Os sanitarios galegos ao límite: “O problema está nos centros de saúde”

O goberno prepara un plan de transición namentres científicos e profesionais reclaman un novo protocolo ante o ascenso imparable de contaxios

O persoal sanitario de Galicia pide un cambio de estratexia na loita contra a Covid-19.
O persoal sanitario de Galicia pide un cambio de estratexia na loita contra a Covid-19.

O persoal sanitario non dá abasto coa sexta onda do coronavirus. O protocolo establecido parece non funcionar correctamente. Os tempos de espera para comunicar positivos son cada vez máis longos e, en consecuencia, satúranse os centros sanitarios. O coronavirus é hoxe menos letal e os pacientes con outras patoloxías padecen os danos colaterais dunha xestión cada vez máis obsoleta. Por este motivo, o goberno estatal baralla xa un plan de acción común para afrontar o futuro do virus. Debemos cambiar de prioridades?

A variante ómicron deixa ao coronavirus nunha posición ben distinta. É máis contaxiosa, pero tamén máis leve. “Atopámonos fronte á evolución natural das enfermidades infecciosas. Os microorganismos tratan de adaptarse a nós”, di o profesor emérito da Universidade de Santiago, Juan Gestal. A perda do gusto e do olfacto forma xa parte dunha sintomatoloxía secundaria, agora prevalece a dor de cabeza, o estado febril, a conxestión e a tos. Así e todo, o número de mortes caeu drasticamente. A concienciación e a responsabilidade colectiva xunto coas vacinas constatan o seu éxito e suavizan aínda máis as pegadas da Covid-19 no 2022.

A perda do gusto e do olfacto forma xa parte dunha sintomatoloxía secundaria

Hai dous anos, o medo imperaba nunha poboación ansiosa de coñecemento: “Antes a xente contraía o virus e pensaba que ía morrer, agora preocupa máis a corentena”, explica a médica de urxencia do CHUO, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, Leticia Alén. Este coronavirus inicialmente era un virus descoñecido. Levou por diante milleiros de vidas que cos avances científicos actuais non se perderían. Porén, hoxe aínda quedan trazos dese temor namentres batemos récords de contaxios en todas as provincias, superando os 70.000 casos notificados en toda Galicia.

O control do avance da pandemia con ómicron faise cada vez máis complexo. Os contaxios medran de xeito exponencial a diario ao tempo que se saturan as liñas telefónicas. Para solucionalo, na nosa comunidade habilitouse un número especial e mais un formulario para notificar os positivos que segue presentando grandes tempos de agarda. Rubén González, paciente positivo, informa da súa experiencia: “Chamáronme do centro de saúde 4 días despois de notificar o resultado do test de antíxenos. Nese momento xa pasaran a meirande parte dos síntomas” . Porén, Judit Álvarez, internista do Hospital Ribera Povisa de Vigo, olla a situación dende o outro lado: “Os autotest estannos a axudar a simplificar o proceso. O problema non está no hospital, senón nos centros de saúde.”

“Non se pode ignorar a unha parte da poboación”

Todo apunta a que a variante ómicron escapa aos actuais sistemas de xestión e seguimento. Hai unha semana, co ánimo de mellorar o control da pandemia en Vigo, a Xunta decidiu postergar as consultas de atención primaria de 14 centros de saúde. Malia que dende onte traballan con normalidade, as outras doenzas volveron quedar relegadas a un segundo plano, novamente ocultadas polo coronavirus. A presidenta da asociación A Voz da Sanidade, Carmen Lores, denuncia os efectos desta medida: “É moi grave. Hai moitos pacientes con patoloxías importantes que quedaron sen atención médica”.

“Hai moitos pacientes con patoloxías importantes que quedaron sen atención médica”

Tamén cuestionan o polémico peche algúns profesionais sanitarios. Daniel de Bernardo, médico de familia do centro de saúde A Bandeira de Silleda, cualifícao negativamente, unha opinión que comparte a facultativa Leticia Alén: “Non se pode ignorar a unha parte da poboación. É unha decisión demasiado agresiva, parece unha medida emerxente pero poden aparecer enfermidades ‘tempodependentes’, relacionadas con procesos oncolóxicos, por exemplo”.  A sanitaria Judit Álvarez engade que é unha medida que se entende coa situación, pero manifesta que convén reforzar os centros de saúde: “O coronavirus importa, pero o resto de patoloxías tamén”.

Tamén critican outras decisións adoptadas polos políticos como a redución da corentena de 10 a 7 días, mudanza que segundo De Bernardo non obedece a cuestións sanitarias senón que ao descontrol da xestión dos contaxios da sexta onda. Pálpase certo temor no colectivo sanitario: “Antes, do día 7 ao 11 era onde nós atopabamos o maior risco vital nos pacientes”, expón Alén. Á súa vez, atribúe o auxe dos contaxios a ese cambio de criterio, xa que hai persoas sen sintomatoloxía pero que seguen a presentar unha alta carga viral: “Dar unha alta epidemiolóxica precoz é como botar máis gasolina ao lume. Sabendo que o virus é moito máis contaxioso, reducir a corentena non parece un acerto”.

“DO día 7 ao 11 era onde nós atopabamos maior risco vital nos pacientes”

A internista Álvarez explica que o coronavirus mudou a rutina nos centros de saúde, pero puntualiza que non está a ser un mes especialmente complicado: “Este mes sempre foi especialmente difícil, xa que se nota un ascenso de pacientes nas salas de medicina interna. Polo de agora o número de pacientes é estable. Temos que agardar para ver que acontece ás próximas semanas”. De Bernardo recibe visitas de todo tipo, mais percibe un incremento de pacientes con sintomatoloxía gripal. Os positivos nos tests de antíxenos volvéronse máis correntes após as festas do Nadal. Afirma que a enfermidade vén acompañada estes días dunha prominente carga burocrática: “Pásome grande parte da xornada tramitando altas e baixas continuamente”.

“O colapso sanitario débese a tres ondas: a da Covid-19, a do resto de enfermidades e a do medo”

As mudanzas evidentes que presenta o coronavirus dos nosos días empuxan os profesionais da saúde a reformularse un cambio de protocolo. Reivindican unha maior marxe de manobra para tratar outras patoloxías de maior gravidade. “O colapso sanitario é evidente e débese a tres ondas: a da Covid-19, a de continxencias comúns e a do medo”, sinala Alén. Explica que o temor a contraer o coronavirus ao desprazarse ao centro hospitalario dificulta o tratamento doutras patoloxías severas.

“Preocúpanos que o coronavirus continúe a ser unha prioridade e non haxa retorno”

Alén relata a sensación de tensión que se vive actualmente no servizo de urxencias: “Sempre foi un servizo duro. No pasado sabiamos que os luns e os venres eran complicados, pero agora son difíciles todos os días.” Ademais, bota a vista atrás e sente nostalxia: “Preocúpanos que o coronavirus continúe a ser unha prioridade e que non haxa retorno: bótase de menos a medicina do 2018”, prosegue. En relación, fala da carga engadida que leva consigo o coronavirus para os pacientes: “Non podemos enfadarnos coa persoa que acode a urxencias por un catarro. Temos que traballar a empatía: pode ser unha nai que unicamente quere protexer ao seu fillo”.

Un cambio de estratexia para evitar o colapso sanitario

Inicialmente e de xeito erróneo vencellábase o coronavirus a unha gripe, unha comparación que con ómicron rexorde con máis acertos. O profesor Gestal indica que son dúas enfermidades diferentes, pero reclama un cambio de rumbo: “O coronavirus non é unha gripe, pero precísase mudar a estratexia para evitar o colapso do sistema sanitario”. Álvarez alíñase con esta óptica e sostén que agora que se demostrou que as vacinas son efectivas, faise preciso cambiar o enfoque.

O investigador Gestal considera que os síntomas leves, sumados á alta transmisibilidade poderían indicar a fin da pandemia. “Malia todo, non me atrevo a facer  prognósticos. Noutras ocasións parecía que xa estaba a rematar e non o fixo. Non podemos descartar a aparición dunha variante que nos faga retroceder”, matiza. Outro sinal reconfortante atópase nos recentes casos do que coloquialmente se coñece como ‘flurona’, os casos de infección simultánea de virus e gripe que se rexistraron por primeira vez en Israel. A sanitaria Alén cataloga esta situación como positiva: “Nun principio o virus devastaba ao resto dos virus. O ano pasado non houbo gripes e non nolo explicabamos. Agora vemos casos no que va da man da gripe, o que indica que xa perdeu forza”.

Seguinte etapa: De conter o virus a minorar os seus efectos

É evidente que cada vez é máis urxente un cambio de estratexia con respecto do virus. Gestal propón pasar dunha fase de contención, centrada en evitar a transmisión, a unha de mitigación, que xira en torno a mitigar os seus efectos.  O goberno central está a artellar un plan que contemple esta transición, ollando á Covid-19 como unha enfermidade endémica e tratándoa de maneira similar á gripe. Deste xeito, deixaríase de contar cada caso e de realizar tests ante o mínimo síntoma. “Este novo plan é unha boa nova. Vai adecuar as medidas de vixilancia e control a situación actual da pandemia, orientando as actuacións cara a protección das persoas vulnerables e a atención dos casos graves”, sinala o profesor.

Cada vez é máis urxente un cambio de estratexia con respecto ao virus

O futuro do coronavirus xa non é tan incerto. Aínda non se sabe se acadaremos a inmunidade colectiva, mais temos perante nós unha morea de indicios que nos achegan á normalidade. Leticia Alén chancea sobre eles: “Cando vin un caso de estrinximento despois de tanto tempo, ata me emocionei”. Non queda dúbida de estamos máis preto da ansiada normalidade, malia que aínda queden batallas coas que lidar, como os grandes estragos ocasionados na saúde mental. “Segue a ser un tema tabú. Quitáronnos a relación con outras persoas, algo innato no ser humano. As consecuencias serán evidentes, sobre todo no noso sector”, conclúe Judit Álvarez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.