O gran mapa do cancro na península revela os maiores riscos en Galicia

As enfermidades con maior taxa son as de esófago, larinxe e próstata, segundo recolle un atlas elaborado por un equipo internacional de España e Portugal

O cancro de esófago ten un alto risco relativo en gran parte de Galicia. Crédito:  Atlas of Cancer Mortality in Portugal and Spain 2003–2012
O cancro de esófago ten un alto risco relativo en gran parte de Galicia. Crédito:  Atlas of Cancer Mortality in Portugal and Spain 2003–2012

Máis estudos sobre o cancro. Esa é a única maneira de entender unha enfermidade que sega a vida de millóns de persoas ao ano. Agora, un estudo desenvolvido polo Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) de Madrid en colaboración co Instituto Nacional de Saúde Doutor Ricardo Jorge (INSA), en Portugal, dá un paso máis para entender mellor a distribución xeográfica da enfermidade. Así nace Atlas of Cancer Mortality in Portugal and Spain 2003–2012, unha colaboración internacional entre España e Portugal que pretende romper fronteiras. As mesmas que tampouco respecta o cancro.

O principal obxectivo é entender os patróns de mortalidade por cancro que se poidan compartir nos dous países, xerar hipóteses e comprender a implicación dos factores ambientais na orixe dos tumores. Un atlas pormenorizado no que se reflicten os resultados de risco relativo e probabilidade (tamén entre sexos) de contraer dez tipos diferentes de tumores: esófago, estómago, colorrectal, páncreas, pulmón, larinxe, próstata, leucemia, vexiga e de mama. Un proxecto que pode servir de apoio aos profesionais sanitarios co obxectivo de que estuden en profundidade os patróns de risco.

Colaboración internacional

Amais disto, é o primeiro estudo que proporciona imaxes da distribución espacial da mortalidade por municipios de distintos tipos de cancro, incluíndo países veciños, con alta resolución. Dende o ISCIII sinalan que debido á pandemia houbo un retraso na publicación deste atlas, cuxos datos toman como período de referencia o 2003-2012. Mais matizan que as súas conclusións se axustan á realidade e que se continuará a actualizar a información nos próximos anos.

Os datos, aínda que fan referencia ao período 2003-2012, axústanse á realidade actual

Como o cancro non respecta as fronteiras nacionais, este atlas é un exemplo de como os investigadores decidiron facer o mesmo. Romper todos os límites e buscar toda aquela información de utilidade para entender a enfermidade, sempre dende un enfoque internacional. Dende o ISCIII aseguran que nunca houbo un estudo semellante que empregue unidades tan pequenas, como son os concellos. A continuación faise unha análise máis pormenorizada dos diferentes tipos de cancro, sendo o de esófago o que maior risco relativo presenta en Galicia.

Cancro de esófago

Un dos trazos máis salientables do cancro de esófago é que o 70% dos casos e mortes por esta enfermidade se producen en homes. Así o recolle o atlas, que pon o foco “no exceso de risco por morte no norte da Península Ibérica“. Sen atender ás diferenzas por sexos, o mapa mostra un risco elevado en case toda Galicia, agás o sur de Lugo e a zona norte da provincia da Coruña. No que respecta á probabilidade de contraer esta enfermidade, hai unha notable diferenza. Case toda a provincia de Pontevedra (excepto Lalín e os concellos limítrofes) e gran parte da Coruña están en risco moi elevado.

Segundo recollen no atlas, un maior consumo de alcohol e tabaco nestas zonas podería explicar parte dos resultados. De todas formas, un maior número de casos nunha parte do país en detrimento doutra podería ser mellor explicado a través da implicación de determinados factores ambientais e socioculturais.

Cancros de larinxe e próstata

Ademais do de esófago, os outros cancros con maior risco relativo de Galicia son os de larinxe e o de próstata. No primeiro caso, a taxa é especialmente elevada na provincia de Pontevedra e na Costa da Morte, sendo notablemente máis baixa en Lugo e en Ourense (agás nunha minoría de concellos). Os principais factores de risco á hora de contraer esta enfermidade son o tabaco e alcohol, o que podería explicar que afecte máis a homes que a mulleres, por tratarse de consumidores máis habituais deste tipo de substancias.

Os cancros de larinxe e próstata tamén teñen un risco relativo elevado na nosa comunidade

No que respecta ao cancro de próstata (que é especialmente alto en practicamente todo o territorio portugués), as provincias atlánticas volven ser as que presentan taxas máis elevadas. Sobre todo os concellos do norte e so sur de Pontevedra, así como as áreas das cidades da Coruña e Santiago. De feito, no informe que recollen no atlas salientan especialmente que os maiores clusters se atopan en Galicia, “mostrando continuidade” con zonas portuguesas con exceso de risco. Tamén salientan que os factores de risco desta enfermidade non están moi ben establecidos. Apúntase aos antecedentes familiares e a outros patróns xenéticos, o que podería explicar potencialmente a continuidade dos valores entre Portugal e Galicia.

Os valores medios

cancro de estómago ten unha distribución moi clara, con especial risco na costa occidental e no sur de Galicia. No informe fan especial fincapé nalgúns dos factores que poden contribuír a desencadear esta enfermidade, como pode ser a infección por Helicobacter pylori, o tabaquismo e a exposición ás radiacións e ao amianto, entre outros. En canto ao cancro colorrectal, que ten un risco relativo baixo en gran parte da Península Ibérica, non segue un patrón moi claro en Galicia. Hai algúns concellos de Ourense e Lugo con taxas máis elevadas, pero non están concentrados. Chama a atención o litoral pontevedrés e algún concello do norte da provincia, con taxas moito máis baixas na Coruña.

No que respecta ao cancro de páncreas, as zonas de Galicia con maior risco relativo son o litoral de Pontevedra e o norte da Coruña. Se se olla todo o mapa de España verase que as taxas máis altas rexístranse nas comunidades do norte. No informe salientan que algúns dos factores de risco desta enfermidade son o tabaquismo, pero tamén certas cuestións xenéticas, entre outras. En relación ao cancro de pulmón, directamente vinculado co consumo de tabaco, presenta un risco relativo elevado en zonas de Galicia que están adxacentes con Portugal, sobre todo no este da comunidade. Aínda que na meirande parte do mapa os valores están por debaixo doutras zonas de España, como Estremadura, Asturias ou o oeste de Andalucía, coas taxas máis elevadas do estado.

As taxas máis baixas

En relación á leucemia, o risco relativo de mortalidade en Galicia mostra uns valores, de media, máis baixos que no resto do territorio español, sobre todo nas provincias da Coruña e Pontevedra. Algo que tamén acontece co cancro de vexiga en case toda Galicia, agás puntos moi concretos como pode ser a área metropolitana de Vigo, algúns concellos do oeste ourensán ou zonas litorais da provincia da Coruña. A estas dúas enfermidades súmase o cancro de mama posto que non presenta un risco relativo elevado en Galicia. Tan só en algúns concellos próximos á costa. Algo a ter en conta, posto que se trata do máis diagnosticado e o que máis contribuíu á mortalidade por cancro nas mulleres.


Podes consultar os mapas relativos a cada un dos cancros na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.