Xoves 25 Abril 2024

“Sen biodiversidade non se poden desenvolver actividades económicas”

O equipo liderado polo investigador Sebastián Villasante, da USC, é seleccionado no Programa Pleamar 2021 para desenvolver unha nova fase do proxecto ECOSER

Do mesmo xeito que a comunidade científica, o investigador Sebastián Villasante fai bandeira da interdisciplinariedade na súa carreira profesional. Profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), está especializado en servizos ecosistémicos mariños e en economía ecolóxica, así como na adaptación, transformación, uso e xestión sostíbel dos recursos do mar.

Agora, o equipo que lidera o tamén director do EqualSea Lab acaba de ser seleccionado polo Programa Pleamar 2021 da Fundación Biodiversidad para levar a cabo unha nova fase do proxecto ECOSER. Baixo a o título “Efectividade das Áreas Mariñas Protexidas e a súa contribución ao benestar humano”, a investigación coordinada desde a USC contará coa participación a Universidade de Vigo, a fundación Lonxanet en Coruña, o Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa (ICSEM) e a Universidad de Almería.

Publicidade

—Que implican as Áreas Mariñas Protexidas (AMP)?

—Habitualmente, cando falamos de AMP, estamos a falar da necesidade de protexer a biodiversidade, o capital natural mariño. É dicir, as especies, os servizos ecosistémicos que estes ecosistemas proporcionan. E a meirande parte da evidencia científica que existe, non só aquí en Galicia, senón a nivel global, ten fundamentalmente un foco biolóxico. É dicir, como contribúen as AMP a mellorar o estado de abundancia das especies. Pode ser como consecuencia dunha previa sobreexplotación pesqueira, de contaminación mariña ou de calquera outra presión antropoxénica. E, como consecuencia disto, adóptanse, créanse ou impleméntanse estas AMP.

—Entón, o enfoque biolóxico é o punto de partida.

—Iso foi, historicamente, a motivación fundamental de por que se creaban as AMP. E levamos, desde os anos 70, fundamentalmente, tentando melloralas e mesmo amplialas cada vez máis. A Comisión Europea aprobou recentemente unha nova estratexia de biodiversidade que na comunidade científica coñecemos como 30×30. Que de aquí ao ano 2030, o 30% da superficie mariña en Europa debería estar protexida. Ese é un obxectivo moi loable, porque loxicamente nós tamén entendemos e compartimos que protexer a biodiversidade é vital como soporte para o desenvolvemento das actividades económicas, sexan cales sexan. Evidentemente, todas aquelas que se desenvolven fundamentalmente no ámbito mariño. Dito doutra forma: se non hai diversidade, non hai posibilidade de desenvolver ningún tipo de actividade económica. Ou é moi difícil facelo.

“Levamos, desde os 70, tentando ampliar as Áreas Mariñas Protexidas”

—Sucede o mesmo no proxecto ECOSER 2.0?

—O proxecto pretende por en foco non tanto, que tamén, a parte biolóxica, senón máis ben a dimensión humana. Nós fixémonos unha pregunta moi sinxela, que é: Quen son os gañadores e os perdedores da implementación ou da adopción das AMP? Porque a efectividade das áreas protexidas, desde o punto de vista biolóxico, si que se coñece razoablemente ben, aínda que non coa certeza que quixeramos. Pero no que respecta á dimensión humana, non se coñece, ou non se coñece o suficientemente ben, como para decidir a ampliación de AMP. E aquelas Áreas Mariñas Protexidas que funcionan son as que están ben xestionadas e ben monitoreadas. Se eses dous requisitos non se cumpren, é moi difícil ou practicamente imposible que as AMP teñan éxito.

—Entón, o proxecto pretende vincular ambos aspectos.

—O obxectivo de ECOSER 2.0 é crear unha rede de conectividade entre os compoñentes biolóxicos —cantas especies hai nese ecosistema, cal son as súas funcións e que tipo de relacións manteñen—, e o rol dos actores sociais. Tamén o nivel de protección ou grao de institucionalidade que ten esa área protexida —en que medida esa área ten un menor ou un maior nivel de protección, desde o punto de vista xurídico—, o grao de monitoreo —se é efectivo ou é deficiente, se é laxo— e o grao de control. Porque a área protexida pode estar moi ben deseñada no papel, pero logo na práctica non funciona. Entón, o obxectivo do proxecto é ligar e relacionar estes compoñentes ecolóxicos, sociais e institucionais.

—Tense tamén en conta o aspecto climático?

—Si. Esta é tamén unha parte novidosa do proxecto, penso eu. Unha das cuestións é que, cando se crearon as Áreas Mariñas Protexidas, na comunidade científica non se tiña tanto coñecemento como se ten agora dos impactos do cambio climático. Entón as especies mudan, latitudinal ou lonxitudinalmente. E iso pode ter consecuencias cando un deseña as AMP, especialmente cando son fixas, desde o punto de vista da xestión. E logo tamén os microplásticos, que tamén son unha presión antropoxénica. Ata onde sabemos, o 80% dos microplásticos, da basura mariña ou da contaminación que se xera nos océanos procede da terra, non do mar. Entón, nese sentido, nós imos incorporalos a esa rede de conectividade que chamamos rede de conectividade socioecolóxica, porque inclúe compoñentes ecolóxicos e tamén sociais. E cando falamos de sociais estamos incluíndo, de maneira xenérica, sociais, económicos e institucionais.

“A AMP pode estar ben deseñada no papel, pero logo non funcionar”

—Un continuo exercicio interdisciplinar.

—Tanto eu como a propia comunidade científica partimos da base de que o desenvolvemento das actividades económicas costeiras de maneira sostible e resiliente só é posible se contamos cun capital natural mariño. É dicir, con ecosistemas saudables. Entón, a interdisciplinariedade que propoñemos, para nós é básica á hora de entender mellor sobre que estamos a falar cando falamos sobre actividades económicas. Porque descoñecer os procesos biolóxicos e como se comportan os ecosistemas pode xerar que os estudos que ti fagas a nivel económico sexan erróneos, ou teñan resultados que non sexan robustos, na medida en que ti estás esquecendo unha parte fundamental, que é a parte máis ecosistémica, ou se se quere, de biodiversidade.

—Que resultados se pretenden acadar neste proxecto?

—A nosa idea é xerar coñecemento científico e ferramentas para as administracións. No noso caso, o proxecto é algo modesto porque nos imos centrar en tres áreas de estudo. Aquí en Galicia temos dous casos: a reserva mariña de interese pesqueiro os Miñanzos, en Lira-Carnota, e o Parque Nacional das Illas Atlánticas. E un terceiro caso de estudo é o Cabo de Gata, en Almería. Nós imos testear, imos xerar evidencia empírica acerca disto que estamos a falar nestes tres casos ao longo deste ano, que é o que dura o proxecto.

—Cal é o interese destes casos de estudo?

—O interese é que ECOSER 2.0 é a continuación dun proxecto previo, tamén financiado pola Fundación Biodiversidad. A maiores, nós queriamos ter casos de estudo aquí en Galicia, desde logo, pero tamén ter casos de estudo no resto do territorio español. E pola magnitude dos proxectos, que eran relativamente pequenos, por colaboracións previas e pola diversidade que existe tanto na reserva de Lira, coas características de xestión e das actividades que se desenvolven, como nas illas Cíes, que son casos bastante dintintos, aquí en Galicia escollemos eses. O caso de Cabo de Gata é tamén por unha cuestión de diversidade xeográfica e con colaboracións previas con investigadores da Universidade de Almería.

“Descoñecer o comportamento dos ecosistemas pode xerar estudos económicos erróneos”

—Que traballo de campo se levará a cabo? 

—Imos facer mesas de traballo con expertos, que sabemos que teñen coñecemento da área. Cando falo de expertos non falo soamente de científicos ou de investigadores. Poden ser actores da propia administración galega. As diferentes consellerías, por exemplo. Ou tamén ONGs. Loxicamente tamén os propios pescadores, por exemplo, artesanais, ou mariscadoras. Cando falo de expertos, falo de persoas que teñen un coñecemento amplo das características da AMP e como está a funcionar esa área desde o punto de vista socioecolóxico. Non só imos traballar con biólogos. Imos contar con todos os actores que están traballando nesas áreas.

—É unha forma de avaliar todos os servizos ecosistémicos da área. 

—Si. Iso xa o comezamos no proxecto previo. No primeiro ECOSER avaliamos, desde un punto de vista multidimensional. Cando falamos de multidimensional estamos a falar non só dos beneficios económicos que aportan as AMP. Por exemplo, o peixe que extraes da reserva e despois vendes na lonxa. Tamén hai outro tipo de beneficios, como o secuestro de carbono, os servizos culturais ou o sentido de lugar dos propios pescadores, de pertenza ás comunidades pesqueiras. Iso son tamén servizos ecosistémicos. E nós, ese exercicio, xa o fixemos no proxecto anterior. Baseado nesta evidencia e nestes resultados que xa temos, agora o que imos facer é un paso máis adiante, que é conectar os diferentes servizos ecosistémicos con outros compoñentes da área.

—Como se identificarán esas conexións?

—Primeiro imos crear, aplicando a teoría de grafos á AMP, a rede de conectividade. E, co coñecemento dos expertos e o coñecemento científico que xa exista, a través de informes, publicacións científicas e demais, nesas mesas de traballo imos identificar dentro da rede cales son os nodos ou os factores que son máis importantes e que están, ben permitindo o grao de efectividade da área protexida, ou ben actuando como barreira. Por exemplo, ti ao crear unha rede de conectividade con diferentes nodos entre os diferentes compoñentes ecolóxicos, económicos e sociais, es capaz de dicir esta área protexida está fallando, ten este problema de institucional porque non ten un grao de efectividade no control das actividades mariñas que se desenvolven na área.

Iso permíteche actuar caso por caso, en lugar de facer unha receita para todas as áreas por igual. Así, identificas en que parte desa rede de conectividade se está facendo ben ou se están facendo mal as cousas e, como policy maker, como xestor, como administrador ou como responsable das áreas, podes incidir dunha maneira moito máis efectiva e máis específica en cada un deses elementos ou factores que non están funcionando, ou que si están funcionando.

“Identificar os actores dunha AMP permite actuar de xeito máis específico, en lugar de botar man dunha receita común”

—Entón, o compoñente humano é fundamental.

—A meirande parte das AMP a nivel global estanse xestionando sen o compoñente humano. Pero nós pensamos que é clave, e por dúas razóns. Os actores que traballan nas áreas protexidas teñen nas súas mans xerar cambios positivos entorno á efectividade das áreas. Ou ben, teñen nas súas mans non cumprir as normas das AMP e facer, por tanto, que ese nivel de efectividade da área sexa moito menor. Co cal, a dimensión humana para nós é fundamental, e é o foco clave deste proxecto.

—É preciso fortalecer esta dimensión?

Absolutamente. De feito, se ti inclúes no proceso de toma de decisións, na co-xestión diría eu, das AMP, o factor humano e a todos os actores no desenvolvemento desa área, vanse sentir lexitimados. Van ser procesos inclusivos e non excluíntes. Nese sentido é clave, porque o que si sabemos, aínda que a evidencia é pequena, é que os procesos de xestión onde nas tomas de decisión están incluídos os actores que traballan nesas áreas son máis proclives a ser máis exitosos ao longo do tempo.

Iso permíteche que as persoas poidan seguir desenvolvendo a súa actividade, e mesmo mellorando ao longo do tempo. Esa é unha cuestión que imos ver se realmente é así, pero potencialmente pode selo. É dicir, que os beneficios económicos sexan maiores como consecuencia do establecemento da AMP. Por exemplo, un pode pescar menos, pero vender a mellor prezo. E iso pode permitir tamén un menor impacto da pegada de carbono, porque hai que desprazarse menos non só nas embarcacións, senón tamén na comercialización do peixe, xa que habitualmente estas áreas están moi preto da costa. E con esa proximidade tamén incentivas a produción local, o que permite fixar poboación e contribuír á xeración de emprego das comunidades costeiras.

—Logo, non só hai beneficios económicos ou ecolóxicos, senón tamén sociais.

O beneficio, desde a miña opinión, é polo menos triple. Por unha banda, desde o punto de vista institucional, ti es máis transparente e máis inclusivo no proceso de toma de decisións. Ademáis, está a posibilidade de que, por exemplo, a pesca artesanal en xeral poida gañar máis cartos, pode ter maiores beneficios económicos, extraendo menos e gañando máis, vendendo mellor. E tamén estás a contribuír á seguridade alimentaria con produtos de alta calidade e de produción local. Que están próximos á nosa costa, que son dunha altísima calidade para os consumidores.

—A filosofía de transparencia e inclusión tamén afecta ao portal de acceso público ECO-DATASEA.

—Si. O que tamén queremos facer neste proxecto é xerar unha ferramenta interactiva en liña. Toda a xeración de coñecemento científico que imos proporcionar neste proxecto, imos poñela a disposición das administracións e tamén, loxicamente, dos responsables das áreas e dos sectores produtivos. A información que se xere do proxecto vai ser información que vai permitir tomar decisións baseadas no coñecemento científico, xerado polos propios actores que están involucrados e traballando nas áreas. E que eles, a través da consulta desa información, poidan identificar en que parte das AMP teñen maior necesidade de actuar, para lograr que esa área sexa máis efectiva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII

Seis claves para salvar o planeta: un estudo con participación galega alerta do risco de colapso

O traballo afirma que “a humanidade se atopa actualmente nunha traxectoria preocupante”. O investigador Sebastián Villasante é coautor do informe

Un equipo da USC descobre un novo factor que altera o ciclo do carbono

O estudo realizado polos galegos Mar Sobral e Antonio Martínez Cortizas podería ser de utilidade na loita contra o cambio climático

Polbos, chocos e luras: pezas clave para garantir a seguridade alimentaria

Científicos da USC expoñen os vínculos entre os ecosistemas, as políticas e o benestar humano para fomentar un sistema alimentario de cefalópodos máis sostible