Martes 3 Decembro 2024

Por unha carreira estable e enteira: as reclamacións dos investigadores galegos a Feijóo

A precariedade do sector e a autonomía da figura do investigador foron algúns dos temas da primeira reunión entre InvestiGal e o presidente da Xunta

Con motivo das futuras política da Xunta en materia de ciencia, representantes de InvestiGal (Rede Galega pola Investigación) reuníronse co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Invocación, Francisco Conde, e do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez,  nun encontro que, para as investigadoras, é mostra do interese e da vontade do Goberno autonómico por coñecer de primeira man as inquietudes deste sector.

Nos seus dous anos de vida, esté é o primeiro encontro que InvestiGal mantén coa institución galega. Con todo, segundo apunta Zulema Varela, unha das súas representantes, desde a rede confían en poder ser interlocutores co Goberno galego e poder seguir traballando con eles. “Entendemos que o presidente da Xunta non ten por que saber como funciona o mundo da investigación“. Neste primeiro achegamento, que valoran positivamente, foron quen de exporlle a Feijóo e o seu equipo a problemática que teñen analizado no sector da carreira investigadora en Galicia, así como a falta de estabilización e precariedade que hai no sector.

Publicidade

As problemáticas da investigación en Galicia

No que respecta ao desenvolvemento da carreira investigadora, en Galicia si que é posíbel avanzar nunha primeira parte consolidada, ao existiren programas de recursos humanos tanto na etapa predoutoral como na posdoutoral. O problema xorde inmediatamente despois: “O posdoutoral non ten final. Ti acabas as convocatorias posdoutorais, e non tes outra figura nin outro programa co que poder estabilizarte. Realmente falta esa estabilización”.

Así, após máis de dez anos de carreira en moitos dos casos, as posibilidades en Galicia vánse esgótando. A solución, nada doada, pasa logo por outros organismos, como os europeos ou o programa Ramón y Cajal, malia que “parece que o Ministerio os vai desmantelando pouco a pouco”. Outra opción, a de esperar entrar en centros de investigación como pode ser o CSIC, se ben tampouco contarían, na actualidade, cos fondos necesarios como para ofertar prazas.

Publicidade

Nesta liña, as representantes de InvestiGal apuntan a necesidade facer un esforzo non só para que a carreira investigadora sexa estable, senón mesmo para que poida chegar a ser enteira en Galicia, sen ter que depender doutras institucións. Ou sen que dependa de ir asociada á docencia, no caso de que as universidades saquen algunha praza.

A figura da investigadora

No que respecta a estas necesidades docentes, as representantes da Rede Galega pola Investigación tamén trasladaron o seu interese pola configuración da figura da investigadora ou investigador. Unha figura capaz de estabilizarse no ámbito universitario, pero non necesariamente vinculada ao eido da docencia. “Ao final, nas universidades faise case o 80% da investigación. Os centros do CSIC son poucos, polo que quen fai moitísima investigación son os campus universitarios. Entón, desde o noso punto de vista, non podes estar dependendo só da docencia”, explica Varela.

Esta consideración autónoma traería consigo moitas máis oportunidades laborais, para que as investigadoras continuasen a traballar na carreira e non tivesen que deixala ou emigrar: “Implicaría non ter que marchar, detendo a fuga de cerebros que hai cara ao estranxeiro, pero retendo o talento tamén que está aquí, en Galicia”. Con todo, a proposta aínda está por consolidar: “É unha idea que temos aí e que estamos intentando mellorar. Pero cremos que é unha boa proposta. Noutros lugares de Europa si que teñen esa figura. Pero aquí aínda non”.

Primeiro paso para acadar compromisos

Após esta reunión sen medidas acordadas, pero na que tampouco era a idea “chegar e arranxar todos os problemas de golpe”, InvestiGal afirma que seguirá traballando no que desde a rede entenden que ten que ser a carreira investigadora en Galicia. Así mesmo, continuarán pulando pola aprobación dun Pacto Galego Pola Investigación, de cara a que as políticas non sexan “curtopracistas” nin dependan de quen chegue ao edifico de San Caetano cada catro anos: “Precisamos políticas que sexan seguidas e continuadas no tempo, e que ti saibas xa ao principio, cando entras na carreira investigadora, como vai ser e que vai ser así durante moitos anos“.

Unha vez deseñadas todas estas propostas, e malia aínda non ter programada a vindeira reunión, esperan volver ser quen de porse en contacto coa Xunta, de cara a que escoiten as súas demandas novamente. Algo no que confían, tras a xuntanza de onte: “Non hai grandes titulares. Só boa dispoñibilidade e unha primeira toma de contacto. Pero agora hai que seguir traballando”, sentencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia inicia un cribado para detectar cardiopatías conxénitas en neonatos

A proba comezará a realizarse o 2 de decembro a todos os bebés nados en territorio galego e será indolora e non invasiva

Que é o esgrafiado? A técnica para decorar o cal das casas galegas que pon en valor a Xunta

O método de albanelería pasa a formar parte do Censo do Patrimonio Cultural de Galicia para garantir a súa protección como ben inmaterial

Descuberta unha ara galaico-romana en Caldas de Reis

Unha asociación local identificou a peza nunha finca privada e as autoridades trasladárona ao Museo de Pontevedra

Así é o novo plan da Xunta para reducir os niveis de radon en cinco anos

Sanidade realizará medicións en centros educativos, sanitarios e de traballo, así como nos fogares, para analizar a exposición ao gas