Xoves 25 Abril 2024

Acadaremos a inmunidade colectiva fronte ao coronavirus?

O novo escenario sitúa a protección precisa alén do 90% da poboación, dependendo de factores como as posibles variantes ou a duración da inmunidade

O 70% soaba esperanzador. Esa era a cifra que, nos inicios da pandemia, se marcaba como meta para acadar a inmunidade colectiva. Porén, a aparición de novas variantes cambiaron o taboleiro de xogo e converteron ese 70% nun número obsoleto. Agora márcase un novo obxectivo: o 90% de poboación inmunizada. Non obstante, os expertos piden cautela e recordan que non existen “cifras máxicas”. “Esas porcentaxes tan só son estimacións. Non debemos centrarnos nos números, senón en aumentar a cobertura vacinal. Así será máis probable que academos a inmunidade grupal”, explica o membro do Comité Asesor de Vacinas da OMS e xefe do servizo de Pediatría no Hospital de Santiago, Federico Martinón.

Tamén matiza que esa inmunidade colectiva non só dependerá do proceso de vacinación, senón de moitos outros factores. Entre eles, a duración da protección ou a capacidade que teña o virus de seguir mutando. O profesor emérito da Universidade de Santiago Juan Gestal suma un novo condicionante para alcanzar esa inmunidade de rabaño. “As vacinas que se están utilizando non son esterilizantes. É dicir, non inducen a produción de anticorpos nas mucosas respiratorias, que é por onde entra o virus. Isto fai que sexa máis difícil chegar á inmunidade de grupo”, puntualiza.

Publicidade

A vacinación dos nenos

Hai un sector da poboación, os menores de 12 anos, que aínda non está vacinado. “Para conseguir o 90% farianos falta inmunizar, polo menos, aos nenos de entre 6 e 11 anos, posto que supoñen o 11% da poboación”, indica Gestal. Polo momento, non hai unha vacina autorizada para este grupo de idade, aínda que xa están en marcha varios ensaios clínicos. “É probable que se abra un debate ético-moral na sociedade. Hai que recoñecer que para os nenos, o coronavirus non provoca unha enfermidade grave, pero tampouco teñen risco cero”, explica Gestal.

De feito, el mantense favorable á vacinación neste grupo de idade. “Incluso sen existir inmunidade de grupo, é imprescindible vacinar os nenos para que non sexan o refuxio do virus. É dicir, para que non poida manterse neles e xurdir novas variantes perigosas”, apunta o profesor emérito da USC. Recoñece que os beneficios individuais da vacinación en nenos son baixos, pero a inxección contra o coronavirus servirá para que non transmitan a enfermidade a outras persoas vulnerables, como os avós. “En calquera caso, os beneficios da vacinación neste grupo de 6 a 11 anos son maiores que os riscos”, afirma Gestal.

"É imprescindible vacinar os nenos para que non sexan o refuxio e non aparezan novas variantes perigosas"

Martinón concorda en que o beneficio directo da vacinación para os nenos é pequeno, pero si contribuiría a acadar a inmunidade de grupo. Un dos argumentos que el esgrime a favor da vacinación nesta franxa de idade é na posibilidade de recuperar a normalidade. “Sobre todo nos nenos máis maiores, vacinarse permitirá unha maior mobilidade como viaxar, unha posibilidade menor de ter que facer corentena e, en xeral de volver ás súas vidas”, explica. Porén, o pediatra insiste en que é preciso “facer os estudos apropiados para ter a seguridade de como funciona a vacina nos rapaces, sobre todo nos máis pequenos”. E tamén recorda que cando se teñan os resultados dos ensaios clínicos, isto non implicará que se teña que empezar a vacinar a este sector da poboación. “A verdadeira prioridade é vacinar a todas as persoas vulnerables, independentemente da parte do mundo na que estean. E hai que facelo antes de vacinar os menores de 12 anos ou de administrar doses de reforzo á poboación en xeral”, afirma Martinón.

Un problema global

“Deberiamos conseguir que se reciba a primeira dose en todas as partes do mundo antes de falar de terceiras doses para a poboación xeral”, incide Martinón. Tal e como explica o pediatra, se a inmunidade colectiva non se acada en todas as partes do globo, non servirá de moito. “Se te moves dese sitio, desa contorna segura cara a unha que non o sexa, esa inmunidade desaparece”, asegura. Pero ese non é o único problema. Nin tampouco o único motivo polo que é tan importante que a vacinación chegue a todos os países. “O virus segue a evolucionar e vaino facer naqueles sitios nos que a infección non estea controlada”, apunta Martinón, que fai fincapé en que nun mundo globalizado as novas variantes son capaces de circular con moita rapidez e liberdade, incluso nos períodos de máximas restricións.

"Se te moves da túa contorna segura cara a unha que non o sexa, a inmunidade colectiva desaparece"

A inmunóloga África González apoia esta tese, exemplificándoo da seguinte maneira: Deamos, polo menos, un salvavidas por persoa, e non lle deamos a algúns dous ou tres salvavidas. Se temos poucos, o mellor é distribuílos por todo o mundo. Polo menos entre os maiores de 65 anos”. A fin de contas, un dos recordatorios máis frecuentes entre a comunidade científica é que este virus non é o problema dun só país, senón do mundo enteiro. “Por moito que nós esteamos a vacinar cunha terceira ou cuarta dose, a pandemia non rematará ata que o virus deixe de circular en todo o mundo”, engade Gestal, incidindo no importante que é que os países ricos non acaparen as vacinas para que os máis pobres tamén poidan chegar a elas.

A chegada do outono

Tamén está a piques de chegar o outono, o que implicará máis vida nos interiores, espazos nos que o coronavirus se transmite con máis facilidade. “Haberá que ir vendo como evolucionan os próximos meses. As vacinas axudáronnos a ter certa estabilidade social e económica. Xunto con outras medidas de saúde como a máscara, a distancia de seguranza e o control de persoas nos eventos poderemos ter certa normalidade”, apunta a microbióloga María Tomás, que tamén asegura que a erradicación do virus vai ser “moi difícil”.

“Esta pandemia está lonxe de acabar. Chega un tempo máis favorable para a circulación dos virus respiratorios. Hai que seguir tendo moita prudencia e usar as medidas de prevención como as máscaras, especialmente as FFP2 en interiores”, apunta Gestal, que tamén incide no importante que é seguir ventilando os espazos interiores durante o outono e o inverno. O profesor emérito da USC pide paciencia porque hai ameazas de varias variantes.

"Esta pandemia está lonxe de acabar. Hai que seguir tendo prudencia e manter as medidas de prevención como as máscaras"

“Nos países que imos máis avanzados na vacinación, entramos nunha etapa de transición. Nesta última onda a situación foi moito mellor que nas anteriores”, explica Martinón. Porén, recorda que hai que seguir esperando ao que pase noutras partes do mundo e ás posibles mutacións do virus. “Todas as posibilidades están enriba da mesa e aínda que o virus cambie é pouco probable que volvamos ao punto de partida”, indica. Unha mensaxe optimista aínda que recoñece que, na práctica, tamén poderemos ter altibaixos. “De todas formas, non estamos igual de desprotexidos que ao principio”, conclúe Martinón. Parece que as palabras clave para afrontar o próximo outono-inverno e, por suposto, a pandemia, son as de vacina, paciencia e esperanza.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así espertamos o sistema inmunitario para que aniquile o cancro

O primeiro tratamento de inmunoterapia celular que usa linfocitos infiltrantes do tumor acaba de ser aprobado en Estados Unidos

África González, ante a reaparición do sarampelo: “As familias deben vacinar os seus fillos”

España rexistra os seus primeiros casos trala pandemia e dende o 1 de xaneiro suma xa 15 contaxios

África González: "Estamos moi cerca da cura de doenzas autoinmunes"

Os científicos ven posibles as terapias que restauren a tolerancia inmune en enfermidades como diabetes ou lupus

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade