir algún tipo de correlación entre certos tipos de cancro e o uso de certo tipo de pesticidas “autorizados”?

    • A resposta á pregunta que formulas e si, hai correlación. Se queres saber sobre o tema le o libro “Libérate de tóxicos” do Dr. Nicolás Olea, catedrático da Universidade de Granada que leva anos investigando sobre o asunto. Hai unha chea de vídeos en YouTube onde fala el deste tema e as conclusións ás que se chegan. Por suposto, hai outros profesionais que tamén falan desa asociación entre pesticidas, funxicidas etc. e o cancro e outras enfermidades. Pero ningún coma o Dr. Olea.

  3. Unha verdade como unha catedral: “O que non se mide, non se entende e non se pode mellorar”.Moi pero que moi interesante artigo. Así a vista de paxaro, chámame moitísimo a atención os datos por sexos na comarca da Limia, onde os homes teñen unha taxa moito máis elevada que as mulleres. Pregúntome: podería estar ligado ao traballo no agro co uso/abuso de pesticidas? É só unha hipótese de traballo.
    Igualmente, tamén chama a atención A Ulloa

  4. Unha verdade como unha catedral: “O que non se mide, non se entende e non se pode mellorar”.Moi pero que moi interesante artigo. Así a vista de paxaro, chámame moitísimo a atención os datos por sexos na comarca da Limia, onde os homes teñen unha taxa moito máis elevada que as mulleres. Pregúntome: podería estar ligado ao traballo no agro co uso/abuso de pesticidas? É só unha hipótese de traballo.
    Igualmente, tamén chama a atención A Ulloa

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos