Luns 4 Decembro 2023

O mapa que cartografa en 1610 a ‘traslatio’ do Apóstolo a Galicia

O celanovés Mauro Castellá publicou unha historia xacobea que trazou un asombroso plano alegórico de Compostela

É unha alfaia da cartografía galega que narra unha historia a través dun mapa. Foi trazado hai medio milenio polo polígrafo galego Mauro Castellá Ferrer, discípulo de Frei Luís de León, e segue a asombrar aos estudosos, como é o caso do profesor de Arquitectura Jesús Conde García, quen volveu a este plano na súa recente tese doutoral na Universidade da Coruña.

O impulsor do mapa, Castellá Ferrer, naceu en Celanova en 1567 e morreu en Madrid en 1612. Era un entusiasta da devoción xacobea, quen na introdución desta ‘Historia do Apóstolo Santiago’, publicada en 1610, proclama que “a primeira cousa que me moveu é o moito que lle debo ao Apóstolo”. Ao longo de máis de 500 páxinas, impresas no prestixioso taller de Martín de Balboa, fai unha defensa da tradición compostelá e encarga unhas ilustracións de gran calidade ao artista flamenco Diego de Astor.

O significativo mapa de Compostela e Galicia.

Castellá dedicou dezaoito anos da súa vida a este traballo, entre 1588 e 1607. Pero foi criticado  pola súa evidente falta de rigor, que resulta obvia á hora de aceptar numerosos textos como fonte. Tal é o caso do Códice portugués de Alcobaça ou dos falsos Chumbos do Sacro Monte de Granada. José María Díaz, estudoso da obra do celanovés, considera que o desigual da súa achega responde a que foi cegado polo seu afán apoloxético “tocado de patriotismo xuvenil”.

Esta “Historia do Apóstolo Santiago” é tan militante que Castellá Ferrer, apelando á súa orixe, remata tratando de relacionar a Santiago con varias liñaxes galegas, entre elas a súa propia.

Pero, por encima do carácter mesmo panfletario do texto, que nos séculos seguintes inspirou moitas obras sobre o culto xacobeo, o certo é que entre as súas páxinas hai un mapa que segue a resultar asombroso. Está deseñado como unha historia, na que vemos a cartografía de diferentes episodios da fabulosa chegada a Galicia do corpo do Apóstolo, unha lenda que sempre foi desmentida por inverosímil, mesmo porque non hai ningunha referencia sobre isto ata o século VIII. É o chamado ‘problema do silencio’: non existen fontes antigas que recollan a predicación de Santiago na península Ibérica nin sequera a modo de lenda. O historiador Claudio Sánchez-Albornoz, nada ‘sospeitoso’ tras participar con entusiasmo na construción doutros mitos en España, recoñecía que a ‘inventio’ compostelá era case imposible de defender historicamente: “a pesar de todos os esforzos da erudición de onte e de hoxe, non é posible, con todo, alegar en favor da presenza de Santiago en España e do seu traslado a ela, unha soa noticia remota, clara e autorizada. Un silencio de máis de seis séculos rodea a conxetural e inverosímil chegada o apóstolo a Occidente, e dun a oito séculos a non menos conxetural e inverosímil  translatio”.

Croquis analítico do mapa de Castellá.

Lexitimidades á marxe, o mapa ten un indubidable valor. Jesús Conde García defíneo como unha ‘pequena xoia da cartografía galega, que nos amosa unha descrición xeográfica da situación da cidade, ao tempo que narra o traslado e sepultura do corpo do Apóstolo Santiago, xénese da idea de peregrinación e, por tanto, da cidade mesma”. O mapa describe o itinerario seguido polos discípulos Atanasio e Teodosio desde a súa arribada á desembocadura do río Sar no Ulla, procedentes de Haffa, en Palestina, co corpo de Santiago. É un roteiro fantasioso, que afunde as súas raíces na lenda, pero que o autor quere transmitir con todo detalle.

O investigador conclúe que o mapa ten un valor  cartográfico e documental, que se combina “cun claro contido relixioso e simbólico que narra o momento fundacional da cidade de Santiago de Compostela a través da epopea dunha viaxe mítica”.

Para dar maior realce á cartografía, Castellá “distorsiona as súas dimensións para adaptarse a uns patróns estéticos e xeométricos, neste caso un círculo rexistrado nun cadrado, que lembra a composición dos mapamundis medievais”.

A gran singularidade deste mapa xacobeo do século  XVII é que reúne na súa cartografía tres enfoques: “o mapa como sistema cognitivo, o mapa como cultura material e o mapa como construción social”, explica o estudo.

Análise documental do mapa.

Así que estamos fronte a unha xoia da cartografía, pouco coñecida polo gran público, pero impulsada por un galego para narrar unha historia nun mapa. É o plano da ‘traslatio’ do Apóstolo Santiago creado polo  celanovés Mauro Castellá en 1610 e que lembramos nun Ano Santo Compostelán de medio milenio despois.

Os 7 lugares do mapa

Aquí podemos ver os elementos do mapa, numerados polo investigador Conde García, na súa tese doutoral de 2015.
  • A chegada da barca, co corpo de Santiago sobre unha laxa de pedra, á localidade de Padrón, preto de Iria Flavia.
  • A visita que os discípulos fixeron á Raíña Lupa para solicitar a súa axuda.
  • A Raíña Lupa, lonxe de axudalos, emprega sutís argucias para envialos a visitar ao Rei de Dugio –cidade marítima ao norte do Cabo Fisterra-, coñecedora de que este rei pagán era especialmente cruel cos cristiáns.
  • Os discípulos foxen de Dugio, ao sospeitar que o Rei quere darlles morte. Na súa fuxida contan con axuda divina e conseguen salvar a vida ao derrubarse unha ponte ao seu paso (ponte de Ons) freando aos seus perseguidores.
  • A Raíña Lupa tenta enganalos de novo e mándaos ao Monte Ilcino (actual Pico Sacro) onde se supón que ten uns bois que lles axudarán a trasladar o corpo. Os discípulos ascenden ao Monte onde se atopan cunha serpe alada (dragón) e cuns touros bravos. Con todo os discípulos conseguen derrotar ao dragón e amansar aos 
  • Finalmente, fronte a tales proezas, a Raíña Lupa convértese ao cristianismo e concede un lugar para o sepulcro onde os discípulos trasladan o corpo de Santiago axudados polos touros xa mansos.
  • Santiago é soterrado no sepulcro, situado nun outeiro entre os ríos Sar e Sarela. Posteriormente tamén os discípulos, Atanasio e  Teodosio, son sepultos ao seu lado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión

Cambio radical no tempo en Galicia: volve a chuvia e baixan drasticamente as temperaturas

A partir do xoves caen os termómetros pola chegada dunha masa de aire frío polar. Na segunda metade da semana as precipitacións serán menos abundantes
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario