A exposición ao radon causa un 7% das mortes por cancro de pulmón en Galicia

Un estudo da USC constata que a comunidade galega é a que rexistra maior mortalidade atribuída a este gas radiactivo que emana do solo

As concentracións de radon, e o risco asociado de cancro de pulmón, son meirandes en zonas con substratos graníticos, como Galicia. Imaxes: USC.
As concentracións de radon, e o risco asociado de cancro de pulmón, son meirandes en zonas con substratos graníticos, como Galicia. Imaxes: USC.

É amplamente coñecido que o tabaquismo provoca boa parte da mortalidade por cancro de pulmón no mundo. Porén, nalgunhas áreas do planeta hai un risco engadido: onde o substrato xeolóxico é, por exemplo, granítico, a desintegración do uranio nestas rochas dá paso ao radon, un gas nobre, radiactivo e carcinóxeno. E ese é o caso de Galicia, unha das zonas da península ibérica con maiores concentracións deste gas, que multiplica o risco de tumores de pulmón en persoas fumadoras e, do mesmo xeito, pode provocar a doenza noutras persoas.

Neste sentido, un estudo de investigadores da Facultade de Medicina da USC, que compoñen o Laboratorio de Radon de Galicia acaban de publicar un estudo en colaboración co Ministerio de Sanidade e o Consello de Seguridade Nuclear no que se estima o impacto do radon na mortalidade por cancro de pulmón en España no ano 2017. A investigación constata que a exposición ao radon está detrás do 4% das mortes que se producen en España por mor do cancro de pulmón. En Galicia, esta porcentaxe ascende ata o 7% das mortes.

Mapa de concentración do radon nos concellos de Galicia, amosando as porcentaxes de medicións superiores a 200 bq/m3 (esquerda) e 300 bq/m3 (dereita). Fonte: radon.gal.
Mapa de concentración do radon nos concellos de Galicia, amosando as porcentaxes de medicións superiores a 200 bq/m3 (esquerda) e 300 bq/m3 (dereita). Fonte: radon.gal.

O obxectivo principal da análise, liderada polo profesor da USC Alberto Ruano Raviña, foi estimar a mortalidade por cancro pulmonar producida pola exposición a radon en España e nas súas comunidades autónomas. “O estudo aplica, por primeira vez, unha corrección da exposición a radon pola altura da vivenda, xa que as persoas que viven en pisos altos teñen unha menor exposición”, sinala o profesor Ruano. Logo do 7% de mortes identificadas en Galicia pola exposición a este gas canceríxeno, a segunda comunidade máis afectada é Extremadura, cun 6,9%. “Os datos indican que, de non corrixir a exposición a radon pola altura da vivenda, a carga de mortalidade duplicaríase”, engade Alberto Ruano. A meirande parte destas mortes ocorren en homes fumadores e exfumadores, xa que os dous factores conflúen nun notable aumento do risco de cancro.

Para esta investigación usáronse datos do Mapa de Radon de España, cedidos polo Consello de Seguridade Nuclear —no que tamén colaborou o Laboratorio de Radon de Galicia— e riscos de cancro pulmonar obtidos nun estudo internacional, publicado en 2020 polos mesmos investigadores, que incluíu a preto de 4.000 participantes. “Segundo a base de dados expertscape, a investigación sobre radon desenvolvida polos investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia da USC sitúase á vangarda internacional no estudo do radon residencial”, apunta o profesor Ruano.

Os autores lembran que a directiva europea de protección contra radiacións ionizantes debería estar en vigor en España desde 2018

Os resultados desta investigación teñen importantes implicacións para o desenvolvemento de políticas públicas de redución da concentración deste gas nas vivendas e para a aplicación da directiva europea de protección fronte ás radiacións ionizantes, tanto para poboación xeral coma para traballadores. “A directiva xa debería estar en vigor en España dende 2018. Cabe destacar que toda vivenda nova debe ter protección antirradon, tal e como indica o novo Código Técnico da Edificación e que as medicións deben facerse por Laboratorios acreditados”, sinala Alberto Ruano.

Polo de agora, o Laboratorio de Radon de Galicia é un dos poucos a nivel estatal —e o único a nivel autonómico— acreditado para facer ditas medicións, xa que conta coa acreditación da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) e o rexistro en RELAGA, onde se inscriben os Laboratorios e Entidades de Control da Calidade da Edificación de Galicia habilitados para o exercicio da súa actividade e pertencente á Xunta de Galicia, todos eles requisitos obrigatorios para a medición de radon en vivendas.

Este estudo enmárcase no grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia en Epidemioloxía e Saúde Pública, coordinado polo profesor Ruano, así como no Plan Nacional de Radon, alén de ser comisionado polo Ministerio de Sanidade ós investigadores da USC.


Referencia: Lung cancer mortality attributable to residential radon exposure in Spain and its regions (Publicado en Environmental Research).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.