Só se poderán identificar tres corpos dos 18 que buscaban na foxa de Vilagarcía

Investigadores da USC presentan un informe que resume as actuacións levadas a cabo no cemiterio municipal para achar os restos dos represaliados

Neste primeira xeira do Plan Cuadrienal, enfocouse o traballo, alén de en Vilagarcía, nas fosas de Crecente e na análise dos restos que foran exhumados en 2018 en Aranga. USC
Neste primeira xeira do Plan Cuadrienal, enfocouse o traballo, alén de en Vilagarcía, nas fosas de Crecente e na análise dos restos que foran exhumados en 2018 en Aranga. USC

O persoal investigador que integra o Plan Cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia no que toma parte a Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu conta este mércores dos traballos que nos meses de setembro a decembro se levaron a cabo no cemiterio municipal de Vilagarcía de Arousa. O persoal multidisciplinar que conforma o proxecto visitou o Concello para agradecer o apoio á escavación que se levou a cabo no recinto funerario e que se centrou “nos enterramentos irregulares que os golpistas de 1936 realizaron no cemiterio municipal”, tal e como sinalaron dende o grupo de investigación Histagra, da USC.

Tras a consulta documental e do fondo oral de Terra e Memoria, Unidade de Patrimonio Documental e Oral Contemporáneo; así como a través de entrevistas realizadas de novo, concluíuse que, dos 18 corpos susceptibles de estar na foxa, tan só se poderán identificar tres, xa que o resto ou ben desapareceu baixo novas construcións do cemiterio, ou ben non hai parentes vivos, sinalan os investigadores no informe que resume as actuacións desenvolvidas ata o de agora. Así, presentáronse as primeiras conclusións á espera da análise definitiva dos restos aparecidos que está a ser levada a cabo polo forense Fernando Serrulla e o equipo de Medicina Legal do catedrático da USC, Ángel Carracedo.

Longo percorrido

En 2008, estableceuse un protocolo de actuación para levar a cabo as exhumacións das fosas da guerra civil e da ditadura en Galicia. A USC e a Consellaría de Cultura asinaron un acordo de colaboración polo que historiadores, arqueólogos, forenses e xenetistas constituirían un equipo de investigación que, profesionalmente, abordaría estas tarefas. Dous anos despois, o proxecto interuniversitario Nomes e Voces asinou un convenio co Ministerio de Xustiza para elaborar o Mapa de Fosas de Galicia e, a fins desa década, o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a realizar as tarefas de análise e dignificación dos espazos de morte da comunidade.

Con estes antecedentes, en maio de 202 constitúese un equipo de investigación, onde se integra persoal investigador da USC para levar a cabo as primeiras exhumacións realizadas en Galicia ao abeiro dos poderes públicos. Neste primeira xeira do Plan Cuadrienal, enfocouse o traballo, alén de en Vilagarcía, nas fosas de Crecente e na análise dos restos que foran exhumados en 2018 en Aranga. Ademais, procedeuse a completar o Mapa de Fosas de Galicia, e establecer inercias de traballo que aseguren unha comunicación axeitada coa sociedade para que, de ser o caso, se produzan novas intervencións o ano que vén.

O achado de restos de tres persoas mantén a esperanza na exhumación de Vilagarcía

“Así, os familiares de Manuel Hermo, natural de Ribeira e asasinado en Lousame puxéronse en contacto con nós para que se procedera á súa exhumación, e a Asociación de Memoria Histórica de Celanova, xunto ao goberno do principado de Asturias tamén solicitaron a nosa colaboración nos traballos de documentación, arqueolóxicos e forenses da fosa común de presos existente no cemiterio desta localidade ourensá. Ambas tarefas serán programadas en 2022”, apuntan dende Histagra.

Como se especifica no informe que resume as actuacións do Plan, ademais da de Vilagarcía, levouse a cabo a exhumación dunha das fosas de Crecente, a situada no atrio da igrexa de San Pedro de Filgueira, “aparecendo restos de corpos que, nunha primeira análise forense semellan compatibles co que buscamos, o carpinteiro de Arnoia César Alberto Domínguez”. Os outros dous enterramentos, tras o estudo histórico realizado, a consulta de arquivos e a fonte oral, foron localizados baixo as augas do embalse de Frieira, o que imposibilita as tarefas de exhumación e análises posteriores.

Colaboración da cidadanía

“O contacto cos axentes sociais é imprescindible”, sinalou o investigador principal de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto. “Facemos un chamamento a todas aquelas persoas que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativos ás mesmas”, engadiron dende este grupo de investigación da USC. Pódese contactar con Histagra no mail histagra@usc.es ou no teléfono 881 812 734.

“Queremos levar a cabo unha profunda investigación e posta ao día do mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de persoas asasinadas pola violencia franquista”, apuntan dende Histagra. Alén da coordinación de Fernández Prieto, integran o equipo o arqueólogo e profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo; o catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, quen se encarga da análise xenética; e o médico forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), Fernando Serrulla Rech, encargado da investigación forense dos restos humanos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.