Xoves 28 Marzo 2024

Un maior consumo de aceite de oliva asóciase a un menor risco de mortalidade

A inxesta de máis de sete gramos ao día está vinculada cunha menor taxa de falecementos por enfermidades cardiovasculares, cancros e outras patoloxias

Que efecto ten o consumo de aceite de oliva en persoas con doenzas cardiovasculares? É unha pregunta que leva anos formulándose, sen que se atopasen, ata o momento, indicios claros da súa vinculación. Agora, unha investigación publicada na revista Journal of American College of Cardiology verte luz sobre o asunto e demostra que o consumo de máis de sete gramos de aceite de oliva ao día está asociado cun menor risco de mortalidade. Pero non só de enfermidades cardiovasculares. Tamén de cancro e patoloxías neurodexenerativas e respiratorias.

“Este é o primeiro estudo prospectivo en tres cohortes americanas que demostra que os participantes que consomen máis aceite de oliva teñen menos risco de mortalidade por todas as causas e por motivos específicos”, explica á Agencia SINC Marta Guasch-Ferré, do departamento de Nutrición da Escola de Saúde Pública T. H. Chan de Harvard e autora principal do estudo. “Atopamos, ademais, que en análises hipotéticas de substitución, consumir aceite de oliva en lugar de margarina, manteiga, maionesa ou outras graxas animais asóciase a menos risco de mortalidade, especialmente mortalidade cardiovascular”, engade.

Publicidade

28 anos de seguimento

O equipo, do que tamén forman parte os españois Miguel Ángel Martínez-González (Universidade de Navarra) e Jordi Salgas-Salvadó (Universidade Rovira e Virgili), analizou a 60.582 mulleres e 31.801 homes que non padecían patoloxías cardiovasculares nin cancro na data de inicio do estudo (1990). Durante os 28 anos de seguimento, avaliouse a súa dieta cada catro anos. Así, o grupo científico descubriu que o consumo de aceite de oliva aumentou de 1,6 gramos/día en 1990 a uns 4 gramos/día en 2010, mentres que o consumo de margarina diminuíu duns 12 gramos/día en 1990 a uns 4 gramos/día en 2010. O consumo doutras graxas mantívose estable.

“Os nosos resultados apoian as recomendacións actuais de aumentar a inxesta de aceite de oliva e outros aceites vexetais insaturados”, continúa Guasch-Ferré. “Os médicos deberían aconsellar que se substitúan certas graxas por aceite de oliva para mellorar a súa saúde”. “Os datos obtidos axudan a facer recomendacións máis específicas, que serán máis fáciles de entender para os pacientes e, con sorte, de implementar nas súas dietas”, insiste a investigadora.

Resultados desagregados

Un dos trazos máis característicos deste estudo é a súa duración: case tres décadas. Ao longo do traballo producíronse 36.856 mortes entre 90.000 participantes. As persoas con maior consumo de aceite de oliva adoitaban ser máis activos fisicamente, tiñan ascendencia do sur de Europa ou mediterránea, eran menos propensos a fumar e tiñan un maior consumo de froitas e verduras en comparación cos que tiñan un menor consumo de aceite de oliva. A inxesta media total na categoría máis alta era duns 9 gramos/día e incluía ao 5% dos participantes.

Cando o equipo comparou aos que ‘de cando en cando’ ou ‘nunca’ consumían aceite de oliva, os da categoría de maior consumo tiñan un 19% menos de risco de mortalidade cardiovascular, un 17% menos de mortalidade por cancro, un 29% menos de mortalidade neurodegenerativa e un 18% menos de mortalidade respiratoria. Amais disto, o estudo tamén descubriu que a substitución de 10 gramos/día doutras graxas, como a margarina, a manteiga, a maionesa e as graxas lácteas, por aceite de oliva asociábase a un risco entre un 8 e un 34% menor de mortalidade total e por causas específicas. Non se atoparon asociacións significativas ao substituír o aceite de oliva por outros vexetais.

Limitacións do estudo

“Este estudo e outros anteriores descubriron que o consumo de aceite de oliva pode ter beneficios para a saúde”. Así o expresou nun editorial adxunto Susanna C. Larsson, profesora asociada de epidemioloxía do Instituto Karolinska de Estocolmo. De feito, para a doutora quedan aínda varios interrogantes. “Necesítanse máis investigacións para responder a esas preguntas”, subliña Larsson.

“A nosa cohorte de estudo foi predominantemente unha poboación branca non hispana de profesionais da saúde, o que debería minimizar os factores socioeconómicos potencialmente confusos, pero pode limitar a xeneralización, xa que esta poboación pode ser máis propensa a levar un estilo de vida saudable”, puntualiza Guasch- Ferré.

“É posible que un maior consumo de aceite de oliva sexa un marcador dunha dieta máis saudable en xeral e dun maior nivel socioeconómico. Con todo, mesmo despois de axustar estes e outros factores de status socioeconómico, os nosos resultados seguiron sendo en gran medida os mesmos”, conclúe.


*O artigo foi publicado orixinalmente en Agencia SINC por Verónica Fuentes. Pódelo ler na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno