As vacinas, un cortalumes para a transmisión da Covid-19

As vacinas actualmente dispoñibles contra o coronavirus SARS-CoV-2 non son ‘esterilizantes’, é dicir, non están deseñadas para impedir a replicación do virus na mucosa das vías respiratorias superiores. Así pois, unha persoa vacinada pode infectarse e, aínda que non desenvolva Covid-19 grave, pode transmitir a infección. Esa é a teoría, e de aí a insistencia en que as persoas vacinadas sigan tendo que respectar as medidas de prevención clave: máscara, metros de distancia, mans limpas, menos contactos, máis ventilación e illarse se hai síntomas.

No pasado medio ano, estudos en numerosos países, con centos de miles de persoas en total, puxeron a proba no mundo real este feito teórico para aclarar se as vacinas ademais frean a infección e a transmisión a outros.

Publicidade

Menos carga viral

En febreiro empezaron a chegar os primeiros datos positivos, da vacinación en Israel —iniciada o 20 de decembro de 2020—: en efecto, había persoas vacinadas que se seguían infectando, pero nelas a carga viral reducíase moito. O esperable é que cuantos menos virus porte unha persoa, menos probabilidades haxa de que os transmita, así que o observado en Israel apuntaba a “un grao de infectividade [da persoa contaxiada] substancialmente menor”, escribían os autores do traballo, publicado en Nature Medicine.

O mesmo suxería, tamén en febreiro, un estudo entre o persoal de hospitais británicos que atopaba “sólidas evidencias” de que as vacinas “preveñen de maneira efectiva as infeccións tanto sintomáticas como asintomáticas”, e que por tanto reducen “a transmisión entre a poboación”.

Publicidade

Menos infeccións

A principios de abril o Centro de Control de Enfermidades (CDC) estadounidense publicou os resultados dun seguimento a uns 4.000 sanitarios vacinados, que amosaba unha eficacia de ata o 90% nas vacinas á hora previr a infección.

En España tamén se compilaron evidencias positivas. Un traballo en Cataluña con máis de 100.000 traballadores de hospitais e residencias, e cos propios residentes, atopaba unha redución de entre un 85% e 96% da infección.

Un informe publicado a finais de maio (PDF) polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) do Ministerio de Sanidad conclúe, á luz destes estudos: “Segundo a evidencia dispoñible podemos afirmar que a eficacia das vacinas aprobadas na actualidade é alta e, por tanto, o risco de infección tras a exposición ao virus é moi baixo”.

Menos tempo de eliminación do virus

Outro parámetro analizado é o tempo durante o cal unha persoa infectada emite partículas virais potencialmente capaces de infectar a outros. E neste punto os resultados son igualmente alentadores: un estudo coa vacina de AstraZeneca achou que este tempo foi dunha semana en vacinados, fronte a dúas semanas en non vacinados.

Para o informe do CCAES, “hai indicios de que, en caso de infección tras a vacinación, ademais da redución da carga viral, tamén podería estar reducido o tempo de eliminación do virus”.

Protección indirecta

Como se confirma, en efecto, dado o seu menor risco de infección e a súa baixa carga viral en caso de infección, unha persoa vacinada transmite menos o SARS-CoV-2? A proba clave é medir a protección indirecta, é dicir, as infeccións na contorna de persoas vacinadas.

Nun estudo realizado en Escocia cuns 145.000 traballadores sanitarios e 95.000 conviventes observouse que, ás dúas semanas da vacinación, os conviventes dos traballadores vacinados infectados tiñan un menor risco de infección que os conviventes de traballadores sanitarios non vacinados.

As vacinas evitaron 3.500 mortes en residencias só no primeiro trimestre de 2021

Na mesma liña van os resultados do traballo levado a cabo en residencias de maiores españolas durante o primeiro trimestre de 2021. Ademais de evitar “polo menos 17.000 casos e 3.500 falecementos” no primeiros tres meses do programa de vacinación en España, as autoras conclúen que “a vacinación foi moi eficaz para evitar infeccións, tanto sintomáticas como asintomáticas”, e que conferiu unha alta protección indirecta: “Nas residencias de maiores en España viuse que o risco de infectarse por SARS-CoV-2 tamén foi menor nos residentes que non se vacinaron, de forma moi parecida aos vacinados”.

Manter a cautela

Segue vixente, con todo, a recomendación de cautela, entre outras razóns porque aínda non se sabe canto dura a protección das vacinas.

Como lembra o inmunólogo José Gómez Rial, do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e Coordinador de Inmunoloxía no Grupo de Investigación en Vacinas GENVIP, “o funcionamento das vacinas no mundo real mostra que as vacinas parecen reducir a contaxiosidade e frear a transmisión”, pero “tamén datos en vida real están a mostrar brotes en residencias onde todos están vacinados, brotes asintomáticos ou sintomáticos leves pero que indican que dalgún modo segue habendo transmisión entre os vacinados”.


Este artigo forma parte da iniciativa Voces Expertas, unha sección de divulgación coordinada pola Axencia SINC na páxina web da estratexia de vacinación contra a Covid-19 do Goberno de España (vacunacovid.gob.es).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Un estudo vencella a exposición ás larvas dos ‘Anisakis’ co cancro de colon

Os investigadores subliñan que una presenza anormal do verme no organismo podería axudar a identificar unha maior susceptibilidade de desenvolver células canceríxenas no futuro

Nova vítima mortal de Crimea-Congo: que é, como se contaxia e como pode afectar a Galicia

O virus que causa a enfermidade da febre hemorráxica xa está a circular no territorio galego, segundo o último informe do laboratorio que realiza o seu seguimento